África e Mikel teñen 18 anos. Viven en Santiago e fan cousas moi semellantes ás doutros mozos e mozas da súa idade. Ela vén de rematar o primeiro curso de Bacharelato e el finalizou un ciclo de formación profesional en artes gráficas. Igual que moita mocidade pasean coas amizades, deixan currículos á procura dun emprego, realizan actividades de lecer... "Se me ves pola rúa sen coñecerme pensarás que son unha rapaza normal", sinala África. "Pero se che contan que vivo nun centro de menores, quizais terías outra opinión", agrega Mikel.
Ambos son os protagonistas da campaña Non nos xulgues, que vén de lanzar a ONG Igaxes3, especializada no traballo con infancia e mocidade en risco de exclusión, co propósito de "acabar co estigma" que padecen as mozas e mozos tutelados que viven en centros de menores. África, Mikel e tantos outros "son rapaces coma os demais" e o "único que os distingue do resto" é esa tutela e o feito de pasaren boa parte dos primeiros anos das súas vidas a residir nalgúns destes centros, onde agora se "preparan para a vida independente".
"Cando eran nenos -explican dende Igaxes- viviron situacións de desamparo e precisaron dun clima de convivencia máis seguro que lles permitise medrar e desenvolverse adecuadamente". "Necesitamos aprender a ser adultos, estudar e atopar un traballo" porque "o día que deixemos de vivir aquí teremos que ser independentes", agregan eles mesmos. "Non tivemos unha vida fácil, pero somos coma ti", apelan dende o vídeo da campaña.
Igaxes destaca que case a metade da mocidade tutelada ten que "saltar" á vida adulta "en situación precaria"
Con esta acción, explica a organización, trátase de eliminar "prexuízos" e procurar así reverter a actual situación, na cal case a metade das mozas e mozos que "saltan á vida adulta" dende un centro de menores "teñen que facelo en situación precaria". "Cando fan 18 anos teñen que dar un salto sen rede" e isto implica "madurar moito antes ca o resto da xente da súa idade". Por iso non se corresponde ceoa realidade o "prexuízo" segundo o cal "se están nun centro é porque algo malo farían". "Se están nun centro é porque precisaban protección" e agora cómprelles compresión.
"Moitos non teñen apoio familiar nin axuda doutros adultos, por iso é tan inxusto que outras persoas os xulguen como conflitivos ou problemáticos". "Este estigma é unha carga moi pesada á que deben enfrontarse" e por iso Igaxes pide axuda para lle "poñer fin" divulgando esta campaña nas redes sociais e outros soportes.