A Xunta suprime o veto nocturno a reunións de non conviventes e dá por superado o pico da sexta vaga da COVID

Tránsito escaso por unha rúa da Coruña tras caer a noite, durante as pasadas festas do Nadal e Aninovo, cando a Xunta recuperou as limitacións aos encontros © Concello da Coruña

O groso das restricións pola COVID aplicadas pola Xunta dende finais de decembro non serán prorrogadas alén deste 29 de xaneiro, ata cando chegaba a última prolongación. O Goberno galego ratifica o decaemento do veto aos encontros entre non conviventes dende a hora de peche dos pubs ata a de apertura dos bares -que aínda permanecía de xoves a domingo- e, ademais, un regreso de ambos sectores á situación previa ás festas en canto a horarios e uso do espazo.

Hostalería, pubs e discotecas recuperan o horario previo ás restricións de decembro e o servizo de barra e a Xunta mantén o uso estendido do certificado COVID. Os concertos e outros eventos con público en pé volven estar permitidos

Tras outra reunión do Goberno con membros do comité clínico, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que bares e restaurantes poderán volver abrir ata a 1 da madrugada "entre semana" e ata a 1:30 nas fins de semana. Ademais, volven ter permitido o consumo nas barras e as mesas poderán volver ser compartidas por ata 8 persoas baixo teito e ata 15 en terrazas. Pubs e discotecas, pola súa banda, recuperan o horario ata as 4 da madrugada, cunha hora máis nas fins de semana.

En ambos negocios seguirá sendo preciso amosar o certificado COVID (de vacinación, test negativo ou recuperación da enfermidade) durante todo o seu horario. Neste sentido, Comesaña confirma que a regulamentación deste certificado seguirá vixente sen variacións e será esixido, por exemplo, para o acceso a eventos festivos do Entroido con capacidade superior a 200 persoas baixo teito, a 500 ao aire libre ou en calquera caso, con independencia do número de asistentes, se neles se ofrece comida ou bebida. Todo, se o Tribunal Superior o permite.

Eses eventos festivos do Entroido, avanza Comesaña, rexeranse por un protocolo que permite capacidades de ata o 100% nas diferentes celebración. Xa antes, co decaemento das restricións aprobadas en decembro, tamén volven estar permitidos os concertos e demais espectáculos co público en pé -portando máscara- e tamén desaparece a prohibición dos denominados como "cócteles", isto é, as recepcións ou encontros que se desenvolven coas persoas participantes en pé e onde se serve comida ou bebida. A previsión da Xunta é que todos estes cambios estean en vigor ás 00:00 do sábado, día 29 de xaneiro.

Vaga "estabilizada" e mudanzas nos hospitais

A Xunta anunciou esta relaxación das restricións nunha xornada na que o Sergas agregou algo máis de 7.000 casos novos ao seu cómputo de positivos da COVID. Esta cifra está influída pola introdución de máis de 6.700 casos durante a xornada do pasado luns, nun contexto no que seguen sendo clave a admisión como válidos, a todos os efectos, dos positivos mediante autotest. Sanidade anuncia, non obstante, que actualmente está a realizar un "estudo aleatorio" chamando a parte destes casos para realizar unha PCR de confirmación.

Ese incremento provoca un freo -polo momento, puntual- na liña claramente descendente da incidencia acumulada a 7 días, que rolda actualmente os 1.500 casos novos por cada cen mil habitantes, pero non impide que o indicador a 14 días (cuns 3.400) siga marcando o que semella un pico. Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, afirmaba este mércores en rolda de prensa que o departamento sanitario do Goberno galego observa o actual como un "momento de estabilización", toda vez que os seus datos sinalan que "acadamos o pico" arredor do pasado 14 de xaneiro.

Mentres isto sucede, o acurtamento dos períodos de illamento ditaminado nos novos protocolos (a Xunta xa é partidaria de diminuílos a 5 días despois da primeira baixada a 7) contribúe ao descenso do indicador de casos activos. Ás seis da tarde do martes eran 65.841, un 13% menos que unha semana antes) e as cifras de hospitalización semellan transitar polo seu pico. 

Á mesma hora do martes eran 629 as persoas ingresadas con test positivo da COVID, as mesmas que o domingo e 21 máis que unha semana antes. Sobre o total, as que ocupan prazas na UCI seguen roldando o medio cento (48, no último control). O total continúa sendo semellante ao pico do outono de 2020, cando aínda non comezara a vacinación e a incidencia era unhas dez veces inferior á actual.

Sanidade sinala que, "cada vez con máis frecuencia", boa parte das persoas hospitalizadas coa COVID ingresaran a causa doutra patoloxía ou por unha operación programada

Sobre as cifras de hospitalización, o conselleiro Comesaña introduce un matiz relevante. Na liña do que sinalan tamén autoridades sanitarias doutras comunidades autónomas, o titular galego de Sanidade resalta que "cada vez con máis frecuencia", tende a ser "alto o volume de pacientes que son atendidos por outras patoloxías e ademais, teñen COVID", polo que o seu caso é detectado ao realizarlles a PCR de control cando acoden ao hospital tanto por unha urxencia doutro tipo como por unha operación cirúrxica programada. 

Nesta liña, exemplifica, "no día de onte, o 56% dos ingresos foron causa directa da COVID" e o 44% restante de persoas que pasaron a figurar como hospitalizadas co coronavirus, chegaron ao hospital por "outra patoloxía". Sanidade interpreta esta tendencia como mostra de que a variante ómicron "fundamentalmente, non xera ingresos", pero sobre todo como proba da importancia da vacinación para evitar enfermidades graves e hospitalizacións.

Ascenso da incidencia entre menores de 12, descenso no resto

Mentres continúa avanzando a vacinación -nos últimos días, coa administración de doses de reforzo tanto ao grupo de 30 a 39 anos como á poboación de 18 a 29-, cómpre ter en conta que unha das claves das cifras xerais non é explícita nos datos que ofrece o Sergas, pero si nos do Ministerio de Sanidade. A 14 días, a incidencia acumulada descende en Galicia en todos os grupos de idade agás entre nenas e nenos menores de 12 anos.

Trátase do grupo menos cuberto pola vacinación (autorizada só de 5 a 11, e aínda en marcha), pero tamén da poboación máis supervisada a estes efectos, pola súa presenza no sistema educativo. Os datos actualizados o pasado martes polo Ministerio sitúan a incidencia a 14 días en arredor dos 6.300 casos novos por cada cen mil nenas e nenos menores de 12 anos en Galicia. 

Este mércores, no seu balance semanal dos casos activos da COVID ligados aos centros educativos, a Xunta reflectiu 9.727 casos entre o alumnado e o persoal dos centros de ensino -o Goberno galego non desagrega os datos de estudantes e do persoal-. Son un milleiro menos que unha semana antes e a redución concéntrase nos centros de ensino alleos ás escolas infantís, onde os casos activos pasan de 290 a 469. No resto, os 10.453 de hai sete días pasan a 9.258. Nesta última semana tiveron que ser postas en corentena 17 aulas en escolas infantís e 128 nos demais centros, sinala a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.