A introdución dos positivos detectados mediante autotest no cómputo oficial do Sergas sobre a COVID-19 provoca que, dende os primeiros días do ano, os datos galegos sexan incomparables coa media estatal, toda vez que autonomías de forte peso poboacional como Andalucía ou Madrid non os rexistran. Deste xeito, o feito de que a incidencia acumulada a 14 días -de importancia cada vez máis relativa para as autoridades sanitarias, pola extensión da vacinación e as características da variante ómicron- de Galicia estea un chisco por riba da estatal (uns 3.300 fronte a uns 3.200 casos novos por cada cen mil habitantes) non é xa especialmente relevante.
Dende principios de ano, os datos galegos non son comparables coa media estatal porque varias autonomías non computan os autotest
Si segue resultando significativa a comparación de Galicia consigo mesma. E o certo é que o dato de incidencia acumulada máis inmediato (o dos últimos sete días) segue apuntando a descenso, con todas as áreas sanitarias deixando atrás o que semella o pico da vaga. Dúas semanas despois de que a introdución dos autotest provocase que tamén todas as áreas substituísen o que semellaba cadanseu pico por un novo ascenso, o dato xeral galego rolda os 1.700 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días e o descenso semella impoñerse.
Que a tendencia apunta a baixada reflíctese tamén na coñecida como razón de taxas, isto é, a comparación do indicador a 14 e 7 días co do mesmo día da semana anterior. Cando esa división dá un resultado inferior a 1, implica que a tendencia é claramente descendente e iso aínda non sucede, se ben a razón de taxas da incidencia a 7 días está xa moi próximo a ese limiar (1,09) dúas semanas despois do rebote dos autotest. A 14 días tamén se achega, pero a menor velocidade. En calquera caso, o que xa é innegable é que os dous indicadores perden ritmo de crecemento mentres os casos activos son algo máis de 78.000, un 20% máis que hai unha semana, co consecuente impacto en termos de saturación da Atención Primaria e baixas laborais.
Esta tendencia prodúcese aínda que aínda hai un grupo de idade, o da poboación menor de 11 anos (a última en ser incorporada á vacinación, a partir dos 5 anos), na que a incidencia acumulada a 14 días segue marcando un claro ascenso en Galicia, cuns 5.000 casos novos por cada cen mil persoas nas últimas dúas semanas, segundo os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade -a Xunta dispón destes datos e transmíteos ao Estado, pero non os publica-. Mentres, o resto de grupos de idade transitan entre claros descensos (caso do de 20 a 29 anos, que segue sendo o de maior incidencia) ou zonas de meseta, como a poboación maior de 70 anos, que rolda os mil casos por cada cen mil persoas nese mesmo período.
Estes datos rexístranse mentres o Sergas xa comezou a administración de terceiras doses da vacina ás persoas de 30 a 39 anos, no que a cobertura xa se achega ao 30% tras apenas tres días de administración. Nos grupos incorporados previamente ás doses de reforzo, a poboación maior de 50 anos xa supera o 90% de cobertura e a de 40 a 49 está próxima a esa cota. Mentres, pola banda da infancia, as primeiras doses chegan xa ao 80,9% das nenas e nenos de entre 5 e 11 anos, a maior porcentaxe do Estado, dato impulsado pola velocidade da campaña de vacinación e tamén pola escaseza de poboación infantil en Galicia.
Freo na ocupación hospitalaria coa COVID
As persoas hospitalizadas coa COVID son unha cifra semellante á do outono de 2020, cando a incidencia era dez veces menor á actual. Medio cento destes pacientes están na UCI e daquela eran o dobre
Esa ampla extensión da vacinación (o 86% do total da poboación galega coa considerada inicialmente como pauta completa) é clave para entender por que as moi altas incidencias acumuladas seguen a ter unha repercusión limitada nas cifras de hospitalización. As 560 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do xoves (unha vintena máis ca unha semana antes) supoñen unha cifra semellante ao pico de hospitalización do outono de 2020, cando aínda non comezara a vacinación e a incidencia era 10 veces menor á actual.
Dentro dese total de persoas ingresadas, as que están na UCI seguen sendo arredor de 50, unha cifra estable dende mediados de decembro. Naquel outono de 2020 eran en torno a un cento.
Mentres, as cifras de falecementos de persoas coa COVID seguen roldando unha media dunhas 4 ao día na última semana. No outono de 2020, con cifras de hospitalización parecidas ás actuais, eran tres veces máis. O total chega a a 2.868.