Primeiras tres detencións polo asasinato de Samuel Luiz. A Policía Nacional e a Delegación do Goberno de España en Galicia confirmaron na tarde deste martes que durante esta mesma xornada foron detidas tres persoas, de entre 20 e 25 anos e veciñas da Coruña, "como presuntos autores da agresión violenta que acabou coa vida de Samuel Luiz a pasada fin de semana". Segundo informan La Opinión de A Coruña e Radio Coruña, os detidos son dous homes e unha muller.
As persoas detidas teñen entre 20 e 25 anos e residen na Coruña
O segredo sumarial que pesa sobre a investigación provoca que, polo momento, a única información oficial sexa a emitida por esta vía. A Delegación gobernamental indica que a investigación polo crime "segue aberta" e que a Policía segue a "traballar" tanto na recompilación de testemuños da agresión como no "visionado de imaxes captadas por móbiles, cámaras da Policía Local e de entidades privadas situadas na zona".
O feito de que as pescudas continúen, sinala o comunicado oficial, fai que "non se descarten novas detencións nas próximas horas". Estes tres primeiros prendementos chegan despois de que, dende o pasado domingo, a Policía tomase declaración a máis dunha decena de persoas, entre presuntos implicados na agresión e testemuñas do acontecido.
A Delegación do Goberno de España en Galicia e a Policía especifican que a operación segue aberta e "non se descartan" máis detencións nas próximas horas
Ao informar destas detencións, o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, resaltou o que cualifica como "traballo rigoroso" da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Xefatura de Galicia, con sede na propia cidade da Coruña. "Dende o primeiro momento", eloxia, están a traballar "co único fin de levar ante a Xustiza aos autores deste crime".
Neste contexto, Miñones chama á "responsabilidade e á prudencia" para "deixar traballar á Policía na resolución deste caso". "Debémosllo á nosa sociedade e, sobre todo, á familia de Samuel", conclúe.
Estas detencións chegan horas despois das multitudinarias mobilizacións convocadas polo movemento LGBTI que, no serán do luns, expresaron a súa repulsa por un asasinato no que estes colectivos ven clara a motivación homófoba. Nesta xornada continuaron tamén as reaccións políticas ao acontecido, tanto de solidariedade da familia como de avaliación da posible connotación homófoba da mortal agresión que, segundo testemuñas presenciais, se produciu entre berros de "maricón" ao mozo asasinado.