0 Gardados para despois

Dous días de "orgullo de Lalín" polo "pleno respecto á diversidade afectivo-sexual"

Redacción | @prazapublica

Mes e medio antes do Día Internacional do Orgullo LGTBI a vila de Lalín aspira a tornar durante dous días en "capital da convivencia e da diversidade". O municipio celebra dende este venres, 4 de maio, a terceira edición da súa Festa do Orgullo, un evento festivo, pero tamén con "accións educativas, culturais e transformadoras" que pretenden, "rachar tabús ao abeiro da bandeira multicor", di o Concello, que organiza a celebración xunto a diversas entidades de defensa dos dereitos LGTBI.

"Este evento -explican dende o goberno local lalinense- pretende incidir na análise e mellora da situación dos dereitos en xeral de toda a cidadanía", co foco posto "con máis intensidade" na infancia e na mocidade e "co factor diferencial" de celebrarse "no contexto rural galego". Con todos estes factores, sinalan, pretenden dar pasos que aseguren "unha educación aberta á diversidade afectivo-sexual en todos os ámbitos", capaz de "previr e combater calquera forma de discriminación ou acoso por razón de orientación sexual ou identidade de xénero".

Segundo a organización da festa o Orgullo de Lalín xa "trata de transcender as fronteiras do Deza" para se consolidar como "o Orgullo de Galicia". Lalín, afirma o alcalde, Rafael Cuiña, pretende consolidarse como "pioneiro na loita pola igualdade e os dereitos LGTBI" e "estamos encantados de recibir a través desta iniciativa a tanta xente para reivindicar que cadaquén sexa o que queira ser" nun "Concello progresista, igualitario e responsable, que quere ser punta de lanza" neste eido.

A festa, pregoada nesta ocasión polo xornalista da TVG Alfonso Hermida, combina obradoiros e encontros formativos con concertos e actividades lúdicas para "reivindicar que cadaquén sexa o que queira ser"

O programa do Orgullo de Lalín comezou este venres co III Seminario de Educación Afectivo-Sexual, no que participaron voces expertas como Celia Blanco, Martina González, Freddy Saborido ou Eva Mejuto. Unha mesa de traballo de colectivos LGTBI de todo o país ou un seminario sobre sexualidade completaron as actividades formativas dunha primeira xornada que culmina, ás once da noite, co Festival do Orgullo na Praza da Igrexa.

O sábado a xornada comeza ás 11 coa apetura dos postos informativos de colectivos sociais LGTBI na rúa Joaquín Loriga e animación de rúa, a mediodía, a cargo de Trópico de Grelos. Tamén ás 12 chegará o pregón do evento, desta volta a cargo de Alfonso Hermida, xornalista da Televisión de Galicia. Contos pola igualdade, un partido de rugby, obradoiros ou teatro encherán de actividades a vila ata a noite, cando a carpa do Festival do Orgullo acollerá as músicas de Enfant Bello, The Teta's Van, Las Chillers e Seann Miley Moore.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.