A Xunta acorda prolongar as actuais restricións pola COVID "polo menos dúas semanas máis", pero limita o veto ás reunións de non conviventes tras o peche dos pubs (de 3h a 6h) aos xoves, venres e sábados. Na última actualización, as medidas foran prolongadas con vixencia ata o 18 deste mes de xaneiro, polo que desta volta chegarían, cando menos, ata o remate do mes. A limitación de reunións entre non conviventes, ao atinxir a un dereito fundamental, require aval do TSXG.
Fálase
A Xunta confirma que os casos activos da COVID-19 vinculados ao ensino son actualmente 14.061, entre alumnado e profesorado (o Goberno galego non desagrega os de cada colectivo). 170 deles corresponden a escolas infantís. Nos últimos sete días, sinala Educación, foron pechadas por corentena 11 aulas en colexios e institutos e 18 en escolas infantís. Antes do Nadal, os casos activos vinculados ao ensino eran uns 3.000.
A Audiencia da Coruña resolve que continúe en prisión provisional un dos acusados polo asasinato de Samuel Luiz. Rexeita o seu recurso contra a medida ao considerar que "existe risco de fuga, debido á petición de pena de cárcere á que se podería enfrontar o sospeitoso, así como de alteración de fontes de proba". O acusado esgrimira que a súa declaración inicial ante a Policía fora voluntaria, se ben o tribunal considera que "carece de espontaneidade porque a súa vinculación coa agresión e a súa identidade xa foran descubertas". [Imaxe: CC-BY-NC-SA Praza.gal]
Atraco na sede central de Abanca, na rúa nova da Coruña, segundo adianta a Radio Galega. As primeiras informacións citadas pola radio pública apuntan a cinco asaltantes que terían como obxectivo roubar á clientela.
O Partido Popular de Vigo fai oficial a entrada de Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, no órgano de dirección da formación local. Na primeira reunión do comité executivo dirixido por Marta Fernández Tapias ratificouse a implicación de Comesaña, que entrou na Consellería de Sanidade como independente e foi designado por Alfonso Rueda como coordinador da comarca de Vigo na executiva resultante do último congreso do PP de Pontevedra.
A RAG reivindica ante o Goberno do Principado de Asturias "a oficialidade do galego en igualdade de condicións co asturiano" na súa reforma estatutaria e critica "a escolla do glotónimo eo-naviego, que parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego nas comarcas asturianas estremeiras con Galicia", sinala a institución académica. Na imaxe [© Turgalicia], vista da ría de Ribadeo, no límite adiministrativo entre Galicia e Asturias.
A Deputación Permanente do Parlamento -órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles- votará este xoves a solicitude do BNG para que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareza de urxencia en pleno pola "gravísima situación de colapso na que se atopa a atención primaria, en especial a área sanitaria de Vigo". A comparecencia só se celebrará se o PP a acepta.
Falece aos 65 anos o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli. Segundo informou a Eurocámara, os socialdemócrata italiano levaba hospitalizado dende o pasado 26 de decembro "por mor dunha seria complicación causada por unha disfunción no seu sistema inmunitario". [Imaxe: © Parlamento Europeo]
The Wall Street Journal dedícalle unha reportaxe a San Xoán de Río, como exemplo de localidade en vía de extinción, e destacando que no 2020, primeiro ano da pandemia, o envellecido concello ourensán gañou poboación por vez primeira dende 1950. O alcalde da vila di que "nesta pandemia demostramos que se pode cambiar a tendencia, que hai que atraer o talento o rural e que podemos mudar este sistema que quere concentrar o 80% da nosa poboación no 15% do territorio. Esta reportaxe para nós é un SOS RURAL para os nosos dirixentes".
A conselleira de Medio Ambiente volve protagonizar outra entrega de chaves de vivendas en persoa, desta volta a mozos e mozas en Lugo. Vén sendo habitual que a Xunta divulgue actos nos que o presidente ou membros do Goberno galego protagonizan entregas de chaves ou títulos de propiedade. [Imaxe: Xunta de Galicia]