Os protocolos de detección e seguimento da COVID-19 vixentes dende finais de decembro implican que o Servizo Galego de Saúde dea por válidos a todos os efectos os positivos rexistrados mediante autotest, isto é, os detectados a través de test de antíxeno feitos na casa, sen necesidade de confirmación posterior por parte do persoal sanitario. Como vén informando Praza.gal, en apenas unha semana o peso destas probas xa era tal que un de cada cada catro casos novos rexistrados polo Sergas procedían de autotest. A tendencia non fai máis que medrar e así, nos últimos días, a maioría dos positivos das dúas áreas sanitarias máis poboadas, as da Coruña e Vigo, xa chegan por esta vía.
Máis da metade dos 7.600 casos novos rexistrados no conxunto de Galicia o pasado martes, día 10, eran resultados de test feitos na casa
O cómputo xeral de Sanidade incorporou este 12 de xaneiro algo máis de 8.300 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. É unha cifra inédita nestes ciclos de vinte e catro horas. En termos de días naturais, o pasado luns 10 marcou outro máximo, con máis de 7.600 dos que máis da metade, case 4.500, eran positivos de autotest e os restantes 3.170, casos detectados mediante probas de infección activa (PCR ou antíxeno) realizadas por persoal sanitario.
Os casos activos superan os 76.000 (entre eles, 412 residentes en centros de maiores), pero o total baixará apreciablemente dende este día 13 ao reflectir xa os datos a redución dos illamentos a 7 días para persoas asintomáticas
A Consellería de Sanidade ten previsto que, dende este 13 de xaneiro, o seu sitio web de seguimento da pandemia amose directamente unhas cifras absolutas de positivos mediante autotest que tamén contribúen a engrosar o cómputo total de casos activos, que ás seis da tarde do mércores superaban xa a cifra dos 76.000. Entre eles compútanse 412 persoas que viven en residencias da terceira idade -105 da residencia propiedade da Xunta en Bembrive (Vigo), xestionada por DomusVi- e 11, en centros de atención á discapacidade. A maioría dos casos nestas instalacións son leves ou asintomáticos grazas á vacinación, subliña Sanidade.
O volume de casos activos, non obstante, está a piques de diminuír de xeito apreciable porque Sanidade se dispón tamén a aplicar aos seus datos outra das mudanzas dos novos protocolos, a redución de illamentos de 10 a 7 días para positivos asintomáticos. Deste xeito, un bo número de positivos considerados activos deixarán de ter tal consideración aos sete días de ser notificados.
Sete de cada dez dos case 2.000 positivos notificados pola área viguesa o día 10 foron de autotest
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, o impacto dos autotest nos datos xerais de casos novos detectados en Galicia empezou a ser significativo dende o pasado 7 de xaneiro. Ao poñermos o foco nestes últimos cinco días -cómpre ter en conta que os datos do martes 11 chegan, polo momento, ata as seis da tarde dese día- e desagregarmos os datos por áreas sanitarias xa é posible observar como as áreas sanitarias da Coruña e Vigo acumulan xa tres días completos consecutivos con maior cantidade de casos procedentes de positivos en autotest que de probas realizadas no sistema sanitario
Así, por exemplo, sete de cada dez positivos notificados pola área viguesa o pasado 10 de xaneiro (en total foron case 2.000) chegaron pola vía dos autotest. Nese mesmo día, a área da Coruña-Cee rexistrou case 1.500 casos novos e máis do 60% foran probas realizadas na casa. Tamén ese 10 de xaneiro as áreas sanitaria de Ferrol, Lugo, de Pontevedra - O Salnés rexistraron máis positivos en autotest que en probas do Sergas e o mesmo sucedera no día anterior na área de Santiago - Barbanza. Polo momento, a única área onde non aconteceu é na de Ourense.
A extensión dos autotest é unha das medidas que tanto a Consellería de Sanidade como o Consello Interterritorial de Saúde -que xunta o Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas- defenderon para procurar descargar elos do sistema como os centros de saúde ou os laboratorios. Ante o gran número de casos, sinalaron, o plan foi "priorizar" as persoas con síntomas ou en situacións vulnerables (de idade avanzada, pacientes inmunodeprimidos ou mulleres embarazadas nas probas PCR. Mentres, no caso galego, os test de antíxeno voluntarios vólvense realizar tamén en puntos habilitados polo Sergas ao efecto nos últimos días.
As persoas hospitalizadas coa COVID roldan as 500 e as camas de UCI ocupadas por pacientes con esta doenza seguen arredor do medio cento
O gran número de casos que seguen a agromar, en boa medida polos test feitos na casa, provocou que as incidencias acumuladas da COVID-19 abandonasen os sinais de posible descenso para continuar aumentando, cando menos polo momento, aínda que a un ritmo máis contido que en semanas anteriores. Na actualidade, a incidencia acumulada a 14 días vai camiño dos 3.000 casos novos por cada cen mil habitantes e a sete días achégase aos 1.400.
Neste contexto, nos últimos días o incremento da incidencia tradúcese nun aumento do número de pacientes coa COVID-19 que requiren hospitalización, se ben ata niveis moi inferiores aos de hai un ano, cando a incidencia acumulada non era nin un terzo da actual. Ás seis da tarde do martes eran 508 as persoas ingresadas con test positivo do coronavirus, 154 máis que hai unha semana. Dentro do total, eran 55 as que estaban na UCI, unha menos que sete días antes.
Ao tempo, os datos de mortalidade seguen trazando un lixeiro ascenso e a media a sete días marca uns 6 falecementos diarios de persoas que deran positivo por COVID-19. Son algo menos dunha cuarta parte que hai un ano e o total chega a 2.829 dende o comezo da pandemia.