"Banalizouse a información. Confúndese o feito de comunicar, a través das redes sociais, con facer xornalismo"

Ofrenda floral na estatua Ás Ceibes, dedicada a Couso e á liberdade de prensa © Colexio de Xornalistas

“A precariedade é moitisimo maior do que era antes. Estanse pagando cantidades ridículas en conflitos que esixen un investimento moito maior. É o caso de Somalia, por exemplo. Alí a situación é tan violenta que necesitas levar permanentemente un escolta, que cobra tres mil euros ao mes. Un xornalista freelance, que cobra catro ou cinco veces menos que esa cantidade e non pode pagala, non sei como pode sobrevivir día a día. É un milagre". Javier Espinosa, xornalista de El Mundo, foi recoñecido este ano co Premio José Couso de Liberdade de Prensa, xunto con Ricardo García Vilanova (video-reporteiro freelance) e Marc Marginedas (xornalista de El Periódico). Foron secuestrados o pasado ano en Siria mentres facían o seu traballo, permanecendo durante máis de seis meses retidos e con escasas informacións sobre o seu estado.

Nunca foi doada a profesión de xornalista de guerra, pero as condicións empeoraron moito nos últimos anos. Por un lado economicamente, con soldos máis baixos, unha menor achega de elementos de apoio, e cada vez máis freelances, xornalistas que acoden a un conflito cos seus propios medios e despois negocian a venda de informacións concretas. No marco da crise que sofren as empresas xornalísticas estas levan anos desfacéndose de correspondentes no estranxeiro, de enviados especiais, de reporteiros en áreas de conflito, daquilo que podía achegar unha información especializada e propia a un medio de comunicación, daquilo que constitúe (ou así debería ser) o cerne do seu negocio. "Precarizouse a reportaxe de conflitos até o extremo de que haxa medios que digan que non queren traballar con freelances polo risco que poden correr. Non o risco persoal dos freelances, senón o risco para os medios de que poidan incorrer nalgún tipo de responsabilidade legal, se o xornalista morre", sinala Javier Espinosa. O galardón, de feito, conta cunha mención especial a Ricardo García Vilanova, polo seu traballo como reporteiro freelance "sen ter a cobertura dun gran medio detrás". 

Sorprende que nun tempo no que se multiplicaron os medios tecnolóxicos para elaborar e difundir a información, haxa cada vez máis conflitos dos que se informa peor do que se facía hai dez, vinte ou trinta anos. A premiada o pasado ano, a tamén reporteira de guerra Mónica García Prieto (dona de Javier Espinosa), destacaba que "a única forma de reducir a propaganda nunha guerra é que haxa moitos xornalistas sobre o terreo". Doutro xeito, ausentes os xornalistas, o que domina é a propaganda dun ou doutro bando, difundida a través dos seus medios oficiais, de dúas ou tres axencias de información, e moitas veces a través das redes sociais polos propios activistas dun e doutro bando.

"Facebook ou Twitter nunca serán xornalismo, simplemente son vías de comunicación. Pero a xente comeza a aceptar iso como información, como xornalismo"

“Banalizouse moito a información. Estase confundindo o feito de comunicar, a través das redes sociais, con facer xornalismo" -denuncia Espinosa- "Facebook ou Twitter nunca serán xornalismo, simplemente son vías de comunicación. Pero a xente comeza a aceptar iso como información, como xornalismo. E tamén os grandes medios, por exemplo a BBC, que instan á xente a que envíen fotos dos conflitos. Como podes comprobar que esa foto é real, foi obtida nese lugar ou non foi manipulada? E iso pode aplicarse tamén ao activismo da xente que escribe en facebook ou twitter: 'Houbo un ataque e morreu tanta xente'. Como podes asegurar que iso é certo?". Espinsa engade que "evidentemente o feito de que sexas xornalista non significa que sexa 100% real todo o que escribes, porque hai xornalistas que son uns golfos. Pero sobreenténdese que o xornalista ten unha formación e unha honestidade que non buscan nin o activista nin o cidadán de a pé".

Espinosa denuncia que "máis do 90 por cento da información en Siria é realizada por freelance", no mellor dos casos ou por "activistas comprometidos cunha que ás veces difire coa honestidade do informador". O xornalista advirte nos últimos anos “un retroceso moi acentuado” da calidade e da liberdade do xornalismo en España "que debilita a democracia" e que é consecuencia, ao seu xuízo, "das presións tremendas do establishment político e económico sobre os medios e os xornalistas".

Espinosa advirte nos últimos anos “un retroceso moi acentuado” da calidade e da liberdade do xornalismo en España "que debilita a democracia" e que é consecuencia "das presións tremendas do establishment político e económico sobre os medios e os xornalistas"

Por que seguir facéndoo, entón? Este mércores todos e todas as xornalistas preguntámoslles a Javier Espinosa e a Ricardo García Vilanova se despois do que sucedera tiñan intención de regresar a Siria ou de seguir cubrindo conflitos bélicos. “Javier ten que preguntarllo á súa muller e eu ao meus pais", dixo Ricardo García Vilanova. Pero a resposta de ambos era un rotundo "si". “Ti vas alí a explicar o que sucede, o que lles pasa a esas persoas. Se ti non tes esa motivación, non estarías alí”, sinala García Vilanova. “Hai que darlles ás vítimas dos conflitos a posibilidade de queixarse. E documentar o que pasa, para que polo menos se saiba quen son os responsables deses conflitos", engade Javier Espinosa: "No caso de Iraq sábese quen foron os responsables, aínda que non foran xulgados e sigan dando conferencias por aí e gañando millonadas. Pero sabemos os seus nomes, sabemos que foron George Bush, Tony Blair e José María Aznar, e sempre que van a un sitio hai alguén que lles lembra que foron os responsables”.

"No caso de Iraq sábese quen foron os responsables, aínda que non foran xulgados e sigan dando conferencias por aí e gañando millonadas. Pero sabemos os seus nomes, sabemos que foron George Bush, Tony Blair e José María Aznar"

Durante o tempo que durou o seu secuestro, Mónica García Prieto, dona de Espinosa, gravou un difundido vídeo, dirixido aos seus captores, no que lembraba o traballo que ela e Espinosa levaban meses realizando en defensa do pobo Sirio, dos seus habitantes: "a pesar do risco, antepuxemos a vosa traxedia á nosa propia vida co único obxectivo de erguer a conciencia colectiva sobre os acontecementos en Siria. Dedicamos os últimos tres anos a darlles voz ás vítimas".

 

Siria, guerra esquecida

Hai xa un tempo que o conflito sirio non ocupa as portadas dos medios. Foi substituído por Ucraína e outros temas de máis actualidade, e máis adiante será outra guerra a que ocupe este lugar. Javier Espinosa denuncia que, en realidade, "o que segue pasando en Siria preocúpalle a moi pouca xente en España", e apunta a que se trata dunha tendencia reproducida en moitos outros conflitos cuxa duración se estende no tempo: "pasou en Iraq e noutros, a partir do segundo ou terceiro ano, os xornalistas comezan a marchar, e a guerra queda totalmente esquecida".

"Creo que a guerra vai durar moitos anos e que Siria necesitará máis de medio século para recuperarse. Agora a única solución é o tempo, que a xente se canse de matar e de que os maten"

É, ademais, moi pesimista con respecto ao futuro do país: "Creo que a guerra vai durar moitos anos e que Siria necesitará máis de medio século para recuperarse. O país está asolado, é un caos absoluto. Vino noutros conflitos: agora a única solución é o tempo, que a xente se canse de matar e de que os maten. Os señores da guerra, tanto do réxime coma da oposición non teñen intención de parar de momento, así que a guerra continuará”.

 

Couso, presente

Espinosa e García Vilanova recolleron o galardón nunha cerimonia que se celebrou no Teatro Jofre (Marginedas non puido acudir por problemas de axenda). Previamente, realizaron unha ofrenda floral ante a estatua Ás Ceibes (da que se lles entrega unha réplica aos premiados), dedicada á Liberdade de Prensa e, moi especialmente, á memoria de José Couso, o cámara ferrolán asasinado en Iraq polo exército norteamericano hai 11 anos.

“Couso era un xornalista que estaba facendo o que nós cremos que ten que facer un xornalista: estar sobre o terreo para contar o que pasa e para documentar os terribles efectos que pode ter un conflito"

Na rolda de prensa que pola mañá os dous premiados ofreceron no Concello de Ferrol xunto cos representantes do Colexio de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, e do director territorial de La Caixa en Galicia, Marc Arthur Benhamou, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, referiuse ao caso Couso, destacando que "a información é máis que un dereito democrático, é unha necesidade de vital importancia”. Rey Varela denunciou a "impunidade” e esixiu que “se esclarezan dunha vez por todas as causas da súa morte”. O rexedor do Partido Popular parecía esquecer ou ignorar que a investigación, iniciada polo xuíz Pedraz, foi obstaculizada durante anos pola acción dos gobernos de PSOE e PP, e máis recentemente pola reforma da xustiza universal impulsada polos populares, que limita de forma legal as opcións de xulgar este caso dende España.

Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa destacaron que, precisamente, pola homenaxe a José Couso "este é un premio moi especial, que valoramos máis que outros". Espinosa engadiu que “Couso era un xornalista que estaba facendo o que nós cremos que ten que facer un xornalista: estar sobre o terreo para contar o que pasa e para documentar os terribles efectos que pode ter un conflito".

Ofrenda floral na estatua Ás Ceibes, dedicada a Couso e á liberdade de prensa © Colexio de Xornalistas
Cerimonia de entrega do premio, no Teatro Jofre © Darío Janeiro
Rolda de prensa do premiados no Concello de Ferrol, xunto co alcalde da cidade e os representantes do CPXG e La Caixa © Colexio de Xornalistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.