Os e as fotoxornalistas foron os nosos ollos durante as longas semanas de confinamento. Sempre o son, sobre todo en momento de crise e nos lugares onde a maior parte das persoas non chegan -nas vagas de lumes, nas guerras, nos campamentos de refuxiados-. Pero na actual pandemia houbo moitos días nos que só os traballadores e traballadoras esenciais podían saír ás rúas. E entre este persoal esencial estaban eles e elas, como decretou o Goberno.
Hai uns días un grupo de seis fotoxornalistas (Óscar Corral, Mónica Ferreirós, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñiz e Miguel Riopa) botaron a andar Imaxe Covid
A diario vemos as súas fotografías nos medios de comunicación, imaxes que ían contando a situación nos hospitais e nas residencias, as rúas baleiras, ou as actividades cotiás marcadas polas normas sanitarias de distancia social. Entre todas, compoñen un retrato da pandemia, o libro de recordos dun tempo que de seguro marcará un antes e un despois nas vidas de todos e todas.
Hai uns días un grupo de seis fotoxornalistas (Óscar Corral, Mónica Ferreirós, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñiz e Miguel Riopa) botaron a andar Imaxe Covid, que se define como "A ollada de 6 fotoxornalistas galegos na pandemia da Covid-19". Nas súas contas nas redes sociais Imaxe Covid vén publicando unha escolma das mellores fotografías realizadas por todos e todas, polo de agora un total de 17 imaxes.
"Nesta pandemia demostrouse que é imprescindible que haxa profesionais que estean nas rúas, sobre todo nesas dúas semanas nas que só podían saír os servizos esenciais"
Foi Óscar Corral quen puxo en marcha a iniciativa, contactando primeiro con Brais Lorenzo e despois con todos os demais. "Eu estaba xa publicando algunhas das miñas fotos nas redes sociais, para reivindicar o traballo dos fotoxornalistas. Púxenme en contacto primeiro con Brais Lorenzo e entre os dous puxémonos en contacto con outros fotógrafos que nos parecía que podían achegar cousas interesantes ao proxecto", explica Óscar Corral en conversa con Praza.gal. "O proxecto nace para tentar documentar graficamente como está a ser a crise da Covid-19 en Galicia", conta tamén Brais Lorenzo. "Imaxes que amosan o coidado das persoas que están enfermas ou o traballo daqueles traballadores e traballadoras que están en primeira liña e que está deixando a pel para parar a enfermidade e protexernos", di
"Queremos reivindicar a figura do fotoxornalista, que é unha profesión que está deostada pola sociedade, que pasa por un mal momento, pero nesta pandemia demostrouse que é imprescindible que haxa profesionais que estean nas rúas, sobre todo nesas dúas semanas nas que só podían saír os servizos esenciais. O Goberno considerounos traballadores esenciais para que puidésemos seguir informando. Era a nosa responsabilidade", destaca Óscar Corral.
Corral advirte sobre a importancia crecente dos reporteiros gráficos "nun mundo dominado polas fake news e por ese mal chamado periodismo cidadán"
Corral advirte sobre a importancia crecente dos reporteiros gráficos "nun mundo dominado polas fake news e por ese mal chamado periodismo cidadán o traballo dos fotoxornalistas é imprescindible". "Temos a responsabilidade de amosar a realidade da forma máis fiel, poñendo diante o noso código deontolóxico e a nosa profesionalidade, para diferenciarnos das fake news e das imaxes sen contrastar que se difunden polas redes", di.
"Parece que non fan falla fotoxornalistas, porque o que acontece xa o retrata calquera persoa coa cámara dun móbil. Para tomar unha posta de sol nunha praia vale o móbil, pero cando pasa algo importante si que os fotoxornalistas demostran ser imprescindibles, sobre todo cando hai que ir onde ninguén quere ir ou hai que se enfrontar a circunstancias perigosas: incendios, violencia, narcotráfico... Cando se nos necesita, estamos aí", engade.
Brais Lorenzo afonda nesa idea, sinalando que "a nós fainos moito dano esa idea de que calquera persoa cun móbil pode ser fotógrafo, e o feito de que os medios empreguen cada vez máis este tipo de imaxes". Con todo, indica que "nesta crise, en cambio, case todas as imaxes que se están consumindo son de profesionais gráficos". "Son momentos moi importantes para pór en valor o noso traballo, porque o futuro non é nada positivo, con ERTE en varios medios e outros que xa están reducindo soldos, con moitos fotógrafos que xa tiveron que darse de baixa como autónomos", alerta.
Lorenzo salienta as dificultades que están atopando para que a Xunta lles dea acceso aos centros sanitarios: "o Sergas non está dando ningunha facilidade para poder contar as historias que están aí dentro"
Houbo diferenzas para os fotoxornalistas entre a forma de traballar estas semanas e outras crises? Brais Lorenzo comenta que "nesta crise está sendo especialmente difícil para obter permisos, por exemplo para ir ao enterro dunha familia. Tes que seguir tamén unha serie de protocolos de seguridade, para protexerte a ti e tamén para protexer aos demais". Lorenzo salienta sobre todo as dificultades que están atopando para que a Xunta lles dea acceso aos centros sanitarios: "o Sergas non está dando ningunha facilidade para poder contar as historias que están aí dentro. Creo que nunha crise sanitaria é fundamental poder contar o traballo dos sanitarios. Noutras comunidades autónomas si que se está podendo contar, pero non en Galicia. De feito, as imaxes que incluímos de Riopa están tiradas nun hospital que non é público, como é Povisa", explica.
"Moitas veces hai que deixar repousar ás imaxes e só despois dun tempo esa fotografía pode simbolizar un momento ou un feito determinado"
Hai algunha imaxe que defina mellor que ningunha outra a crise que estamos a vivir? Óscar Corral explica que, de momento, non ten aínda unha imaxe que poida resumir o que pasou. "Moitas veces hai que deixar repousar ás imaxes e só despois dun tempo esa fotografía pode simbolizar un momento ou un feito determinado", comenta. "Pero o que si intentamos é que o conxunto de imaxes que imos publicando sexa o retrato máis rigoroso, profesional e esteticamente atraente do que está a suceder. E que quede de cara ao futuro, como un recordo colectivo para os vindeiros anos", di.
Os profesionais que participan en Imaxe Covid van seguir publicando nas redes sociais unha selección das súas mellores fotografías. Porén, aínda non decidiron o uso final que poderá ter este banco de imaxes. "Pode ter varios usos, editorial ou expositivo, pero é algo que aínda non decidimos. De momento imos seguir traballando, subindo fotos, o que facemos día a día", conclúe Corral.