Os medios de comunicación e as redes sociais bombardéannos todos os días con mensaxes. Algunhas teñen apariencia de información e outras non, algunhas son feitas por xornalistas e outras non, algunhas son xornalismo e outras non. Unha parte, ademais, contribúe a sementar prexuízos e ideoloxías de odio, que case sempre se dirixen contra as persoas e colectivos máis débiles ou excluídos: inmigrantes, persoas doutras etnias, pobres, persoas de orientacións sexuais distintas das normativas...
Dende o 2015 a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) leva a cabo actividades en centros de ensino de toda Galicia para ensinar a mozos e mozas a identificar estas noticias falsas e discursos de odio e, admeais, a aprender a contrarrestalas e combatelas. Trátase do proxecto EpDLab, obradoiros que fan fincapé na formación no uso das TIC como medio de comunicación para a sensibilización social e a formación en valores.
"Trátase de crear contidos para contrarrestar as fake news, a xenofobia e o racismo na sociedade, nos medios e nas redes e contidos a favor dunha sociedade máis acolledora"
Este mércores un cento de rapaces e rapazas de Viana do Bolo, Milladoiro (Ames), Vilagarcía de Arousa, Silleda e Bueu xuntaranse na Casa da Cultura de Silleda para participar nun hackaton contra as fake news e o discurso de odio. Entre as 10:30 e as 17:30 colaborarán no deseño e elaboración de memes, gifs, fotos, microvídeos ou pequenas pílulas de vídeo que buscan servir de resposta ás novas e comentarios xenófobos ou que ataquen ás persoas migrantes.
"Trátase de crear contidos para contrarrestar as fake news, a xenofobia e o racismo na sociedade, nos medios e nas redes e contidos a favor dunha sociedade máis acolledora coas persoas migrantes e refuxiadas", explican dende Agareso. E todo a través "dun xogo que estimula creatividade e o diálogo, demostrando que colectivamente se poden facer cousas para cambiar a nosa realidade máis próxima e que a comunicación ten un gran potencial transformador", din.
"Nun contexto no que a tecnoloxía revolucionou os procesos comunicativos, a competencia mediática é un aspecto imprescindible para a construción dunha cidadanía activa e responsable"
"Nun contexto no que a tecnoloxía revolucionou os procesos comunicativos, a competencia mediática é un aspecto imprescindible para a construción dunha cidadanía activa e responsable", explican, resumindo os avances do proxecto dende o ano 2015, unha iniciativa na que o alumnado dos centros galegos entra en contacto, ademais, e colabora con rapaces e rapazas de colexios de El Salvador ou da República Dominicana
Agareso destaca que o éxito da iniciativa nos últimos anos é resultado "do alto compromiso do profesorado con este proxecto, que precisa de moitas horas para poder levarse a cabo". "A colaboración dos formadores na súa execución foi fundamental para poder mostrar agora todos estes resultados", engaden