Nos últimos sete días, o Sergas rexistrou 32.606 casos novos da COVID-19. Pero nese período -das 00:00 do día 4 ás seis da tarde do día 10-, os casos detectados mediante probas diagnósticas de infección activa (PDIA) realizadas polo propio Servizo Galego de Saúde foron 24.474.
Case 8.200 dos 32.600 casos rexistrados polo Sergas nos últimos sete días son positivos de autotest mentres os achados mediante probas do propio sistema sanitario descenden con claridade
Segundo confirmou a Consellería de Sanidade a preguntas de Praza.gal, esa fenda entre ambas cifras débese a que, en aplicación dos protocolos vixentes dende finais de decembro, o Sergas xa dá como válidos a todos os efectos os positivos detectados mediante test feitos na casa -os autotest de antíxeno- sen necesidade de confirmación posterior mediante PCR realizada por persoal sanitario.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, ata agora os casos detectados mediante PDIA do Sergas e a cifra total de cada día era practicamente idéntica, con escasas oscilacións que tiñan a súa orixe noutro tipo de probas -moi escasas- ou mesmo en pequenos desaxustes no cómputo. Pero, dende o pasado día 4, os datos comezan a reflectir unha entrada de autotest que pasa a ser especialmente significativa dende o día 7. En total, 8.133 positivos incorporados ao sistema nunha semana, unha cuarta parte do total.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, se os datos de incidencia da COVID-19 tivesen só en conta os test procesados polo propio Sergas, estes levarían xa unha semana en claro descenso. Pola contra, a suma dos auto test mantén os números nunha relativa estabilidade en cotas inéditas no que vai de pandemia, nas que seguen sendo habituais os días con máis de 3.000 ou 4.000 casos novos.
Deste xeito, xa é posible afirmar que os datos xa reflicten unha realidade diferente a respecto do coronavirus, tal e como anticipaban as mudanzas nos protocolos. Cando menos unha cuarta parte dos positivos son xa produto dos devanditos autotest, sen supervisión sanitaria en canto á súa realización, pero tamén maioritariamente -segundo o agardado por Sanidade- procedentes de persoas asintomáticas ou con síntomas escasos ou leves.
A entrada en xogo dos autotest é tamén clave para entender a viraxe da liña da incidencia acumulada máis inmediata, os casos novos por cada cen mil habitantes rexistrados nos últimos sete días. Tras emprender unha clara baixada dende o día 4, retomou a senda ascendente e sitúase agora arredor dos 1.202 casos novos por cada cen mil habitantes. Mentres, a 14 días este indicador xa rolda os 2.400. Non obstante, o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, subliñaba a pasada semana que as autoridades sanitarias tenden cada vez máis a relativizar este indicador por mor da ampla cobertura da vacinación e pola alta cantidade de casos asintomáticos.
Nesa mesma análise, o titular de Sanidade sinalaba que agardaban aínda varios días ou semanas de incremento no número de persoas con test positivo que requirisen asistencia hospitalaria, cifras que en todo caso -agardaban- quedarían moi por baixo das de hai un ano, cando a incidencia acumulada era menos dun terzo da actual. Ás seis da tarde do pasado luns eran 510 as persoas coa COVID que ocupaban camas nos hospitais galegos, 137 máis que unha semana antes. Mentres, a ocupación das UCI segue en torno ao medio cento de pacientes coa COVID, na liña das últimas semanas.
As persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 seguen aumentando, pero de xeito contido, e roldan as 500. Mentres, o total de casos activos supera os 70.000, incrementando a presión en puntos do sistema como a Atención Primaria
No que atinxe á mortalidade, o Sergas rexistra nos últimos sete días con datos completos unha media duns 6 falecementos de persoas coa COVID por xornada e o total sitúase xa nas 2.827. É un indicador xa claramente superior ao do pasado verán, pero moi por baixo da vaga posterior ao Nadal 2020-21, cando Galicia chegou a superar unha media diaria dunhas 25 mortes.
Neste contexto, a carga asistencial ligada á pandemia aumenta nos hospitais, pero dun xeito relativamente contido e moi afastado do que acontece noutros elos do sistema como a Atención Primaria. Non en van, os casos activos -engrosados tamén polos positivos mediante autotest- superaron xa por primeira vez os 70.000, coa conseguinte presión en mecanismos como a xestión de baixas laborais ou de aparición de posibles síntomas en persoas diagnosticadas que teñen prescrito o illamento.