O pasado sábado coñeceuse o suicidio de Alan, un rapaz catalán de 17 anos, transexual, que decidiu quitar a vida polo acoso ao que era sometido no ámbito escolar. Alan fora un dos primeiros menores trans que en Cataluña fora autorizado a cambiar oficialmente o seu nome, un proceso que nos últimos meses tamén conseguiu levar a cabo un pequeno grupo de rapaces e rapazas en Galicia. Porén, a presión e o bullying que sufría foi insoportable. A nai de Alan, en entrevista publicada este mércores en El Mundo, denuncia que a morte do seu fillo foi "un crime social".
Cristina Palacios, nai dunha nena transexual, constituíu este verán a Asociación de familias de menores trans* Arelas, unha entidade que defende os dereitos destas persoas e familias en Galicia promovendo, entre outras cuestións, accións informativas nos centros de ensino e medidas concretas para facer normal nos colexios e na sociedade o que nos corpos dos seus fillos e fillas é tamén normal. Nestes momentos Arelas traballa coa Consellería de Educación na elaboración dun protocolo neste senso.
"Pásase en puntas de pé por este tema, e despois pasa o que pasa: os alumnos e alumnas ven raros e raras as persoas transexuais. E aí é onde comeza o insulto, o acoso, os silencios..."
Como valoras a morte de Alan? Por que se produce? Que conclusións podemos tirar?
O que penso estes días é que a sociedade está a fracasar como sociedade. E a comunidade educativa está fracasando tamén no referente ao acoso e ao bullying, porque o acoso e o bullying ocorren cada día nos centros escolares, en relación aos menores transexuais e en moitos outros rapaces e rapazas. Por desgraza, Alan non foi o primeiro e probablemente tampouco será o último. Hai tamén un fracaso polo descoñecemento xeral que existe sobre este asunto e a habitual actitude de mirar cara a outro lado. Vemos como nos colexios e institutos é francamente difícil para nós poder dar información ou, cando menos, solicitar que o fagan os educadores e orientadores. Ninguén quere mollarse neste tema. Todo se fai de maneira transversal, pero a vida non é transversal, a vida é o aquí e o agora.
Aínda que xa conseguimos cousas, e pouco a pouco imos conseguindo máis, queda moitísimo por facer dende a educación. Pásase en puntas de pé por este tema, non se fala del e despois pasa o que pasa: os alumnos e alumnas ven raros e raras as persoas transexuais, como ven raro a todo o que é diferente. E aí é onde comeza o insulto, o acoso, os silencios... Ás veces os silencios doen máis que as palabras, ignorar unha persoa e arrinconala. Queda moito por facer nos colexios, non se está traballando realmente na diversidade e na igualdade. Non se avanzou nada.
"Queda moito por facer nos colexios, non se está traballando realmente na diversidade e na igualdade. Non se avanzou nada"
A morte de Alan é terrible, pero entendo que é só a punta do iceberg, que por debaixo hai moitísimos casos de pequenas violencias e sufrimentos cotiás, non si?
O caso de Alan é, en primeiro lugar, un caso que chegamos a coñecer, e coñecémolo porque a súa familia estaba nunha asociación e decidiron facelo público. Pero moitos outros nin sequera saen á luz. As estatísticas están aí: o 81% dos adolescentes transexuais pensan en suicidarse e moitos inténtano e, desgraciadamente, moitos conségueno. Non todos teñen o apoio das súas familias, polo que moitas mortes son silenciadas. Outro dato é que o 40% dos e das adolescentes trans tentaron quitar a vida. É unha barbaridade. Eu podería contarche moitos casos de nenos e nenas que cada día sofren acoso en centros de ensino de Galicia. E a xente quítalle importancia e mira para outro lado.
"O 40% dos e das adolescentes trans tentaron quitar a vida"
Estas cousas pasan todos os días. Ese sentimento de non querer seguir vivindo ocorre con moita frecuencia nos e nas adolescentes transexuais, e iso é terrible. E isto pasa porque a xente coa que conviven: familiares, compañeiros..., cada día lles fan ver que son raros, que son anormais, que non entran dentro do que é esperable ou desexable, que ser diferente é horroroso. E, claro, acabas por convencerte de que non tes espazo e de que a vida non ten moito sentido. Reflexionemos todos por que pasa isto. Ser transexual non implica que teñas depresión ou que sexan menos feliz. Eu teño unha nena marabillosa que, afortunadamente, non sofre estas cousas, e que o que quere é vivir e facer cousas todos os días. Aí está a diferenza entre sufrir un acoso e non sufrilo, entre ser respectado e non selo.
"Vemos cada día que os mestres, os psicólogos, os médicos... non teñen nin idea de transexualidade, sobre todo nos menores, que é unha realidade diferente á dos adultos"
Que se pode facer?
Pois, dende logo, dar moita información. Pero claro, primeiro teñen que formarse os profesionais. Vemos cada día que os mestres, os psicólogos, os médicos... non teñen nin idea de transexualidade, sobre todo nos menores, que é unha realidade diferente á dos adultos. Hai pouco coñecemento e o que hai está moi baseado en clixés e estereotipos e en prexuízos moi antigos que nada teñen que ver coa realidade actual. Primeiro, formación, e despois información, que se informe ao alumnado nos colexios e institutos, onde ten que comezar a falarse dunha maneira aberta a clara do que é a diversidade sexual.
E non dunha maneira transversal. Non, falemos directamente do tema, poñámoslle nomes e apelidos, non hai nada que ocultar. Cando hai coñecemento e a xente ve que estas persoas son tan homes ou mulleres como calquera, teñan o que teñan entre as pernas, convivirán con elas e eles con toda a naturalidade do mundo. Notamos que nos centros de ensino quere agocharse todo isto, como un tema tabú. Queremos que os nosos fillos non perciban que isto é un tabú. A miña filla hai ano e medio que levou a cabo o tránsito no seu centro, pero eu aínda non conseguín dar aí unha charla. Cal é o medo a que se fale de transexualidade?
"Cando hai coñecemento e a xente ve que estas persoas son tan homes ou mulleres como calquera, teñan o que teñan entre as pernas, convivirán con elas e eles con toda a naturalidade do mundo"
Eu entendo que para uns nenos e nenas sexa difícil asimilar que un dos seus compañeiros, que durante anos foi a clase vestido de nena e con nome de nena, de súpeto un día comeza a ir vestido de neno e con nome de neno. Pois haberá que explicarlles con normalidade o que sucedeu e seguramente entenderano perfectamente. Os nenos e os adolescentes cambian o chip moi rapidamente e decátanse das cousas. Pero o que non pode ser é que perciban que hai un tabú, que hai un medo a explicar isto. Porque neste caso si que verán que algo malo está pasando. E como é malo e é diferente, pois imos ir a por el.
"Cando un neno diga que é un neno, pois haberá que respectalo, chamarlle polo nome que el decida e tratalo coma un neno e, ademais, terá que utilizar os espazos destinados aos nenos"
Que medidas e accións concretas propoñedes dende Arelas?
Desde Arelas estamos traballando nun protocolo educativo sobre diversidade coa Consellería de Educación, que probablemente se aprobe proximamente, no que se fala destas cuestións. Cando un neno diga que é un neno, pois haberá que respectalo, chamarlle polo nome que el decida e tratalo coma un neno e, ademais, terá que utilizar os espazos destinados aos nenos, xa que -tristemente- aínda seguimos distinguindo entre os espazos de nenos e de nenas. Parece moi obvio, pero como de momento non se está respectando, pois por iso tivemos que redactar un protocolo. Nalgún centro obrigaron a un neno transexual a empregar o baño dos mestres. Noutro querían obrigar a que unha nena trans usase o baño dunha hora a unha hora determinada. Este protocolo vai ser moi importante. Non hai ningún en Galicia polo de agora e, de feito, en España só se aplica un en Andalucía. Sería moi importante que xa este mesmo curso este protocolo puidese chegar a todos os centros.