A día de hoxe, a Xunta ten baixo tutela 2.038 menores, dos cales 438 están en situación de garda, según datos da Consellería de Política Social. ″O confinamento foi duro, algúns pequenos imaxinaban que o coronavirus era un monstro grande que ía polas casas e do que ninguén se podería salvar. Tivemos que explicarlles que as medidas de hixiene eran a mellor protección, pero o máis difícil foi facerlles entender que non poderían saír ás visitas familiares. De feito, ao principio houbo un motín pero coas novas que ían saíndo sobre gravidade da situación xa o foron asimilando″, explica Marta Revuelta, directora do complexo que a oenegué Aldeas Infantiles SOS Galicia ten en Redondela, onde residen 62 menores cun equipo de 68 profesionais ao redor deles.
″O máis importante no confinamento foi conservar as rutinas para que os nenos e nenas perciban que hai control″, destacan desde o complexo de Aldeas Infantiles en Redondela
″O máis importante foi conservar as rutinas e crear outras novas porque iso fai que os nenos e nenas perciban que hai control. Cando teñen esta sensación diminúen a ansiedade e eses momentos nos que notan máis as carencias afectivas. Sempre hai nenos que son máis difíciles, e aí todo se complica, pero foron casos puntuais″, sinala Revuelta sobre a dinámica nas sete casas independentes que funcionan como fogares para estes menores, nas que non se produciron casos positivos de COVID-19.
De feito, Política Social traslada que dos case mil menores que residen en centros de protección en Galicia ″detectáronse cinco casos de COVID-19″ desde o inicio da pandemia. ″É moi importante salientar que o traballo do persoal destes centros de protección e o comportamento nenos, nenas e adolescentes foi exemplar a pesar da declaración do estado de alarma, a crise sanitaria e o longo período de confinamento″, manifestan desde a consellería, que considera que o ″estrés emocional″ provocado polo ″illamento nos centros, a imposibilidade de contacto social e a eliminación das saídas e das visitas aos seus proxenitores″ foi ″paliado, en boa medida, co bo facer das educadoras e educadores″.
A Administración galega asume a tutela dun menor cando detecta unha situación de risco grave ou desamparo que poñan en perigo o seu benestar e saúde. A lei de protección do menor establece que se pode ingresar a nenos e nenas desde os 3 ata os 17 anos nos centros de menores, por motivos debidamente xustificados. En Galicia, a Xunta mantén que se procura como ″preferencia″ un acollemento familiar fronte o acollemento residencial, polo que na actualidade hai 988 cativos e adolescentes que viven nos 74 centros de protección de menores que existen arredor do país.
″Non sabemos que protocolo seguir nun centro de menores se unha das aulas ás que van estes nenos e nenas ten que confinarse por un positivo en coronavirus″, sinalan na CIG
A CIG critica que ″a Consellería de Política Social segue ausente sete meses despois do comezo da pandemia″ e que a resposta ante as eventualidades formuladas é ″se isto sucede, xa iremos vendo″. Zeltia Burgos, secretaria nacional da CIG-Autonómica, confirma que os centros de menores non contan cun protocolo propio que contemple as súas características e que ″está prevalecendo a improvisación sobre a planificación″. Neste sentido, considera que o feito de que a Xunta diga que houbo cinco casos de COVID-19 desde o comezo da pandemia nestes centros é unha xustificación que ″non é válida″, pois ″a capacidade de contaxiar deses casos era moito máis reducida no confinamento″ e lembra que co inicio das clases os menores ″van saír ás escolas, estar en diferentes clases e volver todos ao mesmo espazo″. ″Non sabemos que protocolo seguir nun centro de menores se unha das aulas ás que van estes nenos e nenas ten que confinarse por un positivo en coronavirus″, exemplifica Burgos.
Ademais, a Confederación Intersindical Galega está a valorar presentar unha denuncia na inspección de traballo por vulneración da lei de prevención de riscos laborais. Zeltia Burgos explica que reclamaron a Política Social que se realicen ″probas PCR periódicas″ nos centros de menores e, como está a suceder nas residencias sociosanitarias, tamén se lle fagan esas probas de detección da COVID-19 tanto aos traballadores e traballadoras que regresen do permiso vacacional como aos menores que volven dun permiso de estancia coas súas familias.
″Os menores podían realizar videoconferencias e chamadas con profesionais da Psicoloxía que os axudaban ante a situación″, manifestan desde Política Social
A Deputación de Pontevedra, que xestiona directamente o Centro Príncipe Felipe a pesar de que as competencias son de Política Social, ten publicado que aquí se están a realizar estas probas PCR aos menores que pasaron o verán fóra do centro residencial. Neste complexo pontevedrés estableceuse un comité de seguimento desde o inicio do estado de alarma e ″reforzáronse as medidas de desinfección e limpeza, incrementouse a carga de lavandería, e habilitáronse novos espazos médicos en Agarimo e na Escola Fogar para evitar traslados á enfermería do centro″, segundo salientan desde a Deputación. En total hai 165 persoas usuarias, en relación ás prazas asignadas, distribuídas dependendo do réxime de quenda: residencial ou centro de día. As 50 nenas e nenos do centro de día, que pasaron o confinamento nas súas casas, recibiron ″kits diarios de alimentación, de hixiene, da subministración da medicación e, as familias que non dispoñen de acceso a internet, o material escolar necesario″. Desde a Deputación lembran que o ente provincial ten solicitada a transferencia da xestión do Príncipe Felipe á Xunta.
Atención psicolóxica
Desde a Xunta aseguran que teñen en marcha ″durante todo o ano diferentes programas de atención psicolóxica nos centros de protección de menores″ e que ″no período do estado de alarma reforzáronse″. Pon como exemplo o reforzo do programa ′Avaliación e tratamento terapéutico de menores en situación de risco ou desamparo′, que desenvolve a Fundación Universidade da Coruña, co obxectivo de ″atender situacións de ansiedade″ como as que resultaron habituais no confinamento para moitas persoas. ″Os menores podían realizar videoconferencias e chamadas con profesionais da Psicoloxía que os axudaban ante a situación″, detallan.
″As redes sociais facilitáronnos moito as cousas, organizamos videochamadas coas familias para que mantiveran un contacto co exterior e houbo unha atención psiquiátrica permanente a través de chamadas. A nivel psicolóxico non era doado para ninguén, por iso facilitamos a comunicación entre as casas a través de retos e clases de zumba todas as mañás, cada un desde o seu fogar″, conta Marta Revuelta, da oenegué de Redondela, que destaca o ″apoio da comunidade″ tanto das institucións locais como dos centros escolares dos nenos e nenas para manter, tamén, o ritmo da escola a distancia como o resto dos seus compañeiros nas aulas. ″Contaron con educadores de apoio e asimilaron as rutinas como nun día de colexio normal. Levaron ben o estudo e todo saíu ben, remataron o curso, os que tiñan a selectividade fixérona ben e os de FP conseguiron as súas prácticas″, celebra.
Acollemento familiar
Con todo, Víctor Muñoz, director territorial de Aldeas Infantiles en Galicia e Asturias, resalta que o apoio ″foi moito máis necesario″ nos casos de menores que están no programa de protección, mais acollidos en familias. ″Ao final nun centro de menores tes un entorno protector que equipara as túas condicións. Certo que a nivel psicolóxico e emocional estás separado da túa familia e é algo que sempre hai que traballar, pero sorprende como tanto os máis pequenos como os adolescentes son quen de resituar todo e comprenden as circunstancias moito mellor que un adulto. No caso das familias vulnerables que reciben apoio houbo moitas situacións de crise porque son pais e nais cunha falla de habilidades parentais, e o feito de ter que estar as 24 horas do día cos seus fillos provocou situacións complexas nas que houbo que intervir″, abunda.
A Xunta conta con ″aproximadamente 800 familias″ que acollen ″a algún dos 1.050 nenos e nenas″ que están nesta parte do programa de protección. Familias que, segundo declara Política Social, viron reforzada a súa axuda durante o estado de alarma cun ″incremento do 25% na remuneración que xa viñan percibindo″. María Jesús González, directora do programa de acollemento familiar de Aldeas Infantiles en Galicia, apunta que ″a primeira medida que se contempla″ cando un menor entra no sistema de protección é a do ″acollemento en familia extensa″, é dicir, na inmensa maioría dos casos cos avós, pero tamén cos tíos ou irmáns maiores.
A primeira opción cando un menor entra no programa de protección é a acollida por parte dalgún familiar
Aldeas Infantiles ten un convenio coa Xunta polo que atende a 130 familias acolledoras que precisan dun apoio especial. Nos casos de acollida en familia allea, a Cruz Vermella encárgase de 100 familias arredor do país. ″Os beneficios de non sacar aos pequenos da súa familia, nin do seu entorno, é o que se pretende salvagardar sempre″, di González. Ao final, as dificultades obedecen a problemas de convivencia, o salto xeracional dos menores cos avós ou, incluso, a situacións de conflito cos proxenitores que poden non respectar a acollida polos seus familiares.
Non foi o caso coa crise do coronavirus, aínda que son familias nas que afectou especialmente a perda de emprego e os ERTE. ″As situacións de crise familiar non foron máis alá. Os casos que atendemos normalmente xa levan problemáticas asociadas e aspectos nos que hai que traballar. No confinamento non se agravaron as cousas porque os problemas son os que hai de fondo na convivencia. Traballamos xa na crise″, aclara González, que quere pór o foco na parte positiva: ″Fortaleceuse a relación dos nenos cos seus acolledores porque facían moitas actividades xuntos″.
"No confinamento non se agravaron as cousas porque os problemas son os que hai de fondo na convivencia", afirma María Jesús González, de Aldeas Infantiles
″Sorprendeunos a boa resposta tanto das familias como dos menores. Destaco sobre todo a fortaleza dos rapaces e rapazas. O principal no confinamento foi o acompañamento emocional, e algunha intervención de crise que houbo que facer″, lembra. Alén diso, os educadores exerceron de ponte entre estas familias e os centros de ensino, pois contaban coas dificultades propias de calquera núcleo familiar vulnerable a respecto da educación a distancia. Tamén se lles entregaron alimentos básicos.