O Tribunal Superior autoriza á Xunta a prorrogar o veto ás reunións entre non conviventes tras o peche dos pubs (de 3h a 6h), que a partir do 18 de xaneiro se limitará ás noites dos xoves, venres e sábados -isto é, nas madrugadas dos venres, sábados e domingos-. A sala, que ve "evidente" a necesidade de "persistir nas medidas que se orientan a reducir a interacción social", tamén permite ao Goberno galego manter a esixencia do certificado COVID nos lugares onde xa viña sendo obrigatorio. A autorización chega ata o 29 de xaneiro.
Fálase
Un estudo publicado na revista Science sinala o virus Epstein-Barr, que causa a mononucleose, como responsable da esclerose múltiple. GCiencia explica a importancia destas pescudas. Na imaxe [CC BY-SA Liza Gross], o virus ao microscopio.
O pleno da Coruña aproba dedicar unha rúa a Irene González Basanta, pioneira do fútbol na cidade nos anos 20 do século pasado. A iniciativa foi defendida pola edil non adscrita, Isabel Faraldo (Podemos) e aprobada por unanimidade. [Imaxe: © Colección Matilde Regaldíe]
A Xunta crea a súa sexta delegación territorial, en Ferrol, tras as xa existentes na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. As delegacións actuais da Xunta substituíron en 2009 ás que antes tiña cada consellería, aínda que agora o Goberno galego está a potenciar tamén o perfil político dos xefes territoriais de cada consellería. O novo delegado será nomeado nos próximos días, segundo avanzou Feijóo. A delegación de Ferrol abarcará os concellos de Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Ares, Mugardos, Fene, Neda, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Pontedeume, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Cerdido, Cariño, Ortigueira e Mañón. Eses 20 concellos son máis que os 14 que agrupa a delegación de Vigo.
O Consello Interterritorial de Saúde estende a terceira dose de vacina contra a COVID-19 a toda a poboación maior de 18 anos. A orde de vacinación seguirá sendo por idade decrecente, confirma a ministra de Sanidade. O intervalo entre a segunda e a terceira dose queda fixado en 5 meses. Actualmente, todos os grupos que xa estaban incluídos nas doses de reforzo superan en Galicia o 70% de cobertura. A Xunta confirma que o seguinte grupo, a partir de 39 anos, comezará a recibir a terceira dose a partir do día 19 de xaneiro.
O Ministerio de Sanidade fixa que os test de antíxeno da COVID non poderán ser vendidos ao público por máis de 2,94 euros. Así o vén de confirmar a ministra de Sanidade. A orde publicarase no BOE mañá e estará en vigor o sábado.
- Educación repartirá probas de saliva nas aulas cun positivo por COVID para que o alumnado as faga na casa na mañá do día seguinte
- DATOS | O acurtamento dos illamentos propicia 25.000 altas de pacientes coa COVID e a incidencia segue á alza co impulso dos autotest
- MAPA INTERACTIVO | A Xunta recupera os puntos de test voluntarios da COVID en 32 instalacións
A asociación Abogados Cristianos presenta unha demanda xudicial contra a Xunta pola retirada do monumento a Xoán Paulo II do Monte do Gozo o pasado mes de marzo. A retirada foi debida ao “mal estado" da escultura e buscaba a “restitución da topografía orixinal do montículo", aínda que se mantiveron no chan as chapas conmemorativas da visita do Papa en 1989.
A entidade, que realiza habitualmente estas campañas de presión, di que a eliminación do monumento "supón un ataque aos sentimentos relixiosos", pide a súa restitución e afirma que a Xunta "permite que en Galicia haxa monumentos a líderes comunistas como o Che Guevara (...) mentres derruba símbolos cristiáns".
A Xunta acorda prolongar as actuais restricións pola COVID "polo menos dúas semanas máis", pero limita o veto ás reunións de non conviventes tras o peche dos pubs (de 3h a 6h) aos xoves, venres e sábados. Na última actualización, as medidas foran prolongadas con vixencia ata o 18 deste mes de xaneiro, polo que desta volta chegarían, cando menos, ata o remate do mes. A limitación de reunións entre non conviventes, ao atinxir a un dereito fundamental, require aval do TSXG.
A Xunta confirma que os casos activos da COVID-19 vinculados ao ensino son actualmente 14.061, entre alumnado e profesorado (o Goberno galego non desagrega os de cada colectivo). 170 deles corresponden a escolas infantís. Nos últimos sete días, sinala Educación, foron pechadas por corentena 11 aulas en colexios e institutos e 18 en escolas infantís. Antes do Nadal, os casos activos vinculados ao ensino eran uns 3.000.
A Audiencia da Coruña resolve que continúe en prisión provisional un dos acusados polo asasinato de Samuel Luiz. Rexeita o seu recurso contra a medida ao considerar que "existe risco de fuga, debido á petición de pena de cárcere á que se podería enfrontar o sospeitoso, así como de alteración de fontes de proba". O acusado esgrimira que a súa declaración inicial ante a Policía fora voluntaria, se ben o tribunal considera que "carece de espontaneidade porque a súa vinculación coa agresión e a súa identidade xa foran descubertas". [Imaxe: CC-BY-NC-SA Praza.gal]