A actual vaga da pandemia suma 130.000 positivos en Galicia no último mes, dos que 1.300 foron hospitalizados, 140 nas UCI

Espera para a realización dun test gratuíto de antíxenos en Lugo © Xunta

A actual vaga da pandemia continúa a súa marcha nesta particular costa de xaneiro. Este domingo mantéñense as mesmas tendencias apuntadas nos días e semanas anteriores, cunha gran cantidade de positivos detectados, estabilidade nas UCI e aumento no número de persoas hospitalizadas con COVID. 

Haberá que agardar aos vindeiros días para comprobar se estamos chegando ao pico da actual onda, o momento no que a incidencia do virus comezará a descender

O Sergas notifica a detección de 7.838 novos casos, sumando os achados a través de probas diagnósticas de infección activa (PDIA) realizadas no propio sistema sanitario e os autotest feitos na casa. As cifras seguen en máximos de toda a pandemia, aínda que o cambio de protocolo, coa inclusión nas medicións das probas feitas na casa, fai difícil a comparación coas xornadas anteriores. Haberá que agardar aos vindeiros días para comprobar se estamos chegando ao pico da actual onda, o momento no que a incidencia do virus comezará a descender.

Neste último mes Galicia sumou 131.059 novos casos, fronte aos 200.000 que se rexistraran nos 20 meses anteriores de pandemia

O número de casos activos aumenta ata os 72.441, achegándose ao seu máximo da pandemia (75.768), acadado hai uns días, unha cifra que descendeu abruptamente co acurtamento dos illamentos de positivos "asintomáticos ou con sintomatoloxía leve" de 10 a 7 días. 

Levamos ao redor dun mes sufrindo os efectos da actual onda, cuxo inicio podemos fixalo a mediados de decembro, aínda que a cifra de casos detectados cada día viñera incrementándose dende comezos de novembro. O 15 de decembro, por exemplo, detectáronse 1.140 novos positivos (sete veces menos), había 53 persoas con COVID nas UCI (unha menos que hoxe) e 218 noutras unidades de hospitalización (300 menos que na actualidade). Dende aquel día non houbo ningunha xornada que se engadisen menos de mil casos diarios.

Ao redor de 141 persoas con COVID tiveron que ser ingresadas nas UCI no último mes e algo menos de 1.300 noutras unidades de hospitalización

Neste último mes Galicia sumou 131.059 novos casos, fronte aos 200.000 que se rexistraran nos 20 meses anteriores de pandemia. Afortunadamente, a menor gravidade da variante ómicron e -sobre todo- a protección ofrecida polas vacinas limitou ao máximo o número de persoas que sufriron unha enfermidade grave derivada do virus, con preto de 1.300 pacientes con covid ingresados nos hospitais galegos. Ademais, unha parte importante (estimacións noutros territorios, como Madrid ou Catalunya cifran no 40%) non estivo ingresada por patoloxías relacionadas co coronavirus senón por outras causas, aínda que figuran na estatística por ter dado positivo em COVID nunha proba de detección.

De igual xeito, ao redor de 141 persoas con COVID tiveron que ser ingresadas nas UCI. Desafortunadamente, o número de persoas falecidas despois de ter contraído a enfermidade segue a ser moi elevado, cun total de 135 mortes no último mes.

Está a aumentar o número de persoas con COVID ingresadas. Este domingo son 515, o que eleva a 569 a cifra total de casos positivos hospitalizados, moi por riba das cifras máximas do pasado verán (345) 

Este domingo o número total de camas ocupadas por pacientes COVID nas UCI dos hospitais galegos é de 54, manténdose estable dende hai varias semanas. No último mes, a pesar da explosión de contaxios a cifra moveuse entre 46 e 56, sen superar esta cifra.

Pola contra, si que está a aumentar o número de persoas con COVID ingresadas noutras unidades de hospitalización. Este domingo son 515, o que eleva a 569 a cifra total de casos positivos hospitalizados, moi por riba das cifras máximas do pasado verán (345) pero aínda moi lonxe dos números da onda invernal do pasado ano (1.439 camas ocupadas no pico daquela vaga).

No último mes morreron 135 persoas con COVID, unha media de catro ao día

Finalmente, a cifra total de persoas falecidas despois de ter enfermado de COVID continúa a incrementarse. Este domingo hai que sumar dous novos falecementos, que elevan a 2.845 o número dende o inicio da pandemia. Son 135 dende o pasado 16 de decembro, unha media de catro ao día, cifras moi elevadas aínda, aínda que lonxe das que se rexistraban nas ondas anteriores ao inicio do proceso de vacinación. Por exemplo, en xaneiro do pasado ano 2021 morreron en Galicia 338 persoas con COVID e 466 faleceron en febreiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.