O debate sobre a lei trans marca as reivindicacións das primeiras manifestacións polo Orgullo LGTBIQ+ desde que comezou a pandemia da COVID-19
O Día do Orgullo recupera a reivindicación e os festexos nas rúas despois dun ano marcado pola COVID-19. "Tiñamos moitas ganas de celebrar na rúa, para nós é moi importante ter de novo a manifestación", di Raquel Cordeiro, activista da asociación Nós Mesmas de Vigo. "É o primeiro Orgullo que podemos celebrar de verdade desde que comezou a pandemia e o primeiro que queremos garantir é a seguridade", salienta Ana G. Fernandez, presidenta Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS).
Chegamos a este 28 de xuño despois duns meses complexos polos efectos da pandemia e, máis concretamente, polos convulso debate sobre a lei trans. O anteproxecto da Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI vén emendar unha "débeda histórica" para estas asociacións galegas, que forman parte da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans y Bisexuales (FELGTB), que xunto á asociación Chrysallis de familias con menores trans e a fundación Triángulo está a negociar este proxecto lexislativo co Goberno estatal.
"Esta é unha lei que cambia vidas, igual que no seu momento a do matrimonio igualitario", di a presidenta de ALAS
"O activismo non é patrimonio de ningunha ideoloxía", afirma Ana G. Fernández, "e como en todos os movementos sociais hai moitos puntos de vista, nós respectamos as discrepancias e o traballo dos colectivos que optan por non traballar coas institucións".
"Esta é unha lei que cambia vidas, igual que no seu momento a do matrimonio igualitario", sinala a presidenta de ALAS, quen recoñece que lle gustaría "confluír" na manifestación como noutros anos, mais evita ver as diferencias de criterio "como unha confrontación".
Na Coruña haberá dúas mobilizacións este ano polo Orgullo LGTBIQ+, pois colectivos como Amizando, Avante LGBT+, ErgoSum, Abrir Fenda e Acción Antifascista decidiron organizarse e convocan un Orgullo Rebelde, Orgullo Disidente para separarse dunha celebración que consideran que fica moi vinculada ás institucións.
"Queremos que a autodeterminación de xénero estea na lei", pide Nós Mesmas
Para Nós Mesmas este ano a reivindicación leva o lema Os dereitos humanos non se negocian, lexíslanse: Lai Integral Trans Xa! para a protección das persoas trans. "Queremos que a autodeterminación de xénero estea na lei e que ninguén teña que corroboralo como pasa agora", explica Raquel Cordeiro. Na asociación viguesa tamén fan fincapé na inserción laboral, en concreto, das mulleres trans, "porque son un dos colectivos máis desempregados que existen en España".
A diversidade nas aulas
Desde as aulas a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia traballa para incluír nos institutos "educación tanto en igualdade de xénero, en diversidade sexual e da identidade de xénero, como educación sexual". "Son tres piares fundamentais que teñen que entrar no sistema educativo de maneira urxente", di a coordinadora, Ana Ojea, profesora do IES Politécnico de Vigo.
"Está complicado, comezabamos espertar cun plan da Xunta para incorporar todas estas cuestións ás aulas, e coa pandemia sufrimos un parón total. Agora hai un ambiente enrarecido pola pandemia e a situación política que fai que sexa difícil traballar", explica Ojea.
A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia defende a inclusión da igualdade de xénero, a diversidade sexual e a educación sexual no sistema educativo
Porén, a rapazada responde activa e positivamente ás iniciativas que lles permiten achegarse a esta realidade. "A receptividade é moi boa, agás contadas excepcións, daste conta de que é unha demanda que levan facendo case a berros desde hai anos e que si que o precisan", salienta a coordinadora da rede educativa LGBTIQ+, que leva pouco máis dun ano traballando nun contexto limitado polas restricións da COVID pero que non deixou de estar presente nas aulas con máis de 80 docentes involucrados. Por este labor, o Ministerio de Igualdad lle outorga un dos premios Reconocimiento Arcoíris ás boas prácticas de inclusión da diversidade sexual e de xénero no ámbito educativo.
Como profesora de 1º de Bacharelato, Ana Ojea ve que a "guerra cultural" creada arredor da lei trans afecta máis á xeración dos docentes que á xente máis nova. "As adolescentes e os adolescentes eu vexo que están un pouco descolgados desta historia e que non lles afecta demasiado. Non encontramos discursos TERF [acrónimo en inglés que significa feminista radical trans-excluínte] entre o alumnado. Quen discrimina e pode ter discursos de odio son máis ou menos os de sempre e as de sempre", salienta.
"Ata que punto afectan a ultradereita facendo forza en contra da diversidade de xénero e eses grupos autodenominados "feministas", que están defendendo postulados idénticos? Pois afectan a calquera que incorpore ou confirme esas ideas", abonda Ana Ojea, quen critica que neste curso escolar se "cortaron todas as formacións para o profesorado en cuestións de diversidade e de xénero" mentres a Xunta mantivo outras actividades para docentes en liña.
En 1969, na revolta de Stonewall da que agromou esta celebración do Orgullo, "as mulleres trans racializadas foron as que deron máis a cara". Así o lembra Raquel Cordeiro, quen incide en que "pasaron xa 50 anos e seguen sen ter recoñecidos os seus dereitos". "Por iso a lei é unha reivindicación histórica para garantir os dereitos das persoas trans", engade Ana G. Fernández. Xunto ás reivindicacións, este ano os colectivos piden responsabilidade e seguridade ás asistentes: "O máis seguro e o máis coherente é que levemos as máscaras nas manifestacións".