Vaga de dor e repulsa polo asasinato de Samuel mentres a Policía interroga posibles implicados no crime

Contorna do paseo marítimo da Coruña onde se produciu a agresión mortal contra Samuel © Google

A Samuel matárono dunha malleira na madrugada do pasado sábado na Coruña. O segredo fixado polo xulgado sobre o as pescudas impide coñecer con maior precisión os feitos pola vía oficial, alén de que un grupo de persoas bateu no mozo coruñés, de 24 anos, con tal brutalidade que os servizos sanitarios que o atenderon no lugar dos feitos e despois, no hospital, non puideron salvar a súa vida.

As forzas de seguridade seguen a investigar o acontecido mentres, segundo algunhas fontes, aseguran estar preto de deter os autores da malleira. Segundo informou La Voz de Galicia este domingo, estarían xa identificadas e interrogadas sete persoas e, atendendo á información da Axencia EFE citada por La Opinión de A Coruña, chegaran a producirse trece arrestos con cadansúas declaracións policiais, tanto de posibles autores materiais como doutras persoas que os acompañaban. A primeiras horas deste luns, a Policía Nacional confirmou que "a investigación continúa aberta", pero "non se realizaron detencións ata o momento". As testemuñas e gravacións de cámaras de seguridade están a axudar na identificación.

Os feitos desencadearon toda unha vaga de dor e condena. Así se manifestou a través das redes sociais durante a fin de semana e así ficará patente, no serán deste luns, en concentracións convocadas polo movemento LGBTI galego en vilas e cidades de todo o país.

Fontes das pescudas citadas por Radio Coruña aseguran que todas as hipóteses sobre o acontecido están abertas, alén de que os agresores deron en bater na vítima alegando que crían que o grupo co que camiñaba Samuel os estaba a gravar cun teléfono móbil. A voceira de ALAS Coruña, Ana García, sinalou en declaracións á mesma emisora que persoas que acompañaban a Samuel escoitaron como os agresores lle chamaran “maricón” mentres lle propinaban os golpes que acabaron coa súa vida. 

Así o explican tamén amigas da vítima presentes no lugar dos feitos, en declaracións a El Mundo. "O paras de grabar o te mato, maricón", contan que ameazou o primeiro agresor. Despois, relatan, regresou acompañado por máis persoas que tamén agrediron mortalmente a Samuel.

No mediodía do domingo agregaba que, coa información dispoñible daquela, aínda cumpría esclarecer se se trataba dunha agresión con motivacións homófobas. O colectivo reitera a necesidade de que "o odio non quede impune". A través das redes sociais, amizades da vítima tamén amosaron a súa convicción de que a orientación sexual do mozo asasinado foi clave na violencia dos autores do crime. Nesta liña, o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, indicaba na mañá deste luns en resposta aos xornalistas sobre o posible móbil homófobo do crime que "existen varias liñas de investigación. Non se descarta ningunha".

A petición do esclarecemento dos feitos, xunto á propia repulsa polo asasinato de Samuel, estará presente nas mobilizacións convocadas polos movementos LGTBI para este luns. Na tarde do domingo, o pai do mozo asasinado expresou, nunha mensaxe manuscrita no lugar dos feitos, o seu agradecemento aos servizos de emerxencia e tamén o apoio social recibido. “Unha aperta moi forte a todos e desexamos que nunca máis chegue a ocorrer outro día tan negro como o que estamos vivindo. Non á violencia”, conclúe a mensaxe.

Durante a xornada do domingo continuaron as mostras de repulsa e mais de solidariedade coa familia de Samuel dende ámbitos sociais e políticos. A través dunha nota difundida nas redes sociais, o Concello da Coruña expresou a súa condena á “violencia que acabou coa vida de Samuel”. “Este tipo de condutas nunca deberían existir na nosa cidade. Na Coruña non caben actuacións tan desalmadas e inhumanas. Todo o noso agarimo e solidariedade coa súa familia”.

Sinala o consistorio que a alcaldesa, Inés Rey, mantén “contactos permanentes coa subdelegación de Goberno para analizar de primeira man o resultado das investigacións deste tráxico suceso”. “Esperamos que pronto frutifique o traballo policial e se deteña os autores deste acto inhumano e incomprensible”, resalta. O consistorio chama ademais a secundar, este mesmo luns, unha concentración na praza de María Pita "como mostra de condena e rexeitamento á violencia e para expresar a nosa dor pola morte do mozo Samuel".

Dende o Goberno de España, na tarde deste luns o seu presidente, Pedro Sánchez, expresou a través das redes sociais a súa confianza "en que a investigación da Policía dea pronto cos autores do asasinato de Samuel e esclareza os feitos". "Foi un acto salvaxe e despiadado. Non daremos nin un paso atrás en dereitos e liberdades. España non o vai tolerar. Todoo meu apoio á súa familia e seres queridos", sinala.

Por parte do Goberno galego, no que foi o seu primeiro pronunciamento ao respecto, Alberto Núñez Feijóo afirmou nas redes sociais, tras as manifestacións en repulsa polo asasinato, que "Galicia saíu ás rúas para condenar o miserable asasinato de Samuel". "Somos un pobo integrador e aberto que non tolera crimes coma este. Oxalá se dea pronto cos culpables para que poida facerse xustiza", afirmou o presidente da Xunta nunha mensaxe que conclúe enviando "todo o meu cariño e respecto á familia e amigos de Samuel".

Concentración en repulsa polo asasinato de Samuel, no serán deste 5 de xullo na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.