O PP recorta a lei LGTB pero asume o matrimonio igualitario 10 anos despois

Besteiro segue o debate acompañado por responsables do grupo LGTB do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O 30 de xuño de 2005 o Congreso dos Deputados aprobaba definitivamente a modificación do Código Civil para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Facíao co apoio da maioría absoluta do Congreso ás teses defendidas polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e entre a irada oposición do PP de Mariano Rajoy, daquela con Ángel Acebes como man dereita. En outubro do mesmo ano os conservadores levaban a reforma ante o Tribunal Constitucional por "desnaturalizar" a institución matrimonial. Case dez anos e un varapau do TC despois os populares asumiron este martes no Parlamento de Galicia algúns dos dereitos contra os que se manifestaron a carón da Conferencia Episcopal e do Foro Español de la Familia.

O lexislativo vén de darlle luz verde á proposición de lei pola visibilidade e non discriminación de lesbianas, gays, transexuais e bisexuais (LGTB), unha norma que tras o trámite de emendas incorpora tameń a palabra "intersexuais" na súa denominación pero que deixa polo camiño múltiples preceptos, algúns tan relevantes como o réxime sancionador ou a inversión da carga da proba, o que implicaba que as persoas ou entidades demandadas por lesionar os dereitos do colectivo tivesen que "demostrar que non se vulnerou o principio de igualdade de trato". Estes recortes, e outros como a eliminación dun protocolo para responer ás agresións homófobas, supoñen para colectivos como Nós Mesmas que a lei queda, en boa medida, "baleira de contido".

Estas limitacións foron lamentadas polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen critica que o PP "empeore e rebaixe as pretensións" dunha lei que, non obstante, asegura, supón un fito "histórico" para a "normalidade" da vida do colectivo LGTBI na sociedade galega. Na mesma liña a voceira socialista no debate, Carmen Gallego, lamenta que os conservadores introducisen mudanzas no texto orixinal para, por exemplo, eliminar as mencións á "visibilización" ou a obriga de crear "un espazo no Museo do Pobo Galego para a memoria das persoas represaliadas polo franquismo" por mor da súa identidade sexual. Pero "malia ao que quedou polo camiño está claro o avance", mantén, porque a norma "mellora a vida de 300.000 galegos e galegas".

A lei "garante" que nas adopcións "non exista discriminación por razón de orientación sexual"

Con estes condicionantes, que implica a lei? En esencia, que os organismos públicos e privados deben tratar en termos de igualdade a todas as persoas con independencia da súa sexualidade. Isto trae consigo, por exemplo, que de agora en diante a Xunta "entende por familia a derivada do matrimonio, da unión entre dúas persoas do mesmo ou distinto sexo". En concordancia con isto "garantirase que na valoración da idoneidade nos procesos de adopción" de nenas e nenos "non exista ningunha discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero". Xusto o que o PP rexeitaba nas rúas hai apenas unha década. Lonxe, cando menos dialecticamente, daquelas posicións extremas agora a súa deputada Marta Rodríguez Vispo avoga por "evitar todo tipo de discriminación" cunha lei que tamén ve "histórica".

Si "crítico" do BNG e abstención de AGE

Ademais do PSdeG e do PP a lei sae adiante tamén co voto afirmativo do BNG, un "voto afirmativo claramente crítico" para unha norma que, di Carme Adán, "abre camiños" e inclúe no ordenamento xurídico do país "conceptos que non existían", ata o punto de que "cada artigo amplía un dereito", malia ás emendas do PP. Lucindo sobre os ombros a bandeira multicor que representa a defensa dos dereitos das persoas homosexuais, transexuais e bisexuais -a presidenta da Cámara impediulle colocala na tribuna- Adán advertiu de que a lei "marca obrigas moi claras" cuxo cumprimento o Bloque "vai vixiar". Cómpre, di, un verdadeiro compromiso coas políticas de igualdade porque "as leis non cambian as condutas nin os pensamentos".

Adán advirte de que o "voto afirmativo crítico" do Bloque implica "vixiar" o cumprimento da lei

Pola banda de AGE a súa voceira, Eva Solla, explicou que o seu grupo optou pola abstención ao considerar a nova norma como "unha oportunidade perdida", toda vez que "en virtude da ilóxica lóxica parlamentaria" a proposta do PSdeG, "bastante completa", pasou "ás mans do PP", que a "desvirtuou". Esa mesma abstención foi tameń a opción da deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, que na súa intervención censurou a "patoloxización" da identidade sexual e o xeito en que se aborda a visibilización, "como se as persoas tivesen que visibilizar alto tan persoal, natural e íntimo como é a nosa sexualidade.

Acto público polos dereitos do colectivo LGTBI CC-BY-NC-SA 7 Cores

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.