É o momento de comezar a xestionar a COVID como unha gripe? Expertos apostan polo "cambio de fase", pero con "prudencia"

Máscara de protección deitada nunha rúa do centro da Coruña CC-BY-NC-SA Praza.gal

Dende hai semanas está sobre a mesa o debate sobre se debemos mudar por completo a maneira en que xestionamos a COVID. Cada vez son máis as voces que defenden que a actual pandemia debería comezar a considerarse unha enfermidade endémica, unha endemia, unha doenza con elevada prevalencia que afecta de forma intermitente pero recorrente (moitas veces de maneira estacional) a unha poboación. 

O Ministerio de Sanidade anunciou que xunto coas comunidades autónomas está a deseñar un plan para mudar o sistema de vixilancia da COVID para adoptar un máis semellante ao que na actualidade se emprega para monitorizar cada inverno a gripe

Esta reflexión, en termos prácticos, levaría en primeiro lugar a contabilizar de xeito moi distinto os casos positivos, pasando a facelo, coma na gripe, non de maneira exhaustiva senón a través dunha rede de médicos e hospitais sentinelas, que remitirían os seus datos para obter unha estimación do nivel de incidencia aproximado da enfermidade e da súa evolución. Os contaxios de COVID tamén se vixilarían de maneira moi diferente, sen rastrexo de contactos, corentenas nin illamentos só coa recomendación de que as persoas que presenten síntomas fiquen na casa ata superar a doenza. Así mesmo, as restricións e medidas xerais de prevención tamén se relaxarían, deixando que o virus circulase e centrando os esforzos en tratar os efectos máis negativos da infección.

Estamos xa nesa fase? A actual vaga invernal da COVID está a deixar máis casos positivos ca nunca, pero grazas á protección proporcionada pola vacinación masiva e á menor capacidade da variante ómicron para provocar enfermidades graves (aínda que resulte máis contaxiosa que as variantes anteriores), está a haber un número de ingresos hospitalarios moi inferior ao sufrido o pasado mes de xaneiro e, sobre todo, menos ingresos na UCI e menos mortes.

Carolina Darias, ministra de Sanidade © Ministerio de Sanidade

O luns da pasada semana o Ministerio de Sanidade anunciou que xunto coas comunidades autónomas está a deseñar un plan para mudar o sistema de vixilancia da COVID para adoptar un máis semellante ao que na actualidade se emprega para monitorizar cada inverno a gripe. "Temos que ir avaliando a evolución da COVID cara a unha enfermidade endémica”, afirmou Pedro Sánchez. 

Darias fixo un chamamento a "anticipar novos escenarios", tendo en conta as elevadas cifras de vacinación que presenta España. Este cambio, en todo caso, nunca se daría ata que se supere por completo a actual vaga da pandemia

Mentres, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou que España está a promover este debate no Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades para que a UE no seu conxunto adopte esta nova posición, que o Goberno central quere "liderar" nun regreso á "vella normalidade". Darias fixo un chamamento a "anticipar novos escenarios" e ollar cara a "novos horizontes", tendo en conta as elevadas cifras de vacinación que presentan España e algúns outros países. Este cambio, en todo caso, nunca se daría ata que se supere por completo a actual vaga da pandemia. Con todo, tamén son moitas as voces e organismos que, de momento, rexeitan de plano dar este paso, que conta coa oposición -de momento- da OMS ou da Axencia Europea do Medicamento, e o apoio da axencia de saúde pública europea (ECDC).

Tamén entre as sociedades médicas o debate está a darse con intensidade. A Semfyc aposta por “centrar os esforzos en protexer as persoas máis vulnerables en lugar de tratar de frear, probablemente con pouco éxito, a circulación do virus a nivel poboacional”

Tamén entre as sociedades médicas o debate está a darse con intensidade. Hai uns días a Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria (Semfyc) publicou un longo editorial na súa revista AMF. Baixo o título de 'Cara á fin da excepcionalidade', a entidade avoga por un regreso á "vella normalidade", asumindo que o virus non vai desaparecer, que a súa letalidade e efectos graves son cada vez menores e que, en cambio, a súa transmisibilidade é maior, aínda que moitas veces de forma asintomática, polo que xa non resulta posible detectar e rastrexar a maior parte dos casos. A Semfyc conclúe que “os gobernos deben centrar os seus esforzos en protexer as persoas máis vulnerables en lugar de tratar de frear, probablemente con pouco éxito, a circulación do virus a nivel poboacional”. 

"O obxectivo debe ser tratar a COVID como facemos coa gripe: diagnóstico clínico e recomendacións xerais sobre autocoidado e prevención de contaxios a persoas vulnerables, reservando a atención sanitaria para as persoas que o necesiten pola súa sintomatoloxía ou vulnerabilidade. Só así poderemos atender debidamente a quen de verdade o necesite, por COVID ou por calquera outra doenza", conclúe o editorial. Pola contra, as outras dúas grandes sociedades estatais de medicina de familia a SEMG e a Semergen, consideran precipitada esta análise e a posible decisión de mudar de forma tan radical a xestión da COVID.

Juan Gestal avoga tamén por "deixar a fase de Contención e pasar a de Mitigación, centrando a vixilancia epidemiolóxica nas persoas vulnerables e nos casos que precisan atención hospitalaria"

Juan Gestal, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, maniféstase de acordo con dar o paso a mudar o sistema de vixilancia epidemiolóxica. Gestal destaca que "estamos nunha fase epidemioloxica totalmente diferente, coa transmisión totalmente fóra de control pero a enfermidade no 95% dos casos son infeccións asintomáticas ou cadros leves". Neste senso, sinala que "o procedente é deixar a fase de Contención e pasar a de Mitigación, centrando a vixilancia epidemiolóxica nas persoas vulnerables e nos casos que precisan atención hospitalaria". "Nas pandemias, nun primeiro momento aplícanse medidas de Contención para tratar de impedir que o virus se transmita na comunidade, pero cando o virus xa sobrepasou todas as medidas e se transmite amplamente na comunidade e tempo de pasar a medidas de Mitigación. Esto é o que se debe facer agora", di.

Juan Gestal © Ed. Bolanda

Este cambio de fase permitiría "acadar un equilibrio" entre recuperar un funcionamento 'normal' da sociedade e manter elementos de precaución para a poboación máis vulnerable, facilitando que a Atención primaria "na actualidade totalmente colapsada, recupere a funcionalidade"

Nesta nova fase, explica Gestal, "os casos asintomáticos e leves trátanse polos propios cidadáns, o mesmo que se fai cos casos leves de gripe sen precisar ir ao médico. E céntrase a atención e os recursos nos vulnerables e nos casos que precisan ir ao hospital. Estamos no momento de dar este paso". Ademais, engade, este cambio de fase permitiría "acadar un equilibrio" entre recuperar un funcionamento 'normal' da sociedade e manter elementos de precaución para a poboación máis vulnerable, facilitando que a Atención primaria "na actualidade totalmente colapsada, recupere a funcionalidade". O profesor, con todo, pide evitar as comparacións coa gripe, sinalando que "se queda o SARS-COV-2 como unha enfermidade endémica posiblemente o faga como un catarro, o mesmo que outros coronavirus".

Con todo, sinala Gestal, este cambio non implica necesariamente eliminar tamén as restricións de aforos, horarios e outras medidas de prevención. "As restricións e medidas de prevención non cambian, o que o fai e a vixilancia epidemioloxica que agora en vez de centrarse en localizar a todos os casos oriéntase a localizar as persoas vulnerables e a aqueles casos que esixen tratamento hospitalario", subliña Gestal. 

Pola súa banda, Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá, tamén cre que a situación actual da pandemia permite facer certos cambios na xestión da COVID e planificar un futuro próximo na que nos enfrontemos ao virus dunha maneira moi distinta, pero pide "prudencia".

"O máis probable é que nalgún momento nos atopemos que a COVID se converta nunha enfermidade endémica", di Caamaño, pero pide "prudencia", pois "estamos aínda nunha pandemia e ante unha enfermidade da que hai aínda moitos elementos descoñecidos"

"É un debate complexo. Este coronavirus estanos demostrando que hai que estar alerta. Estamos aínda nunha pandemia e ante unha enfermidade da que sabemos moito máis do que sabiamos, pero da que hai aínda moitos elementos descoñecidos. Non podemos descartar que aparezan outras variantes que presenten problemas distintos e que sexa máis perigosa que a actual, por iso debe imperar a prudencia ante todo", di. Ademais, lembra que "estamos obviando tamén a COVID persistente e os seus efectos, que poden ser moi importantes tendo en conta a gran cantidade de casos positivos que se están a rexistrar agora".

En todo caso, si cre que "o máis probable é que nalgún momento nos atopemos que a COVID se converta nunha enfermidade endémica, unha endemia, un virus que nos vai seguir acompañando con efectos máis leves ou ocasionais, como sucede con outros coronavirus". Polo tanto, engade, "temos que prepararnos para integrar o coronavirus nos nosos sistema de vixilancia de enfermidades infecciosas".

"Creo que é cedo de máis para quitarlle toda a importancia e dicir que isto é unha gripe máis. Iso non quere dicir que non poidamos comezar a planificar esa fase", di Caamaño

Neste contexto, debemos comezar a entender esta enfermidade como unha sorte de gripe? "Ben, creo que hai que comezar a prepararse para iso. Pero probablemente haxa que agardar un tempo para tomar esa decisión, creo que é cedo de máis para quitarlle toda a importancia e dicir que isto é unha gripe máis. Iso non quere dicir que non poidamos comezar a planificar esa fase, pero primeiro hai que ver como acaba esta onda, hai que agardar dúas ou tres semanas".

As comparacións coa gripe son, ademais, moi inexactas neste momento, por varias razóns. En primeiro lugar, a COVID (mesmo no momento actual) provoca aínda efectos moito máis graves que a tradicional gripe. Por exemplo, nas últimas tres décadas a gripe só causou máis de 70 mortes anuais en Galicia en tres ocasións. Aínda que no 2018 deixou a cifra de 130 falecementos (a máis elevada dende 1983), adoita moverse en números moito máis baixos. Pola contra, só no último mes houbo unhas 135 mortes en Galicia de persoas que enfermaran de COVID.

A COVID causa aínda moitas máis mortes que a gripe e, ademais, aínda non é unha enfermidade de tipo estacional

En segundo lugar, mentres a gripe é claramente unha enfermidade estacional, cun pico que chega todos os anos entre decembro e marzo, a COVID-19 aínda non presenta esas características de estacionalidade, como explica Caamaño: "Os distintos picos e ondas que estamos a ver nos dous últimos anos non se deben tanto ao contexto temporal ou climatolóxico, senón máis ben á aplicación ou retirada de medidas restritivas e á maior ou menor relaxación da poboación, ás decisións de protección que adoptamos. É difícil afirmar se finalmente este coronavirus vai ser estacional e cando se produciría isto, polo de agora non temos suficientes evidencias".

Francisco Caamaño Isorna © Cedida

Caamaño apoia a decisión de comezar a monitorizar a incidencia da COVID a través do sistema de vixilancia de enfermidades infecciosas, deixando de contabilizar, trazar e rastrexar todos os casos (algo que nestes momentos é, ademais, imposible) para facelo a través de mostras dunha rede de sentinelas, como se fai cada ano coa gripe. Con todo, opina que moitas das actuais medidas de prevención deben manterse, aínda que a súa aplicación pode relaxarse, en función da da situación que exista en cada momento.

"Eu insistiría moito en manter a máscara nos espazos interiores", di Caamaño, que avoga en cambio por deixar de usala no exterior

"Eu insistiría moito en manter a máscara nos espazos interiores e mesmo deberíamos ir, quizais, a unha máscara FFP2, porque esta variante é moi contaxiosa. Sabemos que o problema o temos nos interiores e alí hai que insistir no uso da máscara, a ventilación e en evitar espazos concorridos", di. 

En cambio, avoga por eliminar a obriga de levar máscara en exteriores. "Creo que foi un erro recuperar a máscara en exteriores. Trasladamos unha mensaxe trabucada e podemos mesmo inducir comportamentos incorrectos: levo a máscara pola rúa, non vaia ser que me vexa un policía, e quítoa cando entro no bar porque teño unha cunca na man. Esta insistencia en levar a máscara no espazo exterior pode facer que a xente prefira os espazos interiores, que parece que non ten que levar máscara e ademais estase máis quentiño", explica. "Non quero con isto chamar á desobediencia nin convidar a ninguén a que incumpra a lei, pero dende o punto de vista científico podemos ir con seguridade sen a máscara en espazos abertos e pola rúa sempre que non haxa aglomeracións", engade.

Unha enfermeira, con máscara e luvas, nun centro hospitalario CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

De igual xeito, subliña que "hai que insistir na vacinación, en Europa e en todo o mundo". "A vacinación demostrouse como unha excelente ferramenta. Temos aínda unha parte da poboación, significativa, sen vacinar e hai que incidir nisto, porque é a nosa mellor ferramenta".

Caamaño explica que nalgún momento haberá que atopar un equilibrio entre recuperar a actividade normal da sociedade e protexer a poboación máis vulnerable

Caamaño explica finalmente que nalgún momento haberá que atopar un equilibrio entre recuperar a actividade normal da sociedade e protexer a poboación máis vulnerable, evitando no posible que se produzan falecementos por COVID. Con todo, engade, estes falecementos van seguir producíndose, como tamén hai cada ano mortes pola gripe e por outras enfermidades infecciosas. "A cuestión é, primeiro, que eses números sexan socialmente aceptables e, segundo, ter en conta as esixencias do propio sistema sanitario, en termos de número de camas hospitalarias ocupadas ou da saturación que unha enfermidade provoca nos hospitais e na atención primaria", afirma. Caamaño lembra que "ata agora a COVID, ademais de provocar moitos falecementos, está monopolizando unha parte importante destes recursos, limitando a atención que poden recibir outras patoloxías". "Hai que poñer todo iso na balanza", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.