Ata as seis da tarde do 23 de xaneiro de 2022, en Galicia rexistráranse 381.269 casos de persoas co coronavirus SARS-CoV-2. Un de cada tres foron casos rexistrados neste mesmo mes, cando os cambios nos protocolos do Sergas implicaron a introdución na contabilidade oficial dos detectados mediante autotest feitos na casa, facendo aflorar cantidades inéditas de positivos cuxa xestión incrementou moi notablemente a presión sobre a Atención Primaria mentres a ampla cobertura da vacinación amortece o seu impacto hospitalario.
Un terzo dos casos acumulados en toda a pandemia en Galicia rexistráronse en 2022, cadrando coa contabilización dos positivos mediante autotest
Este aluvión de casos novos -boa parte deles asintomáticos ou con síntomas leves, atendendo ás cifras que é posible tirar dos rexistros xerais do Ministerio de Sanidade- e o acurtamento dos períodos de illamento que tamén trouxeron consigo os novos protocolos contribuíron a acelerar outro rexistro, o das altas epidemiolóxicas. Isto é, o total de persoas que o Sergas considera como "curadas" ou con infección "resolta", isto é, que para o sistema superaron a COVID-19. Esta cifra vén de cruzar o limiar das 300.000 persoas.
Como xa explicara Praza.gal, non todas as persoas que figuran nesa contaxe de persoas "curadas" foron antes consideradas como positivos activos polo Sergas. Fórono a maioría (máis de 298.000 persoas), pero case 8.400 foron incorporadas directamente ao rexistro de infeccións "resoltas". É o caso, por exemplo, das persoas que deron positivo en test de anticorpos pero que nese momento xa carecían de síntomas ou de casos nos que, tras un positivo noutro tipo de proba, o persoal médico considera que a infección xa está superada. Nese total de case 400.000 persoas inclúense tamén os actuais 71.300 casos activos e as case 2.900 persoas con test positivo da COVID que faleceron.
A incidencia acumulada a 7 días xa descende con claridade
O cruzamento dese limiar simbólico das 300.000 persoas que, segundo o rexistro oficial, xa superaron a COVID prodúcese mentres a considerada como sexta vaga da pandemia xa decae con claridade mesmo malia á suma dos autotest. A incidencia acumulada a 7 días leva xa en descenso case unha semana e actualmente rolda os 1.500 casos novos por cada cen mil habitantes. O mesmo indicador a 14 días comezou a descender nalgunhas áreas sanitarias e o dato global galego xa apunta tamén a pico arredor dos 3.400 casos novos por cada cen mil.
Cómpre ter en conta, en calquera caso, que as propias autoridades sanitarias -tanto en Galicia como no resto do Estado- relativizan dende hai meses o valor da incidencia acumulada como indicador para, en solitario, amosar unha fotografía certeira da situación da pandemia nun determinado territorio. Cada vez máis, sinalan, cómpre observala xunto coas cifras de mortalidade e ocupación hospitalaria para observar a virulencia de cada vaga e determinar as eventuais restricións.
No que atinxe á situación hospitalaria, o total de pacientes con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos segue roldando os 600. Ás seis da tarde do domingo eran 629, unha cifra influída pola práctica ausencia de altas hospitalarias durante a fin de semana e que, así e todo, era de apenas unha vintena máis que unha semana antes. A ocupación das UCI tamén segue en niveis estables, con arredor de medio centenar de persoas con test positivo do coronavirus. Seguen sendo, daquela, cifras moi semellantes ás do outono de 2020, cando a vacinación aínda non principiara e a incidencia acumulada a 14 días era dez veces inferior á actual.
Todo isto sucede mentres Galicia deixa atrás unha semana na que a campaña de vacinación se centrou nas doses de reforzo para a poboación de 30 a 39 anos. Os datos máis recentes dispoñibles (correspondentes ao domingo), indican que esas doses chegaran xa a case a metade dese grupo de idade e practicamente a un 90% da poboación de 40 a 49 anos. Entre maiores de 50, as terceiras doses xa cobren a máis do 90% da poboación.