O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ iniciaron o pasado ano o proxecto Xornalismo na Escola, que busca explicarlles a rapaces e rapazas de 3º e 4º de ESO como funcionan os medios de comunicación na actualidade. A iniciativa repite neste 2017, cun total de 90 obradoiros en centros de ensino de toda Galicia -chegando a máis de 3000 adolescentes-, nos que varios e varias profesionais tentan estimular na mocidade o espírito crítico ante a información e as noticias, facendo fincapé na importancia do labor dos e das xornalistas como mediadoras e na necesidade de contrastar as informacións con varias fontes.
Victor Sariego, que estivo este martes no IES Illa de Tambo, destaca que os e as rapazas se amosan moi interesados e interesadas polo tema. "Ven o xornalismo como algo moi vinculado coa comunicación actual, coas ferramentas que eles manexan a diario", di. "Queren participar, atopan moi natural o xornalismo cidadán, o concepto de prosumer (produtor-consumidor), o feito de que todos poidamos ser á vez receptores e emisores de información, lectores e xeradores de noticias", explica.
"Preguntan moito sobre a manipulación e sobre por que os medios só tratan os temas dende un único punto de vista: o occidental ou o politicamente correcto"
"Falando con eles e elas atopan que hai temas que lles importan moito, como o terrorismo, a violencia de xénero ou o bullying. E en xeral confían máis nos medios dixitais que nos tradicionais, pero non coñecen moitas cabeceiras de prensa dixital, e en realidade non saen de google noticias e semellantes", destaca. "O que non entenden tan ben é o concepto de mediación, a importancia do papel do xornalista que selecciona as noticias ou que as interpreta", di Sariego.
"Preguntan moito, en todos os centros nos que estiven. Sobre todo sobre a manipulación, sobre por que os medios só tratan os temas dende un único punto de vista: o occidental ou o politicamente correcto. E con respecto a isto sempre lles interesa saber por que non hai máis versións da información", conta. Engade que "dúas rapazas musulmás, en centros distintos, preguntáronme o mesmo: por que habendo terrorismo e guerras noutras partes do mundo, nos medios só aparece o que sucede en Europa ou Estados Unidos".
"Os e as adolescentes teñen unha gran capacidade para moverse pola canles de comunicación en internet pero en realidade teñen moi pouca competencia mediática sobre o que chega a eles"
Sara Martínez, outra das xornalistas que imparte os obradoiros, fai fincapé na importancia da alfabetización mediática. "Os e as adolescentes teñen unha gran capacidade para moverse pola canles de comunicación en internet pero en realidade teñen moi pouca competencia mediática sobre o que chega a eles", di. "Durante 90 minutos tentamos achegarlles as principais diferenzas entre o que é información do que non, e tentamos que saiban recoñecer o xornalismo de mediación, onde se atopa a esencia do labor profesional dos xornalistas", explica. "Tamén salientamos a importancia de utilizar información contratada polos profesionais, a identificación dos bulos ou fakes que tanto proliferan nas redes sociais e o recoñecemento do xornalismo dixital sen chegar a confundilo con outros produtos que chegan diariamente aos seus teléfonos móbiles", engade.
"Xa na actualidade vemos como moitos adultos len e mesmo comparten e difunden informacións falsas, non contrastadas ou elaboradas con pouco rigor. Se a mocidade non se educa nisto, no futuro reproducirán estes comportamentos"
"Antes era fácil que os pais soubesen o que os seus fillos lían ou o que miraban na tele. Hoxe é imposible. Por iso é tan importante que se eduquen nisto", di. "Ademais estamos formando futuros lectores e consumidores de medios xornalísticos. Xa na actualidade vemos como moitos adultos len e mesmo comparten e difunden informacións falsas, non contrastadas ou elaboradas con pouco rigor. Se a mocidade non se educa nisto, no futuro reproducirán estes comportamentos. E iso sería moi negativo para todos, para os xornalistas e para a sociedade en xeral", engade. "A pesar de que ningún deles coñece o concepto de postverdade, estas xeracións son as que máis e mellor terán que formarse no fact checking para aprender a seleccionar a información no seu futuro inmediato. Vivimos na sociedade da información, cada vez hai máis medios e fontes e saber moverse nesta realidade vai ser cada vez máis importante", conclúe.
"Cada vez hai máis medios e fontes e saber moverse nesta realidade vai ser cada vez máis importante"
"A experiencia é excepcional. Os rapaces terminan entendendo que moitas das cousas que afectan á súa vida cotiá teñen que ver coa comunicación pública e que exercer o dereito á información é unha peza angular na sociedade democráticas" resume Sara Martínez, que cre que este tipo de "formación transversal" é fundamental e é algo que agradecen moito os mestres. "Estes módulos educativos de alfabetización mediática son cada día máis importantes e sería moi bo que tivesen un espazo permanente en todos os centros", di.
"O ideal sería que puidésemos facer varias sesións en cada centro ou mesmo que isto puidese ser unha materia trimestral. Así poderíamos afondar sobre todo nos contidos prácticos"
O mesmo pensa Víctor Sariego, que destaca que "hora e media é moi pouco tempo". "O ideal sería que puidésemos facer varias sesións en cada centro ou mesmo que isto puidese ser unha materia trimestral", di. "Así poderíamos afondar sobre todo nos contidos prácticos, elaborando os rapaces e rapazas un pequeno xornal, un blog ou outro tipo de contidos, e deste xeito o impacto da iniciativa e os seus beneficios formativos serían maiores", conclúe.