Educación repartirá probas de saliva nas aulas cun positivo por COVID para que o alumnado as faga na casa na mañá do día seguinte

Aula de Primaria nun centro educativo galego CC-BY-SA Xunta

Feijóo di que a medida está pendente de que as consellerías de Educación e Sanidade acorden o protocolo e anuncia que o vindeiro mércores 19 de xaneiro comeza a vacinación coa terceira dose das persoas de 39 ou menos anos

A Xunta anunciou este xoves a súa intención de repartir probas de detección da COVID-19 na saliva nas aulas nas que se detecten casos positivos. O alumnado recibirá a proba nas aulas cando o centro sexa coñecedor do caso positivo e deberá facela na casa na mañá do día seguinte -as probas de saliva teñen a recomendación de realizarse pola mañá- antes de acudir de novo ao centro para xa non facelo no caso de resultar positiva.

Segundo indicou o presidente Feijóo, a medida está pendente de que as consellerías de Educación e Sanidade acorden o protocolo concreto de aplicación. Serán, dixo Feijóo, uns 50.000 test de saliva “para intentar diminuír as interaccións nas aulas”.

Cola para vacinación coa terceira dose de reforzo esta semana na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

O presidente tamén anunciou este xoves que o vindeiro mércores 19 de xaneiro comezará en Galicia a vacinación coa terceira dose das persoas de 39 anos ou menos, de xeito progresivo e decrecente, unha vez que esta semana se dará por rematada a das persoas maiores de 40 anos. A medida chega despois de que o Consello Interterritorial de Saúde decidise este mesmo xoves estender a dose de reforzo da vacina a toda a poboación maior de 18 anos e que o intervalo para a súa aplicación sexa de cinco meses desde a segunda.

Galicia tamén pasará a tramitar a alta automática aos sete días de xeito simultáneo á baixa das persoas positivas por COVID pero sen síntomas

Igualmente, Feijóo confirmou que Galicia tamén pasará a tramitar a alta automática aos sete días de xeito simultáneo á baixa das persoas positivas por COVID pero sen síntomas. Isto é, se ata agora a alta debía ser confirmada aos sete días, agora no mesmo momento en que unha persoa sen síntomas reciba a baixa por dar positivo por COVID terá de xeito automático fixada a data de alta sete días máis tarde. Se nese tempo a persoa desenvolvese síntomas sería cando ela tería que poñerse en contacto co sistema sanitario para que este decidise sobre a prórroga desa baixa. 

Feijóo, nunha visita a un centro de saúde CC-BY-SA Xunta

Por outra banda, o Consello Interterritorial tamén fixou este xoves que os test de antíxeno da COVID non poderán ser vendidos ao público por máis de 2,94 euros. A orde publicarase no BOE mañá e estará en vigor o sábado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.