O vindeiro sábado 16 de outubro pode ser un día histórico para Asturias e para o futuro das linguas asturiana e galega nese territorio. A Xunta pola Defensa da la Llingua Asturiana convocou en Oviedo unha manifestación en demanda, unha vez máis, da oficialidade das dúas linguas en Asturias, a través dunha reforma do Estatuto de Autonomía. Trátase dunha demanda que foi medrando nos últimos anos, como son mostra as importantes mobilizacións sociais que tiveron lugar nos anos 2018 e 2019. Pero agora semella que os tempos son chegados, despois de que hai uns días o presidente da comunidade, Adrián Barbón, anunciase a apertura do proceso para a reforma do Estatuto de Autonomía, que incluirá a oficialidade para ambos os dous idiomas.
Semella que os tempos son chegados, despois de que hai uns días o presidente Adrián Barbón, anunciase a apertura do proceso para a reforma do Estatuto de Autonomía, que incluirá a oficialidade para ambos os dous idiomas
No seu artigo 4, o actual texto estatutario sinala que "o bable [sic] gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e o seu ensino, respectando en todo caso as variantes locais e a voluntariedade na súa aprendizaxe". A norma, polo tanto, non establece a oficialidade, o que nas últimas décadas foi un freo para o impulso de iniciativas de promoción e, ademais, fixa que o seu ensino deberá ser opcional.
Con todo, a súa crecente presenza nas escolas foi moi importante para fomentar o seu coñecemento e prestixio entre as xeracións máis novas e unha lei do ano 1998 e o Plan de Normalización de 2005 tamén significaron pasos adiante. Recentemente, o cambio de posición na Federación Socialista Asturiana, que aprobou defender a oficialidade do asturiano e do galego-asturiano, permitiu que por primeira vez houbese unha maioría no Parlamento a prol deste status.
Na actualidade, o asturiano conta con máis de 100.000 falantes nativos, máis outro medio millón de persoas que coñecen o idioma e a empregan como segunda lingua, aínda que os distintos estudos publicados difiren na porcentaxe de falantes habituais. Ademais, no occidente de Asturias fálase o coñecido como Galego de Asturias, eonaviego ou galego-asturiano, unha variante da lingua galega que na actualidade conta cuns 45.000 falantes. No ano 2016 o concello da Veiga declarou o galego (baixo a denominación de galego-asturiano) como lingua oficial do concello, converténdose deste xeito na primeira localidade da chamada "Galicia estremeira" en situalo en pé de igualdade co castelán.
Falamos con Xosé Candel, voceiro da Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana, sobre a situación que vive este idioma, o momento político e social que se abriu nos últimos anos e a mobilización convocada para o vindeiro 16 de outubro. Aténdenos nun perfecto galego.
Estamos a vivir un momento histórico para a llingua. Confiades en que, desta vez si, se aprobe a oficialidade para o asturiano e o galego-asturiano?
"Na nosa proposta de redacción, ademais de recoñecer a oficialidade e o carácter de linguas propias de Asturias do asturiano e o galego-asturiano, queremos tamén blindar o seu ensino nas escolas e tamén un orzamento axeitado"
Todo depende dos deputados e deputadas que a van votar, pero estamos convencidos de que non vai haber outra saída esta volta que a declaración de oficialidade, sobre todo despois de que a Federación Socialista Asturiana aprobara no seu congreso anterior que ían defender esta posición. Polo medio, as eleccións e a pandemia paralizaron un chisco o proceso, pero o presidente dixo que o tema se ía debater nesta lexislatura.
Como debería ser a redacción do artigo 4 do Estatuto? Cal é a vosa proposta?
Na nosa proposta de redacción deste artigo no Estatuto de Autonomía, ademais de recoñecer a oficialidade e o carácter de linguas propias de Asturias do asturiano e o galego-asturiano, queremos tamén blindar o seu ensino nas escolas e tamén un orzamento axeitado a través dunha lei de normalización ou de usos ao amparo dese novo marco estatutario.
Máis aló deste cambio de posición no PSOE, está a mudar o clima social? Hai agora un maior recoñecemento do asturiano? Medrou a demanda da oficialidade?
"Levamos xa moitos anos de ensino nas escolas e hai un nivel de coñecemento da lingua moito máis importante que na década dos 80, aínda que seguramente hai un retroceso na fala natural ou espontánea"
Si, ademais de que nas institucións hai cada vez máis apoio, hai tamén cada vez máis apoio en moitos sectores sociais. Levamos xa moitos anos de ensino nas escolas e hai un nivel de coñecemento da lingua moito máis importante que na década dos 80, aínda que seguramente hai un retroceso na fala natural ou espontánea. Pero en todo caso hai un maior coñecemento e recoñecemento que o que a xente fala é asturiano e creo que por iso aumenta tamén a demanda dun status normal.
Sempre se dixo que falar asturiano era falar mal, sempre se ridiculizou á xente que falaba asturiano en certos ambientes, pero as xeracións que medraron estudando o asturiano na escola están cambiando esa visión. Nas universidades era imposible escoitalo e agora en cambio hai xente que quere defender a súa tese en asturiano e aínda que lle custa un pouco, pode facelo.
As últimas manifestacións que fixemos, antes da pandemia, nos anos 2018 e 2019, foron máis importantes que as que estabamos facendo con anterioridade. Levabamos moitos anos organizando unha manifestación no Día das Letras Asturianas, pero nas marchas do 2018 e 2019 houbo un salto cualitativo de participación e de implicación de sectores sociais que anteriormente non participaban. Levamos tempo agardando a ver na manifestación ao Partido Socialista como un movemento máis a prol da oficialidade. Esperemos que esta vez sexa así, esperámolo sinceramente.
Como é a situación social do asturiano? Dis que o número de falantes naturais está a descender. Supoño que isto dáse especialmente entre a mocidade, non si?
"Levamos tempo agardando a ver na manifestación ao Partido Socialista como un movemento máis a prol da oficialidade. Esperemos que esta vez sexa así, esperámolo sinceramente"
Si, por suposto este é o tema que máis nos preocupa: a falta de transmisión interxeracional. Hai iniciativas moi boas, como Reciella, que é unha asociación de familias polo asturiano, que usan o asturiano cos seus fillos e promóveno. Pero a miña percepción é que esa transmisión está diminuíndo e tamén o amosan algunhas enquisas e estudos sociolingüísticos. No ano 1991 a porcentaxe de poboación que dicía que a súa lingua materna era o 31% e agora é o 24%, non é un descenso dramático e imparable, pero si continuo e hai que poñerlle un freo.
"Hai moito máis uso do que había antes, e é novidoso que conselleiros do Goberno e o propio presidente o usen de cando en cando. É un avance que aínda que sexa simbólico, achega moito á consideración que a cidadanía ten da lingua"
Hai moita diferenza entre as zonas rurais e as cidades?
Nas zonas rurais si que hai máis falantes, sobre todo falantes espontáneos, pero nas zonas urbanas debido ás universidades ou aos estudos dos máis novos atopamos máis neofalantes, que están máis comprometidos e son máis conscientes.
Nos últimos meses recibistes outra boa nova coa sentenza do Supremo que avala o uso do asturiano no Parlamento autonómico, a pesar das críticas de VOX. En que medida se emprega, en todo caso? É máis habitual que antes?
Algún partido si que usa o asturiano máis acotío, como Esquerda Unida ou Podemos, pero o resto emprégano sobre todo de forma litúrxica, só en ocasións moi concretas ou para chamar a atención de que se está usando. Mesmo o PP úsao ás veces para dicir que eles non están en contra do asturiano, senón só da oficialidade. En todo caso, si que hai moito máis uso do que había antes, e é novidoso que conselleiros do Goberno e o propio presidente o usen de cando en cando tanto na Xunta Xeneral coma en actos institucionais. É un avance que aínda que sexa simbólico, achega moito á consideración que a cidadanía ten da lingua: se os presidentes e os mandatarios usan o asturiano, será que non é algo malo. Nós aplaudímolo, pero lembramos que iso non nos dá dereitos novos á poboación.
Como é a situación do ensino do asturiano na escola?
"Hai uns poucos anos mesmo houbo un proxecto piloto para convertela en lingua vehicular en determinadas materias. Porén, coa entrada en vigor da LOMCE, a lingua sufriu un retroceso moi grande"
O ensino comezou como materia optativa no ano 1984 e polo tanto hai xa bastante xente de 30 ou 40 anos que foi escolarizada en asturiano. Empezou con bastante forza, sobre todo en certos colexios que foron piloto. Hai uns poucos anos mesmo houbo un proxecto piloto para convertela en lingua vehicular en determinadas materias e chegou a facerse en cinco ou seis centros de Primaria. Porén, coa entrada en vigor da LOMCE, a lingua sufriu un retroceso moi grande porque en Primaria determinouse que a materia de lingua asturiana tiña que ter outra materia-espello, que é a de cultura asturiana, unha materia un pouco ficticia, porque en realidade é de cultura asturiana en castelán e fica en algo máis folclórico que outra cousa. A realidade, polo tanto, é que esta materia exclúe os alumnos de aprender lingua asturiana.
Despois, en Secundaria a materia de lingua asturiana compite con outras materias optativas, que dende logo tamén son interesantes para a formación do alumnado, como Francés. Nós queremos que a oficialidade leve consigo un acordo social de que a lingua asturiana é algo que os asturianos e as asturianas teñen que aprender como parte da súa formación integral como cidadáns.
E nos medios de comunicación? Penso que a presenza na televisión e na radio pública é mínima, non si?
"Dende a creación da RTPA levamos pedindo unha televisión 100% en asturiano, porque televisión xeneralista en castelán xa existe e está ao alcance de todo o mundo"
Na radio hai algo máis de presenza, pero nós temos feito estudos que cifran un uso do 4% na radio e do 1% na televisión, contando reposicións; unha presenza mínima polo tanto. Outro tema é tamén o modelo lingüístico escollido e o uso que se fai do asturiano, moitas veces relegado a un uso folclórico, ou unicamente para contidos humorísticos, porque parece que resulta gracioso dicir as cousas en asturiano. Hai un uso bastante diglósico da lingua. Dende a creación da RTPA levamos pedindo unha televisión 100% en asturiano, porque televisión xeneralista en castelán xa existe e está ao alcance de todo o mundo.
Esta situación de diglosia e a importancia de que o asturiano se empregue en ámbitos de prestixio, coma o Parlamento, pode ser comparable á que sufría o galego ata hai catro décadas, cando o seu uso oficial era moi cativo?
"Eses 40 anos de atraso con respecto a outras comunidades autónomas, como Galicia, é algo que nos pasa factura. Nestas décadas perdéronse moitos falantes e perdeuse moita lingua, moito vocabulario e expresións"
Si, seguramente nese e noutros aspectos podería facerse unha comparanza co que era o galego nos anos 80. Eu vivín en Galicia unha tempada (por iso falo galego) e si que me lembra un pouco esa situación da diglosia, de falar o galego nas cociñas pero non fóra da casa ou de non falarlle aos fillos en galego. Esa situación seguímola vivindo aquí, con moita xente que seguramente non matricula os seus fillos en asturiano porque pensa que é unha perda de tempo e que despois non lle vai servir para nada. Pode ser unha boa similitude, pero claro, con 30 ou 40 anos de diferenza.
A oficialidade pode ser unha realidade en poucos anos, pero sentides que nos últimos 40 anos perdéronse oportunidades de impulsar políticas para defender e promover o asturiano?
Si, está claro que eses 40 anos de atraso con respecto a outras comunidades autónomas, como Galicia, é algo que nos pasa factura. Nestas décadas perdéronse moitos falantes e perdeuse moita lingua, moito vocabulario e expresións. Sempre dicimos que imos tarde, pero o caso é non ir tarde de máis e aproveitar esta oportunidade de salvar a lingua, de asegurar que se manteña tendo un amplo grupo de falantes que a manteñan viva. De nada serviría que a lingua se mantivese no ámbito dos lingüístas ou dos filólogos.
E como é a situación do galego en Asturias ou do galego-asturiano? Pode ser comparable a todo o comentado en relación coa lingua asturiana?
"O galego-asturiano é unha lingua popularmente máis viva que o asturiano. Por outro lado, seguramente o seu recoñecemento en Asturias é menor que o que ten o asturiano, o mesmo que o seu prestixio e o seu uso institucional"
O galego-asturiano é unha lingua popularmente máis viva que o asturiano. No seu territorio coñécea e úsaa habitualmente máis xente. É un colectivo de falantes moito máis pequeno, algo máis de 40.000 persoas, e ademais maioritariamente rural. Pero, iso si, ten outras ameazas; unha delas é a perda de identidade pola influencia do galego, que ten moita forza sobre todo a través dos medios de comunicación de Galicia que chegan alí, o que pode facer que a propia lingua galego-asturiana vaia perdendo os seus propios elementos que a fan peculiar.
Por outro lado, aínda que ten máis falantes, seguramente o seu recoñecemento en Asturias é menor que o que ten o asturiano, o mesmo que o seu prestixio e o seu uso institucional. Por exemplo, aínda que o presidente de Asturias fala de cando en cando en galego-asturiano, faino menos que en asturiano. Ou, por exemplo, a conselleira de Política Lingüística, que é asturfalante nativa, usa moito o asturiano e moito menos o galego-asturiano.
Ademais da mobilización convocada para o mes que vén, que outras iniciativas tedes en marcha?
Ademais da manifestación, nas vindeiras semanas solicitaremos entrevistas con todos os partidos políticos que van participar no debate e tamén con organizacións sindicais e sociais, co obxectivo de promover un artigo 4 que, como dixen antes, blinde o ensino e inclúe un orzamento suficiente para a promoción da lingua. Unhas políticas que garantan que se van facer cousas, que se vai defender á industria editorial ou que se vai promover un uso normalizado da toponimia, que xa está practicamente recuperada nos papeis, pero falta que se recupere nos carteis e rotulación de edificios.
Como é a situación das editoriais en asturiano? Supoño que moi precaria, moi necesitadas dun maior apoio público, non si?
"Ten problemas a industria editorial, a musical, a audiovisual, a teatral..., todas as industrias culturais en asturiano. Manter unha editorial en asturiano é unha militancia, un signo de compromiso e un risco máis que un negocio"
Ten problemas a industria editorial, a musical, a audiovisual, a teatral..., todas as industrias culturais en asturiano. Manter unha editorial en asturiano é unha militancia, un signo de compromiso e un risco máis que un negocio. Vemos como moitas teñen que botar o peche, porque non son quen de sobrevivir. As subvencións non o son todo, e o que pedimos sobre todo é que se promocione a creación dunha audiencia en asturiano, dun público. Porén, dende logo as axudas públicas poden ser importantes nun primeiro momento, para impulsar as iniciativas e para conseguir que aos creadores lles mereza a pena facer estes produtos.
Que outras actividades levades a cabo como asociación?
Nos anos 90 comezamos a impartir clases de asturiano como denuncia de que a administración non facía escolarización para adultos, aínda que sempre dicimos que esta non é a nosa función. A día de hoxe seguimos impartindo estas clases e o que naceu como denuncia converteuse nun apoio máis para a lingua. Por desgraza, parece que non cundiu o exemplo e a consellaría competente non quere ver que estas clases para adultos son necesarias e que é necesario alfabetizar en asturiano á poboación de maior idade. Aí esta o modelo, que esperemos que algún día imite a administración.