Milleiros de persoas reclaman en Oviedo a oficialidade do asturiano e do galego en Asturias

Imaxe da manifestación deste sábado en Oviedo © Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana

"Llegó'l momentu". Milleiros de persoas manifestáronse este sábado en Oviedo en reivindicación da oficialidade para a lingua asturiana e tamén para o galego na parte occidental de Asturias. Nun ambiente festivo e cunha gran presenzas de nenos e nenas pequenas, máis de 5.000 persoas (na estimación ofrecida pola Policía Local, 30.000 segundo a organización) marcharon xuntas nunha mobilización histórica na rexión.

O pasado ano a III Encuesta Sociolingüística de Asturias amosou por primeira vez unha maioría de poboación en favor da oficialidade, cun 40% "de acordo totalmente" e un 13% "de acordo parcialmente"

A manifestación foi convocada pola Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana (XDLA) e contou co apoio dos principais sindicatos asturianos (CCOO, UGT, Suatea, CSI, USC e Intersindical) e tamén do secretario xeral do Sindicato de los Obreros Mineros de Asturias (SOMA), José Luis Alperi. En canto aos partidos políticos, participaron Podemos Asturies, IU-IX e mesmo a Federación Socialista Asturiana do PSOE, sendo a primeira vez que o PSOE ten unha representación oficial nunha marcha en favor da oficialidade para o asturiano dende 1976.

O debate sobre a oficialidade vén gañando peso en Asturias nos últimos anos. O pasado ano a III Encuesta Sociolingüística de Asturias amosou por primeira vez unha maioría de poboación en favor da oficialidade, cun 40% "de acordo totalmente" e un 13% "de acordo parcialmente". Un 20% dicía ser "indiferente" e só un 25% se amosaba en desacordo, total ou parcialmente. Un 53% manifestaban nesta enquisa que o asturiano "é unha lingua coma o resto de linguas oficiais en España". Este estudo tamén revelaba que un 91% da poboación demandaba unha maior presenza no sistema educativo da lingua asturiana, hoxe case inexistente. Con todo, o 70% cría que o asturiano debía ser tan só unha materia optativa e non obrigatoria. O outro gran cambio marcouno a propia FSA do PSOE, que no seu último congreso, celebrado o pasado mes de outubro, aprobou apoiar a oficialidade para a lingua asturiana.

A marcha contou tamén co apoio de Reciella-Families pol Asturianu, Iniciativa pol Asturianu e a Plataforma pola Oficialidá del Gallego-Asturiano, ademaos doutras entidades do ámbito social e cultural asturiano. Así mesmo, detrás da faixa de Conceyos pola Oficialidá  participou na marcha un grupo de cargos municipais de distintas localidades, representando a edís de PSOE, Podemos, IU-IX, Foro Asturias, PAS ou Conceyu Abiertu.

"Facémolo cunha idea clara: a de darlle normalidade a unhas linguas, o asturiano e o galego-asturiano, que viven unha situación clara de anormalidade. Condenadas a desaparecer porque non teñen o apoio institucional que teñen as linguas oficiais"

Ao remate da marcha leuse un manifesto, no que se destacou que "moita xente leva décadas loitando por defender a lingua. Xente que deixou atrás a vergoña e o sentimento de inferioridade e que quere que ese patrimonio siga vivo e transmitido de xeración en xeración". "A xente que estamos aquí vimos desa tradición reivindicativa e orgullosa do noso. Non porque sexa mellor, senón porque é noso e somos nós quen o temos que defender", engadiuse. Concluíndo: "Facémolo cunha idea clara: a de darlle normalidade a unhas linguas, o asturiano e o galego-asturiano, que viven unha situación clara de anormalidade. Condenadas a desaparecer porque non teñen nin a validez, nin os dereitos, nin o apoio institucional, nin a presenza social que teñen as linguas oficiais. Iso é o que garante a oficialidade".

 

Apoio da Mesa

A marcha tiña o apoio, ademais, da Mesa pola Normalización Lingüística e da Plataforma pola Oficialidá del Gallego-Asturiano, que persegue acadar a oficialidade do galego en Asturias, que "debe ser recoñecido como lingua oficial e propia da zona Eo-Navia", reclama a Mesa. "Dende a Mesa lembrámoslle á Xunta que a Lei de Normalización Lingüística no seu título V artigo 21.2 que establece a obriga do Goberno Galego a facer 'uso do previsto no artigo 35 do Estatuto de autonomía a fin de protexer a lingua galega falada en territorios limítrofes coa comunidade autónoma'", destaca a entidade.

A marcha tiña o apoio, ademais, da Mesa pola Normalización Lingüística e da Plataforma pola Oficialidá del Gallego-Asturiano, que persegue acadar a oficialidade do galego en Asturias, que "debe ser recoñecido como lingua oficial e propia da zona Eo-Navia"

Así mesmo, a Mesa insta ao Estado español, á Xunta e ao goberno de Asturias "a cumpriren a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias" que no artigo 14 recolle a necesidade de "facilitar e/ou promover a cooperación a través das fronteiras, principalmente entre colectividades rexionais ou locais no territorio das cales se fala a mesma lingua de maneira idéntica ou próxima”. A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias tamén estipula que no eido educativo “as partes comprométense a autorizar, a fomentar ou a poñer en práctica, se o número de falantes dunha lingua rexional ou minoritaria o xustifica, un ensino na ou da lingua rexional ou minoritaria nos niveis apropiados de ensino”.

No manifesto que se leu ao remate da marcha fíxose fincapé na necesidade de que tamén o galego sexa oficial na parte occidental de Asturias e teña presenza no sistema educativo. "Hoi manifestáronse da mao, xuntos, xente que fala asturiano y xente que fala gallego-asturiano. A normalidá llingüística tamén é eso: que conózamos, respetemos y apreciemos esta llingua na que tou falando agora, qu´é a llingua d´úa parte da población asturiana, a que nacéu nel estremo occidental. Y sentímola tan nosa como a del resto del territorio asturiano. Por eso pedimos el mesmo respeto llegal pral asturiano que prá llingua que se fala nas veiras del Eo y el Navia. Nun podía ser d´outro xeito", díxose.

 

Música

Na manifestación houbo moita música e soaron especialmente dúas cancións, "Agora" e "Agora ye'l momentu" coas que nas últimas semanas a Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana chamou á mobilización da poboación. A primeira, interpretada por Vito Álvarez e Xune Elipe, con música de Sergio Rodríguez e letra de Pablo Texón, ten unha parte en galego-asturiano. A segunda ten letra e música do gaiteiro Xuacu Amieva.

Na marcha participaron cinco mil persoas, segundo a Policía Local © Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.