O PP tomba a lei galega de identidade de xénero e procura fendas entre os colectivos LGTBI

Membros dos colectivos LGTBI impulsores da lei, con En Marea, PSdeG e BNG nos corredores do Parlamento CC-BY-SA En Marea

Tres veces "non". En setembro de 2016, durante a campaña das eleccións galegas, diversos colectivos LGTBI dirixíronse aos grupos políticos á procura de apoio para o que daquela era un bosquexo de lei galega de identidade de xénero. As forzas que compoñen a actual oposición parlamentaria foron algunhas das que secundaron a iniciativa, que a pasada primavera emprendeu un camiño parlamentario concretado no rexistro do texto articulado da proposición por parte de En Marea, PSdeG e BNG. Así, por triplicado e con consenso pola esquerda, chegou este martes a iniciativa lexislativa ao pleno da Cámara para o debate de toma en consideración, o que determina se unha lei é tramitada e sometida ao correspondente proceso de emendas, paso que non chegará porque o grupo do PP optou polo "non". A maioría dos preceptos desta proposta xa están en marcha, aseguran os conservadores, que aproveitaron o debate para procurar fendas entre as asociacións que representan este colectivo.

O texto, concibido sobre o "principio de respecto á libre manifestación da identidade de xénero", aborda ámbitos que ían dende a xestión administrativa cotiá ata atención sanitaria, medidas educativas e de formación, garantías de non discriminación no ámbito laboral, liñas de apoio familiar ou regulamentacións sectoriais e para persoas en situación de especial vulnerabilidade, caso das vítimas de discriminación e violencia ou poboación reclusa. A proposta, a xuízo da oposición, permitiría o ordenamento xurídico galego ir alén da lei de igualdade de trato e non discriminación de persoas LGTBI, aprobada en 2014 a iniciativa do PSdeG pero con amplas modificacións introducidas polo PP, que fixera valer a súa maioría absoluta para matizar ou retirar aspectos como o réxime sancionador.

A esa norma, precisamente, é a que se aferraron os conservadores desta volta para xustificar o "non" á lei de identidade de xénero. Nela, di a deputada popular Marta Rodríguez-Vispo, quedou "plasmada" a "defensa da liberdade das persoas" e dos seus dereitos con independencia "da súa identidade ou orientación sexual", así como o "rexeitamento a calquera acoso" ao colectivo LGTBI. Esa lei, afirmou, é "aplicable en todos os seus artigos ás persoas transexuais", a Xunta xa a está a desenvolver e mesmo a "facer o que propoñen" co texto que hoxe se debatía en ámbitos como o sanitario. "Mágoa -censurou- esta ruptura de consenso entre as asociacións", porque "se algunha destas asociacións se quere arrogar a representatividade de todas, non estamos de acordo", dixo esgrimindo un escrito no que dous colectivos -Fundación Daniela e Chrysallis- se desmarcaron da proposta, impulsada por Arelas, Ultreia e Amizando.

Olalla Rodil (BNG): "Galiza non conta cunha soa lei que defina que é transexualidade, que é identidade sexual e de xenero e despatoloxice a transexualidade"

A postura do grupo que sustenta o Goberno foi lamentado polos grupos que avalaron conxuntamente a lei, todos eles de acordo en superar o marco da normativa de 2014. Galicia, lembrou no nome do BNG a súa vicevoceira, Olalla Rodil, non conta "cunha soa lei que defina que é a transexualidade, que é a identidade sexual e de xénero" e, sobre todo, que "despatoloxice" a transexualidade ou "facilite" trámites como o cambio de nome en rexistros e demais documentación oficial. Unha norma, ao cabo, que deixe claro que "o xénero non ten nada qeu ver cos xenitais, que hai homes con vaxina e mulleres con pene" e que tal circunstancia non pode ser abordada como unha "enfermidade" ou un motivo de discriminación.

"Están seguros da súa identidade?"

Marcos Cal (En Marea) lamenta que persoas transexuais vaian ter que "seguir dando unha explicación cada vez que sacan o DNI"

A translación á vida cotiá das propostas da lei foi outros dos eixos nos que os grupos da oposición apoiaron a súa defensa da proposición. "Están vostedes seguros da súa identidade? Saben se son vostedes homes ou mulleres? Se pensan que non teñen que responder a estas preguntas, por que outras persoas teñen que facelo?", cuestionou o deputado Marcos Cal á bancada do PP no nome de En Marea. A lei do 2014, lembrou, apenas dedica "dúas liñas á transexualidade" e con ela aínda vixentes danse casos como o de Pablo, "que mudou tres veces de centro educativo por acoso", o de Manuel, "que terá que pedir un crédito para facer as cirurxías que precisa e que o Sergas non cobre" ou Daniela, "que ten que dar unha explicación cada vez que saca o DNI" para accións cotiás como pagar con tarxeta.

Noela Blanco (PSdeG) lamenta que o PP volva ser, como co matrimonio igualitario, "o último da fila na loita polos dereitos"

"Non sei de que teñen medo, que é o que lles parece mal de tomar en consideración esta lei", lamentou Cal nun contexto no que a deputada do PSdeG Noela Blanco censura tamén que a lei promovida polo seu grupo en 2014 sexa agora utilizada polo PP para "facer publicidade e propaganda", anunciando medidas para desenvolvela xusto antes de opoñerse á nova proposta. O que o PP rexeitou este martes, advertiu, son peticións tan concretas como que "os tratamentos" na sanidade pública "non rexeiten nin discriminen" ou se vele pola "dignidade destas persoas" en todos os ámbitos da vida diaria. Pero "as señorías do PP, censura, seguen a ser "os últimos da fila na loita polos dereitos" aínda que despois "fagan uso" deles: "Dixeron non ao divorcio e divorciáronse; opuxéronse á lei do aborto, pero abortaron; non apoiaron os matrimonios entre persoas do mesmo xénero, pero actuaron como testemuñas en vodas dos seus compañeiros. Que hipocrisía", reprochou.

Rodríguez-Vispo (PP) advirte de que o seu partido non é "transfobo" e acusa a esquerda de procurar "politización" dos dereitos LGTBI

A lembranza da participación de cargos opulares naquelas "infames manifestacións" para "opoñerse a que dúas persoas do mesmo sexo puidesen casar", en verbas de Rodil, pairaron tamén sobre un debate que o partido de Alberto Núñez Feijóo tentou zanxar acusando a oposición de tentar levar os dereitos LGTBI a un "escenario de confrontación". "Parece que se empeñan en dicir que somos tránsfobos e non o somos", proclamou Rodríguez-Vispo mentres permanecía no atril a bandeira que representa as persoas trans -a oposición colocara unha e a deputada do PP achegou outra de seu-. "Queremos contentar a todo o mundo e que todo o mundo estea unido dese tema" mentres En Marea, PSdeG e BNG "só perseguen" con este texto "defender os intereses de determinadas persoas, non aos colectivos trans de Galicia". A oposición, ao cabo, só procura "politización", sentencia.

Cal, Blanco e Rodil, durante a defensa da lei CC-BY-SA Praza Pública
Rodríguez-Vispo (PP), durante o debate © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.