As mozas e mozos que medran nun centro de menores non son máis conflitivos, nin menos estudosos ou traballadores ca o resto da xuventude, defende a ONG Igaxes
Non nos xulgues é a campaña que pretende acabar cos prexuízos sociais que afectan as máis de mil nenas, nenos e adolescentes que viven en centros de protección en Galicia. A oenegué Igaxes quere incidir con esta iniciativa en que "as mozas e mozos que medran nun centro de menores non son máis conflitivos, nin menos estudosos ou traballadores ca o resto da xuventude. A única razón pola que viven baixo a tutela do sistema público de protección é porque non contaron cun fogar seguro no que crecer".
"Hai cinco anos pasounos unha anécdota cunha rapaza dun piso tutelado de Vigo que decía que nunha entrevista de traballo lle comentaran 'como é que estás nun centro se non tes cara de mala?'. Hai unha identificación da rapazada tutelada como problemática. Existe unha confusión entre o que é o sistema de protección, ao que acceden para ser protexidos dunha situación de risco, e o que é o sistema de cumprimento de penas", explica o director da oenegué Igaxes, Carlos Rosón.
"O estigma véncese achegándose á realidade destes rapaces, coñecéndoos e escoitándoos", salienta Carlos Rosón
O obxectivo é eliminar o estigma dos adolescentes, nenas e nenos tutelados pola Administración, que en Galicia son preto de dous mil, e do milleiro que están en réxime de garda. Trátase dunha campaña interactiva que se espallará nas redes sociais co cancelo #NonNosXulgues e no espazo público a través de grandes carteis.
"Teño moi claro que o estigma véncese achegándose á realidade destes rapaces, coñecéndoos e escoitándoos. Non hai outra ferramenta máis potente e máis útil", defende Carlos Rosón. No sitio web interactivo algúns destes mozos e mozas tuteladas –como Diógenes, Monse e Francesca que poñen a súa imaxe na campaña– narran en primeira persoa as súas experiencias e abren as portas da que é a súa casa, coa única vontade de compartir a realidade que viven e derrubar falsos prexuízos popularizados na sociedade.
Esta nova campaña foi presentada nunha das vivendas tuteladas da Xunta coa presenza do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, que salientou que estes menores son "cidadáns de pleno dereito, cos mesmos deberes e obrigas que o resto das galegas e galegos, pero tamén merecentes das mesmas oportunidades".
"Trátase de nenos e rapaces que, unha vez chegan á maioría de idade se ven obrigados a asumir responsabilidades que, no caso dos mozos que contan cun apoio familiar, se retrasan varios anos", lembran desde a Consellería de Política Social.
"Diría que non son normais: son excepcionais. Teñen que enfrontar un proxecto vital aos 18 ou 19 anos" di o director de Igaxes
"Son rapaces abosultamente normais, e no meu criterio diría que non son normais: son excepcionais. Teñen que enfrontar un proxecto vital aos 18 ou 19 anos, aínda que no noso sistema de protección poden ir máis alá, pero ese tránsito á vida independente faise nun tempo moi constreñido e nun contexto de moita dificultade polo contexto laboral, formativo, o acceso á vivenda... E, aínda por riba, sufrir ese estigma é moi forte. Con que un interactúe un pouco con eles xa o estigma se derruba", explica o director da ONG.
Igaxes traballa en campañas de sensibilización sobre a realidade dos menores tutelados desde o ano 2005 e desde o ano 1998 teñen un programa de transición á vida adulta que levan a cabo nos centros de menores e nos pisos tutelados. Esta oenegué é a responsable de desenvolver o programa Mentor, financiado polo Fondo Social Europeo e a Xunta, que acompaña a mocidade tutelada no seu camiño cara á vida independente. Estas mozas e mozos poden permanecer nas vivendas Mentor ata os 21 anos –ou mesmo ata os 25 se é preciso–, pero a súa idade media de emancipación son os 19 anos.