"Este só será un Día do Orgullo se é de reivindicación"

Manifestación do Orgullo LGTBI na Coruña o pasado ano CC-BY-SA Galiza Contrainfo

O 28 de xuño de 1969 tiña lugar en Nova York a revolta de Stonewall, unha serie de manifestacións e protestas do colectivo LGTBI contra a represión e os abusos que viñan sufrindo por parte da policía. Pasaron 50 anos e neste tempo houbo importantes avances cara á igualdade de dereitos e a liberdade, aínda que seguen a ser numerosos os obstáculos que as persoas homosexuais, bisexuais, transexuais ou intersexuais teñen que superar cada día. E tamén os riscos de involución. 

O Día do Orgullo é cada ano unha xornada de celebración, de visibilización e de reivindicación, unha data na que as institucións xogan cada vez un papel máis protagonista, pero que segue sendo impulsado dende os propios colectivos. E que nesta ocasión, tanto polo ascenso da extrema dereita como pola propia efeméride de Stonewall, adquire un ton máis combativo, se cadra. Falamos con Elisabet Pérez Costas (Asociación Nós Mesmas de Vigo) e Pablo Zas (Asociación A.L.A.S., da Coruña).

"Os discursos lgtbfobicos, machistas, mixósinos e racistas están reforzados polas institucións que non fixeron nada ante a escalada dun partido que vulnera os dereitos de gran parte da poboación"

O crecemento de VOX, os pactos de dereitas para concellos e comunidades autónomas, ataques e agresións que se producen de forma periódica... Existe un risco real de involución (legal e social) nos avances acadados nas últimas décadas?

Elisabet Pérez: Xa estamos comprobando como estes pactos das dereitas teñen resultados directos, como o recorte que realizaron na campaña do Orgullo de Madrid que xa estaba preparada antes do cambio do goberno e que descafeinaron, borrando calquera físgoa de reivindicación e disidencia. E isto, posiblemente, se verá reflectido no futuro próximo coa imposibilidade de ver un avance nos dereitos aínda non conquistados, en especial das persoas nunha situación de maior vulnerabilidade, como son as persoas trans. 

Ademais, os discursos lgtbfobicos, machistas, mixósinos e racistas agora están reforzados, respaldados polas institucións que non fixeron nada ante a escalada dun partido que vulnera os dereitos de gran parte da poboación, facendo que saían da clandestinidade na que se atopaban ocultas polo "políticamente correcto" e sen dúbida, ofrecen unha xustificación a todo aquel que agreda. Pero este crecemento das dereitas responde ao empoderamento, das mulleres, do feminismo e das minorías, que vivimos nos últimos anos. E somos máis. Sabemos que xuntes podemos facerlle fronte e non só frear este brote da dereita, senón avanzar cara ao recoñecemento da diversidade e da igualdade de dereitos.

Pablo Zas: É certo que nos últimos anos se conseguiron avances e se acadaron dereitos. Pero agora, moitas persoas vense con dereito a opoñerse a estes avances e a agredir a persoas do colectivo LGTBI. Por sorte, en Galicia partidos de extrema dereita como Vox non conseguiron representación, pero é certo que aumentou o apoio que teñen na sociedade. O principal problema é que a consecuencia dese ascenso se están situando enriba da mesa debates que poñen en cuestións os dereitos das persoas. E iso materialízase en que as persoas LGTBI sofren maiores discriminacións, sexa nos centros escolares ou noutros espazos, sexa simplemente camiñando pola rúa. Só na Coruña, o Observatorio contra a LGTBIfobia rexistrou o pasado ano 33 agresións.

Manifestación do Orgullo LGTBI en Vigo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

"Reivindicamos todo o que nos queda por acadar a nivel legal, pero sobre todo reivindicamos unha sociedade que recolla a diversidade, unha sociedade que rache co machismo e a lgtbfobia"

Nos últimos anos o Orgullo sempre se debate entre a institucionalidade e a celebración dos avances legais e sociais acadados, por un lado, e a necesidade de seguir avanzando en dereitos e na loita contra as agresións e discriminacións que seguen existindo polo outro. O contexto actual obriga a facer fincapé na reivindicación?

Elisabet Pérez: En Nós Mesmas non entendemos nin compartimos a institucionalización do Orgullo. No caso de Vigo as institucións son ferramentas que precisamos para moitas cuestións (como permisos, uso de salas públicas...) pero que non interveñen na organización nin na xestión da nosa programación. Consideramos que este só será un Día de Orgullo se é de reivindicación. Reivindicamos todo o que nos queda por acadar a nivel legal, pero sobre todo reivindicamos a necesidade dunha sociedade que recolla a diversidade, dunha sociedade que rache no seu conxunto co machismo e a lgtbfobia. Sabemos que nos últimos anos se conseguiron avances a nivel legal e social, pero non todos son "avances", pois en moitos casos seguen sendo pequenas concesións que os gobernos realizan para tentar calarnos, como a Lei de Igualdade LGTB galega de 2014 ou a modificación que permite cambiar o nome rexistral a calquera persoa.

Pablo Zas: O Orgullo no seu conxunto, tanto na parte lúdica como na reivindicativa, é un exercicio de visibilización do colectivo, e máis este ano, cando se cumpren 50 anos das revoltas de Stonewall. É un exercicio de visibilización: eu estou na rúa e quero, ao igual que o estou facendo agora, poder camiñar sempre sen ter que me enfrontar a miradas ou a discriminacións. En canto ás institucións, queda moi bonito dicir 'eu apoio o colectivo' a través dun titular de prensa, pero a realidade é que despois ese apoio non se materializa nun apoio concreto. Nós, por exemplo, levamos tempo reclamando un espazo para poder realizar o noso traballo en boas condicións.

En 2014 aprobouse en Galicia a Lei de igualdade de trato e non discriminación de persoas LGTBI. Que valoración facedes da norma, da súa aplicación e dos seus efectos, cinco anos despois?

"É un exercicio de visibilización: eu estou na rúa e quero, ao igual que o estou facendo agora, poder camiñar sempre sen ter que me enfrontar a miradas ou a discriminacións"

Elisabet Pérez: É moi dificil valorar a aplicación dunha lei tan baleira de contido e dificil de implementar en medidas reais... Estivemos e estamos totalmente en contra da Lei de 2014, non nos pareceu un avance en ningún momento, senón unha utilización da lexislación por parte do PP para marcarse un punto. Ata o de agora, e debido a lei, otorgóusenos unha irrisoria subvención ás entidades LGTB de Galicia, incluíron nos Centros de Información á Muller as competencias de atención ao colectivo LGTB sen implementar a partida presupuestaria para contar con máis persoal con formación específica nin formar a existente e sen valorar se ese sería o mellor recurso (baixo a nosa perspectiva non o é). Agora acaba de nacer o Observatorio Galego contra a Discriminación LGTBi, que apenas ten orzamento, no que as entidades LGTB temos moi pouca representación e no que estamos incluídas porque queremos que sexa unha ferramenta que sirva de algo e tentaremos facelo dende dentro, tempo ao tempo.

Pablo Zas: Cinco anos despois estase creando aínda o Observatorio Galego contra a LGTBIfobia. Hai moitas medidas que si están nos papeis, no texto da norma, pero na práctica os avances son lentos, e hai unha falta de recursos.

Manifestación do Orgullo LGTBI en Vigo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

"Non existe un activismo LGTB sen feminismo, ambos van unidos e retroaliméntanse. A loita é a loita contra o patriarcado e a loita contra a discriminación ás persoas polo feito de selo"

Cales son as principais demandas que lles facedes ás administracións? 

Elisabet Pérez: As administracións deben ser as ferramentas que permitan a cidadanía vivir unha vida plena e en iguais condicións de acceso e representación. Queda moitísimo por facer e as leis, aínda que non son o único, son necesarias. Agora mesmo quedaron en trámite tanto a Lei estatal LGTBI como a Lei Trans, ambas fundamentais para arrincar máis cambios, como acadar a autodeterminación do xénero, lexislar ante os delitos de odio por lgtbfobia, igualar as familias homoparentais e as heteroparentais, etc.

O profesorado precisa formación, nas universidades e continua, os centros deben implicarse por completo, respaldar e visibilizar a diversidade para crear referentes e non tolerar a homofobia ou a discriminación, a diversidade é interseccional, nos atravesa e así debería ser incluída nas escolas, como un contido transversal real, non só algo que se celebra unha vez ao ano.

Pablo Zas: É necesario que tanto no ámbito educativo como no da sanidade os profesionais estean formados, tanto no que respecta ás persoas que están agora exercendo como ás vindeiras xeracións de profesionais. O papel do persoal docente é fundamental, porque as escolas son centros de socialización primarios, temos que sentirnos seguros aí. En canto ao persoal sanitario, a formación é fundamental, porque se están producindo discriminacións neste momento, sufridas sobre todo polas persoas trans.

"É necesario que tanto no ámbito educativo como no da sanidade os profesionais estean formados"

Como se enmarcan as reivindicacións dos colectivos LGTBI no actual momento do movemento feminista? Unha loita refórzase coa outra?

Elisabet Pérez: Non. Ambas son a mesma loita. Non podemos loitar polos dereitos LGTBI fóra do feminismo porque é feminismo. Todo ten a mesma raíz, o machismo e o patriarcado, fomentar a idea de que somos loitas separadas simplemente é unha forma de dividir e debilitar. As nosas reivindicacións son feministas e loitamos por todas as reivindicacións feministas.

Pablo Zas: Non existe un activismo LGTB sen feminismo, ambos van unidos e retroaliméntanse un e outro. A loita é a loita contra o patriarcado e a loita contra a discriminación ás persoas polo feito de selo. Temos un pensamento feminista e moitas das socias de ALAS estamos tamén en movementos feministas.

"Foron moitas as persoas que perderon a vida defendendo a súa liberdade, moitas as apresadas, as que recibiron electroshock, as que loitaron dende a clandestinidade sen dereito a vivir unha vida plena"

Neste 28 de xuño celébrase o 50 aniversario de Stonewall e poñerase o foco na memoria histórica e nas xeracións máis maiores dos colectivos LGTBI, que abriron camiño e tiveron que atravesar dificultades moi importantes. Que lles debemos a esas persoas?   

Elisabet Pérez: Todo. Debémoslles ata a data. No noso Estado foron moitas as persoas que perderon a vida defendendo a súa liberdade, facendo camiño. Moitas as apresadas, as que recibiron electroshock para curar, as que loitaron dende a clandestinidade sen dereito a vivir unha vida plena..., todo por ir abrindo camiño. Debémoslles, sen dúbida, seguir loitando e facendo camiño por todas as que veñen detrás.

Pablo Zas: Esas xeracións percorreron un camiño moito máis difícil que o noso. Grazas a eles temos unha base que nos facilita moito a vida, aínda que nos sigamos atopando con discriminacións. Non nos podemos esquecer de que esas persoas seguen atopando problemas, por exemplo cando chegan a unha residencia da terceira idade.

Manifestación do Orgullo LGTBI na Coruña o pasado ano CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.