Toda Galicia celebrou este xoves o Día do Orgullo LGTBI+, unha celebración que crece ano a ano, combinando unha dimensión lúdica e outra reivindicativa. Aos actos organizados nas sete cidades, con concertos, manifestacións (este xoves na Coruña e Lugo, o sábado en Vigo), representacións teatrais ou debates, únense cada vez máis vilas e concellos pequenos, estendendo o Orgullo por todo o territorio, dende a Galicia urbana ás zonas máis rurais.
Así, Sada, Rianxo, Bueu, Laxe, A Guarda, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Verín, Ordes, Neda, Narón, Ribadeo, Vimianzo ou Carballo, entre moitos outros, penduraron da fachada da súa Casa do Concello a bandeira coas cores do arco da vella. Ademais, varias localidades organizaron unha programación específica de actos nesta semana, como foi o caso de Rianxo. Ou como xa fixera Lalín o pasado mes de maio.
Este xoves, centos de persoas (moi novas e novos na súa maioría) participaron na Coruña na manifestación convocada por ALAS Coruña e Amizando, que partiu do Obelisco para rematar na Praza de María Pita coa lectura dun manifesto. A marcha centrouse este ano da reivindicación da igualdade de dereitos para as persoas transexuais e na despatoloxización da súa realidade.