Matan dunha malleira un mozo de 24 anos na Coruña

Zona da Coruña próxima a Riazor na que ocorreron os feitos © Google

A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) convoca este luns unha concentración na praza de María Pita e pide “que o odio non quede impune”

Un mozo de 24 anos morreu na madrugada deste sábado na Coruña tras recibir unha malleira nas proximidades de Riazor. Coa causa xudicial baixo secreto, La Opinión relata, citando fontes próximas á investigación, que a agresión desencadearíase porque mentres facía unha foto ou vídeo co móbil enfocou a un grupo de mozos que se enfrontaron a el. Tras coñecerse o falecemento, nas redes sociais espallouse a etiqueta “Xustiza para Samuel” e a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual (Alas) reclamou “que o odio non quede impune”.

Praza de Maria Pita Dominio Público Praza Pública

Todos os grupos municipais e diversos colectivos da cidade amosaron o seu pésame e condenaron a agresión, reclamando varios deles que se aclare se houbo algún tipo de motivación homófoba no ataque. Nesa liña encadrou a agresión Alas A Coruña, que este sábado reclamou nas redes sociais que “as persoas LGTBI queremos vivir en vilas, cidades e pobos libres de LGTBIfobia e odio” e que este domingo emitiu un comunicado no que convocan á cidadanía a unha concentración este luns 5 de xullo ás 20 horas na praza de María Pita. Diversos colectivos de toda Galicia tamén convocaron concentracións noutras vilas e cidades por todo o país.

Alas A Coruña pide que se investigue “en profundidade este caso de violencia extrema e leven a quen queira que sexa o responsable ante a xustiza, para que o odio non quede impune”. A asociación salienta que leva “alertando dos diferentes incidentes de odio que padece a nosa comunidade” e sentenza que “non hai lugar en ningunha sociedade pretendidamente civilizada para esta clase de crímenes”.

Tamén Marea Atlántica, no seu comunicado de condena, sinala que “á falta de aclarar os feitos exactos, todo parece indicar que estamos ante un caso de violencia alimentada polo odio”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.