EAPN Galicia fai un chamado para reunir a todas as persoas, entidades e colectivos que estén realizando iniciativas contra o discurso do odio para buscar novas sinerxias
Coñecer todas as iniciativas contra o discurso do odio que se levan a cabo en Galicia, pór en valor o traballo feito nestes anos, que levou a unha declaración no Parlamento galego; recuperar a experiencia do 'Muro das mentiras' e actualizar a Guía de Estilo sobre Aporofobia y Discursos del Odio: Comunicar sin discriminar son os principais motivos para participar no I Cumio galego contra o odio que organiza EAPN Galicia, a Rede Galega contra a Pobreza, en colaboración coa oenegué Ecos do Sur.
"Decatámonos de que había moitas iniciativas arredor do discurso do odio que non se coñecen entre si e vemos que hai unha situación de preocupación, menor que noutras comunidades porque aquí por sorte non temos presenza política institucional de ningún partido que defenda o odio, pero tampouco hai conciencia de que existan todas estas actividades. Polo que quixemos poñer en común todo o que se está a facer desde as distintas entidades, colexios, institutos e universidades", explica Xosé Cuns, director de EAPN Galicia.
"Vimos que os insultos e prexuízos que afectaban a calquera tipo de persoa, independentemente da súa condición de exclusión, estaban crecendo notablemente", di Xosé Cuns
De feito, desde que anunciaron este I Cumio galego contra o odio, que se celebrará de maneira telemática durante a mañá do vindeiro 30 de xuño, xa souberon de catro iniciativas novas das que se vai falar neste encontro e non coñecían ata o de agora. O cumio vai servir tamén para poñer en común "o traballo de incidencia política" que se fixo nestes anos desde que en 2015 se aprobou o Código de conduta e boas prácticas na comunicación da pobreza e a exclusión social polas entidades que conforman a Rede Galega contra a Pobreza.
Xosé Cuns conta que nesta xornada van compartir o que para EAPN Galicia supuxo "un antes e un despois": o seminario Participando contra prexuízos e #MentirasPobreza no que as persoas que participaron plasmaron nun 'Muro das Mentiras' a "pandemia de odio" que xa estaban a sufrir: "Traballamos especificamente os insultos que estaban a recibir e xa vimos, antes de que chegase a ser noticia ou houbera participación política neste tema, que os insultos e prexuízos que afectaban a calquera tipo de persoa, independentemente da súa condición de exclusión, estaban crecendo notablemente".
Este 'Muro das mentiras' chegou ao Parlamento de Galicia, que o ano pasado emitiu unha declaración institucional polo Día Internacional para a Erradicación da Pobreza no que indicaba que o esforzo, a solidariedade e o civismo da sociedade galega "interpélanos e obríganos a seguir avanzando nun modelo social no que non se permita deixar ninguén á marxe, e no que dende os poderes públicos se garanta a loita contra a desigualdade, os dereitos constitucionais e a inclusión social".
"Esta declaración institucional foi reproducida noutras Comunidades Autónomas e enviada ao Senado e ao Congreso. Nela se explica gran parte do caldo de cultivo que permitiu introducir o delito como agravante de aporofobia no Código Penal, na recente lei de infancia", apunta Cuns.
"Temos moitas ganas de coñecer o que están facendo profesores e profesoras que están innovando dentro das aulas", salienta o director de EAPN Galicia
É a primeira vez que se produce en encontro aberto como este que terá lugar o día 30, por iso buscan que del saian novas sinerxias e colaboracións entre as entidades, colectivos ou persoas individuais sensibilizadas contra o discurso do odio que cala na sociedade a través da reprodución de ideas de formacións que o defenden e promulgan. "Aproveitaremos para actualizar xuntos a Guía de Estilo sobre Aporofobia y Discursos del Odio: Comunicar sin discriminar", di Xosé Cuns.
"Temos unha boa nova, que é todo o que se está a facer. Temos moitas ganas de coñecer o que se está levando a cabo en entidades mais tamén o que están facendo profesores e profesoras que están innovando dentro das aulas, que moito disto non se coñece", asegura Cuns. A inscrición segue aberta e a xornada segue en ampliación para acoller a todas as iniciativas que vaian chegando.