A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolleu este venres a estrea da curta documental La Tribu e máis das pezas de ficción Empezar de cero e Vidas paralelas, creadas por 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos en situación de vulnerabilidade social, dentro do proxecto A Tribo, deseñado polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social "la Caixa".
"Se nos dan a ferramenta para expresarnos, podemos demostrar que hai partes do sistema no que vivimos que non nos gusta e que temos ganas de cambialo, que podemos cambialo"
Os propios rapaces e rapazas decidiron que querían contar e como contalo "para representar eses aspectos da xuventude que nunca amosan as películas e as series", destacan Ihara Aglione e Gabriela Sánchez. As pezas tratan temas como a súa vontade de encaixar nun grupo, as consecuencias das malas decisións ou a responsabilidade que ten o resto da sociedade na solución dos conflitos que lles afectan.
"Parece que a xuventude está durmida, apagada, que non podemos pensar por nós mesmos", din, "pero quizais non é así, igual se nos dan a ferramenta para expresarnos, podemos demostrar que a xuventude non é tan baleira e banal, que hai partes do sistema no que vivimos que non nos gusta e que temos ganas de cambialo, que podemos cambialo."
Na curta documental La Tribu, Gabriela Sánchez, Pamela Quiñones, Cristian Bellas, Cristal Jiménez y Mariana Michels reflexionan ante a cámara sobre como afrontan os seus problemas, como valoran a sociedade na que lles tocou vivir, como se perciben a si mesmas e como encaran o futuro.
En Empezar de Cero, o protagonista é un menor que chegou de Marrocos sen saber falar español e sen ningún apoio familiar. A historia comeza coa súa chegada ao centro de protección de menores, a súas primeiras amizades e os seus primeiros pasos para aprender a comunicarse noutro idioma e noutra cultura. Foi ideada e realizada por Ihara Aglione, Ismael García, Siffedine Akasbi, Jorge Julio Fernández, Hipólito Barro e Marcelo Ríos.
En Vidas Paralelas abórdase a experiencia de dous irmás adolescentes con problemas coa súa familia, que chegan a un punto sen retorno cando o seu pai morre. Ao verse totalmente sós, toman camiños distintos para encaralos. O rapaz optar por madurar antes de tempo, por responsabilizarse e estudiar, buscar traballo... e a rapaza intenta evadirse no consumo de drogas. Realizada por Juan Esteban González, Pablo Luis Cabarcos, Julia López e Pedro Manguelle.
A Tribo
A Tribo é unha intervención integral deseñada polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social "la Caixa", para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non ten vontade de aprender. "Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso", destacan. A Tribo quere "reverter ese estigma" e "mostrar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade".
O obxectivo do proxecto é fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión e loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos
Máis de 100.000 nenas, nenos e adolescentes en Galicia padecen cada día as consecuencias da falta de recursos, conflitos familiares, inseguridade ou mesmo violencia. Esta circunstancia, que na escola pode pasar desapercibida, impídelles aprender en igualdade de condicións e lastra enormemente as súas oportunidades de futuro: o 70% do alumnado máis desfavorecido abandona os estudos prematuramente.
Ademais do obradoiro de vídeo participativo do que xurdiron estas curtas, A Tribo inclúe reforzo escolar durante todo o curso e mais obradoiros de educomunicación nos institutos aos que asisten estes mozos e mozas, para reflexionar conxuntamente co resto do alumnado sobre as dificultades extraordinarias que afrontan os compañeiros e compañeiras en risco de exclusión e as políticas de equidade que serían precisas para contrarrestalas.