"As persoas LGTBI que vivimos no rural somos vistas como exóticas. Ou se nos ignora ou se nos ridiculiza"

Cartel das xornadas © Nova Escola Galega

"Coñecer a importancia do xénero, a orientación sexual e a identidade de xénero na dimensión individual, grupal e comunitaria das mulleres e persoas LGTBI do rural". "Profundar nas diferentes formas de violencia de xénero e de bullying LGTBIQfóbico, así como nas sucesivas formas de colonizar e agredir o medio rural". "Afondar nos procesos de vulnerabilización, estigmatización e cousificación da diversidade afectivosexual nas contornas rurais". "Comprender as vantaxes e beneficios da praxe coeducativa dende un enfoque emancipatorio, intercultural e non urbanita". Son algúns dos obxectivos da primeira edición das Xornadas sobre coeducación rural e diversidades que Nova Escola Galega organizará do 24 ao 27 de maio en Compostela.

A actividade, coordinada por Ángel Amaro, con quen falamos, distribúese en palestras, obradoiros e videoforums sobre estas temáticas, sempre en xornada de tarde, e ten aberto o seu prazo de inscrición na web de Nova Escola Galega. Amaro destaca que hai "moita mitomanía" sobre a situación de gai e lesbianas no rural ("A priori non é máis difícil ser LGTBI nunha aldea que nun contexto urbano. De feito os barrios dos extrarradios ou as prazas das cidades non están libres de LGTBfobia"), aínda que destaca que as violencias e machismos "se acentúan no rural pola escasa poboación e a perda de oportunidades con respecto aos servizos públicos cos que se conta no teu espazo de proximidade". E aposta por "darlle unha ollada eco-queer á coeducación do século XXI" e por "dignificar o ensino non formal, os saberes populares e a educación entre iguais".

Cal é o obxectivo da xornadas? Por que vos decidistes a organizalas, escollendo esta temática concreta?

Estas xornadas pretenden levar á práctica a proposta feminista da interseccionalidade ou simultaneidade. Unha óptica histórica que xa foi socializada polas feministas*negras*lésbicas que estaban organizadas no Combahee River Collective (Boston) dos 70. Nós pretendemos afondar en novas vías pedagóxicas no eido da coeducación e a didáctica feminista. Pór en diálogo os paradigmas queer co ecofeminismo; tender pontes entre a pedagoxía crítica e o feminismo comunitario; darlle unha ollada eco-queer á coeducación do século XXI. O noso obxectivo como coeducador*s é pór enriba da mesa a necesidade de apostar por unha coeducación transfeminista que vaia máis alá das lóxicas binaristas (home/muller, homo/hetero, masculino/feminino, etc.).

"Poucas veces se leva á práctica este paradigma da interseccionalidade xa que se tende a apreciar a diversidade afectivo-sexual como unha multitude de departamentos estancos que precisan de estandarización e cousificación"

Neste senso acotío fálase de transversalizar e analizar dun xeito integral as opresións múltiples que se solapan ou se retroalimentan nun mesmo suxeito, nunha mesma identidade colectiva. Pero cabe resaltar que poucas veces se leva á práctica este paradigma da interseccionalidade xa que se tende a apreciar a diversidade afectivo-sexual como unha multitude de departamentos estancos -desconectados doutras realidades- que precisan de estandarización e cousificación. As activistas LGTBIQ que nos dedicamos a coeducar ben sabemos que está á orde do día o feito de falarnos con condescendencia, paternalismo ou vitimismo. Nós queremos fuxir dos enfoques simplistas que non potencian a consolidación dunha coeducación transfronteiriza. Asumimos que camiñar polo sendeiro da pedagoxía trans*feminista é crucial neste sentido. En definitiva, pretendemos amosar que no rural hai futuro pra sexodiversidade e visibilizar a praxe coeducativa dende unha óptica emancipatoria integral que nos faga máis libres, divers*s, plen*s e solidari*s.

"No rural galego sempre houbo sexodiversidade e proxectos de vida non heteronormativos, que foron polas marxes. Hoxe en día o rural está en constante dinamismo e interlocución con outras realidades"

É aínda difícil ser gai, lesbiana (ou calquera identidade afectivo-sexual afastada da norma) no rural? Houbo avances nos últimos anos?

A priori non é máis difícil ser LGTBI nunha aldea que nun contexto urbano. Iso é unha apreciación subxectiva. De feito os barrios dos extrarradios ou as prazas das cidades non están libres de LGTBfobia. Segundo as intencións e o enfoque pódese ver o vaso medio cheo ou medio baleiro. Obviamente cada experiencia e percepción é única e particular, mais queremos rachar co relato oficial que monopoliza o discurso mediático. Parece ser que o mundo rural é un espazo sempre hostil e violento para a sexodiversidade. O certo é que nada máis lonxe da realidade. No rural galego sempre houbo sexodiversidade e proxectos de vida non heteronormativos, que foron polas marxes. Hoxe en día o rural está en constante dinamismo e interlocución con outras realidades. A diáspora sempre nutriu moito e as veciñ*s do rural non son tan LGTBfóbicas como se nos vende. Moita mitomanía hai ao respecto.

Aínda así hai tres realidades materiais que explican a acelerada perda de diversidade no rural: a emigración, o desmantelamento dos sectores produtivos e o desequilibrio territorial. Obviamente o exilio económico leva á xente máis dinámica a desarraigarse e deixar de enriquecer o rural; o envellecemento da poboación local e a falta de investimentos públicos leva as nosas aldeas por unha senda agónica na que se perde capacidade creativa e diversidade afectivo-sexual, cultural, etc. Neste sentido a precarización identitaria explícase máis por factores esóxenos ao rural que por factores endóxenos.

Non existe por tanto o tan cacarexado mundo rural ou un tipo de LGTBfobia rural. Pensemos que a pauperización non é irreversíbel xa que hai indicadores e novos escenarios que nos levan a incrementar a autoestima colectiva. Aínda quedan moitos espazos de socialización comunitaria, vínculos identitarios fortes, moito patrimonio cultural inmaterial e moita mocidade que non emigra ou incluso retorna ao rural. Cada vez hai máis xente no rural que asume a sexodiversidade como un factor de riqueza comunitaria. A interdependencia e as dinámicas solidarias fan moito neste sentido. Cando se abandona o individualismo é moito máis doado deixar atrás as actitudes LGTBfóbicas perante a veciñanza sexodiversa.

"Cada vez hai máis xente no rural que asume a sexodiversidade como un factor de riqueza comunitaria"

Que violencias machistas, grandes ou pequenas, se detectan de forma máis destacada no rural?

O máis habitual é o prexuízo cara á sexualidade, a invisibilidade identitaria en certos espazos comunitarios e a proliferación de moitos tipos de micromachismos LGTBfóbicos. Bueno, en verdade estamos ante as mesmas violencias que existen no entorno urbano. O que pasa é que estas situacións se acentúan no rural pola escasa poboación e a perda de oportunidades con respecto aos servizos públicos cos que se conta no teu espazo de proximidade. Que plans, proxectos e programas teñen os concellos rurais centrados na poboación LGTBI da contorna? Pouco se fala, pouco se implementa. Sen dúbida o silencio e o tabú é a peor das violencias.

Os concellos e as mancomunidades teñen moito que avanzar ao respecto, visibilizar a sexodiversidade, mais tamén mellorar a calidade de vida da súas veciñanza LGTBI. Pensemos nos Centros Quérote e nas campañas de sensibilización sectoriais, quen asesora á mocidade LGTBI nunha vila pequena que xa non dispón de tren de proximidade ou dunha boa combinación de bus? É aquí cando moita xente do colectivo asume (por desgracia) que no rural non ten opcións reais pra desenrolar unha vida afectivo-sexual plena. Estaríamos ante unha diáspora sexual. Ter que emigrar por experiencias LGTBfóbicas, ansiedade ou falta de comprensión? Sempre foi unha realidade no país, tampouco podemos pretender agochala. Estou por desdramatizar a realidade LGTBI no rural, mais tampouco se pode dulcificar en exceso.

"Os concellos e as mancomunidades teñen moito que avanzar. Quen asesora á mocidade LGTBI nunha vila pequena que xa non dispón de tren de proximidade ou dunha boa combinación de bus?"

Cal é o papel dos centros de ensino na normalización desta situación?

Máis que de normalización cómpre falar de transformación. Deixar atrás o paradigma da inclusión e camiñar polo sendeiro da deconstrución e a reformulación. A escola mixta aínda se sustenta nun modelo heterocentrado e sexofóbico que pon o grito no ceo con palestras sobre ITS (Infeccións de Transmisión Sexual) ou con obradoiros sobre transexualidade. Dende ise paradigma hexemónico fálase de tolerar e respectar as minorías e as diferencias, mais sempre dende un plano de supremacía e carente de encontro real, sempre dende un plano que non é laico. A nosa proposta de coeducación transfeminista racha con todos eses cánones e preconceptos asumidos como totémicos e inamovíbeis.

Entendemos que o currículo debe fomentar a participación estudantil real, o activismo LGTBI, a apertura da escola co barrio, a dinamización coas asociacións feministas, unha involucración efectiva das ANPAS, etc. Os centros de ensino teñen moito que facer ao respecto. E no rural hai moitas e boas experiencias pedagóxicas neste sentido. Debemos dignificar o ensino non formal, os saberes populares e a educación entre iguais. Unha escola en código aberto que se expanda cara ao comunitario, o entorno eco-social e as dinámicas de apoio mutuo... velaí o futuro.

"Debemos dignificar o ensino non formal, os saberes populares e a educación entre iguais. Unha escola en código aberto que se expanda cara ao comunitario"

Hai LGTBfobia, pero hai tamén ruralfobia?

Por suposto. Sobre todo en ambientes moi urbanitas. O autoodio neste sentido é unha realidade case estrutural na Galiza. Os medios de comunicación case non falan da sexodiversidade nos entornos rurais, e cando se fai... hai que ver en que términos e sobre que se fala. As persoas LGTBI que vivimos no rural somos vistas como exóticas, utópicas ou residuais. Ou se nos ignora ou se nos ridiculiza. A iste respecto hai que di que somos un suceso circunstancial, que nos negamos a emigrar porque idealizamos o rural. O certo é que a persoa ruralfóbica nunca vai recoñecer que non se propón un rural diverso e con futuro porque asume querer ver ao rural morto.

"As persoas LGTBI que vivimos no rural somos vistas como exóticas, utópicas ou residuais. Ou se nos ignora ou se nos ridiculiza"

O do capitalismo rosa é tremendo. Todo xira en torno a Chueca, un ocio determinado e uns tipos de identidades moi determinadas e comercializábeis. Basta ver o marketing LGTB televisado que asume o prototipo de gai urbanita e consumista. A sexodiversidade é constantemente televisada, mais iso tampouco se pode chamar visibilizar a realidade. Mais ben a crea. De feito, o que se fai é socializar un relato hexemónico sobre o que é e non é a sexodiversidade. O certo é que moitas galegas LGTBI do rural non nos sentimos reflectidas nin recoñecidas en prototipos ou estilos de vida concretos que nos negan ou asimilan. Pódese dicir que existe unha invisibilidade dentro da invisibilidade, sen dúbida. Moitas persoas LGTBI detestan o rural e todo o que iso implica, iso é un feito.

"O ecofeminismo vennos lembrar que diversidade e humanidade son dúas caras da mesma moeda. Unha óptica ecofeminista enfatiza na relevancia da educación popular e a necesidade de incrementar o traballo comunitario"

Que achegas pode facer o ecofeminismo para o desenvolvemento do rural e das sociedades rurais?

Moitas. Sobre todo no referente á despatriarcalización dos afectos, a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, a centralidade dos coidados e a recuperación de tempos máis harmoniosos e sostíbeis co entorno inmediato e con nos mesmas. O ecofeminismo vennos lembrar que diversidade e humanidade son dúas caras da mesma moeda. Unha óptica ecofeminista enfatiza na relevancia da educación popular e a necesidade de incrementar o traballo comunitario; o tempo social que repercute no benestar comunitario.

 

Cartel das xornadas © Nova Escola Galega
Unha imaxe da terceira edición do Festival Agrogay da Ulloa © Festival Agrogay da Ulloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.