Galicia mantén o aluvión de positivos de COVID, pero os casos que necesitan hospitalización seguen a ser poucos

Persoal dun centro hospitalario galego no outono de 2020 CC-BY-SA Xunta

As cifras de positivos seguen en máximos de toda a pandemia, aínda que o cambio de protocolo, coa inclusión nas medicións das probas feitas na casa, fai difícil a comparación coas xornadas anteriores

O Sergas informa este sábado da detección de 8.615 novos positivos de COVID, sumando os achados a través de probas diagnósticas de infección activa (PDIA) realizadas no propio sistema sanitario e os autotest feitos na casa. As cifras seguen en máximos de toda a pandemia, aínda que o cambio de protocolo, coa inclusión nas medicións das probas feitas na casa, fai difícil a comparación coas xornadas anteriores. 

Aínda que o número de positivos engadidos este sábado marca un novo récord nos case dous anos de pandemia que levamos, é posible igualmente que esteamos chegando ao pico da actual onda, como o Sergas vén anticipando dende hai semanas, cando superou o punto máximo de contaxios a mediados de xaneiro. Haberá que agardar aos vindeiros días para comprobar se as cifras de novos casos comezan a descender.

O número de casos activos aumenta ata os 69.717, achegándose ao seu máximo da pandemia (75.768), acadado hai uns días, unha cifra que descendeu abruptamente co acurtamento dos illamentos de positivos "asintomáticos ou con sintomatoloxía leve" de 10 a 7 días. 

As cifras de incidencia seguen tamén en máximos, aínda que se comeza a ver unha ralentización no incremento dos valores xerais e mesmo un descenso nos datos do grupo de mozos e mozas de 20 a 29 anos

No último mes detectáronse en Galicia máis de 125.000 positivos de COVID. A boa nova é que a inmensa maioría destes casos son asintomáticos ou teñen unha sintomatoloxía leve. De feito, o número de camas ocupadas nas UCI por pacientes COVID (56) mantense estable dende mediados de decembro. Si aumenta o número de camas ocupadas noutras unidade hospitalarias por pacientes ingresados con  COVID, aínda que unha parte importante deles non estean a sufrir efectos graves da enfermidade e están no hospital por outras patoloxías. 

As cifras de incidencia seguen tamén en máximos, aínda que se comeza a ver unha ralentización no incremento dos valores xerais e mesmo un descenso nos datos de incidencia do grupo de mozos e mozas de 20 a 29 anos, o que rexistra un maior número de casos por habitante.

Hai un mes había xa 53 pacientes COVID nas UCI e a pesar do aluvión de positivos, nestes 31 días as cifras movéronse entre as 46 e as 56

A actual onda da pandemia caracterízase por un número de positivos moi superior, pero coa aparición de moi poucas enfermidades graves entre as persoas contaxiadas. Dende hai un tempo, polo tanto, hai que emprestar moita máis atención aos indicadores hospitalarios, sobre todos aos ingresos en UCI (e, por suposto, ás cifras de falecementos). 

Estes, afortunadamente, mantéñense estables. Neste momento hai 56 persoas con COVID ingresadas nas UCI galegas. Son tres máis que onte e cinco máis que o sábado pasado, pero en xeral este indicador mantense estable dende hai un mes. O pasado 15 de decembro había xa 53 pacientes COVID nas UCI e a pesar do aluvión de positivos, nestes 31 días as cifras movéronse entre as 46 e as 56.

Si presenta unha clara tendencia de aumento o número de persoas ingresadas noutras unidades hospitalarias ás que se lles detectou o virus a través dunha proba diagnóstica

Si presenta unha clara tendencia de aumento o número de persoas ingresadas noutras unidades hospitalarias ás que se lles detectou o virus a través dunha proba diagnóstica. Neste momento ocupan 483 camas, máis do dobre que o 15 de decembro (218) e 130 máis que o pasado sábado. O número total de positivos hospitalizados (539) está xa moi por riba das cifras máximas do pasado verán (345) pero, por suposto, moi lonxe dos números da onda invernal do pasado ano (1.439 camas ocupadas no pico daquela vaga).

Dende o pasado 15 de decembro morreron 133 persoas con COVID en Galicia, cifras moi elevadas aínda, aínda que lonxe das que se rexistraban nas ondas anteriores

Con todo, a COVID segue a provocar falecementos, ao redor de 30 na última semana, sumando un total de 2.843 dende o inicio da pandemia. Son 133 dende o pasado 15 de decembro, unha media de catro ao día, cifras moi elevadas aínda, aínda que lonxe das que se rexistraban nas ondas anteriores ao inicio do proceso de vacinación. Por exemplo, en xaneiro do pasado ano 2021 morreron en Galicia 338 persoas con COVID e 466 faleceron en febreiro.

As persoas non vacinadas ocupan 32 veces máis camas de UCI en función do seu número total

Grazas á vacinación o actual aluvión de positivos está a provocar cifras moi reducidas de enfermidades graves e de ingresos hospitalarios por COVID, facendo a actual variante dominante do virus, ómicron, moito menos lesiva. Os datos do Ministerio de Sanidade sinalan que as persoas non vacinadas están a contaxiarse cinco veces máis que as vacinadas. De igual xeito, as persoas de máis de 80 anos non vacinadas teñen un risco de morte 17 veces superior no caso de non contar coa protección da vacina. Neste momento, ademais, as persoas non vacinadas ocupan 32 veces máis camas de UCI en función do seu número total que as persoas vacinadas.

O 75% das persoas entre 40 a 49 anos contan xa coa dose de reforzo e, de igual xeito, o 75% dos nenos e nenas recibiron xa a primeira dose da vacina 

O ritmo de vacinación en Galicia segue a ser o máis avanzado no Estado español. Así, o 94% das persoas de máis de 60 anos teñen xa a dose de reforzo, o mesmo que o 91% das persoas entre 50 e 59 anos e mesmo o 75% do grupo de 40 a 49 anos, que nesta semana finalizou a súa convocatoria.

Ademais, a vacinación infantil de 5 a 11 anos tamén acadou o 75% de nenos e nenas coa súa primeira dose. En breve comezará a administración da segunda dose para os rapaces de 11 anos e menos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.