“O disco máis importante dos meus 47 anos de vida”. Así define Ugia Pedreira ‘A Comuna del Barruzo’ (aCentral Folque), o seu novo traballo, un disco-libro “para nenas, nenos e adultos que aínda o son”
‘A Comuna del Barruzo’ é natureza. É respecto pola diversidade ecolóxica e social. Tal como explica Pedreira, “un castro, un círculo”, no que “todos os seres son necesarios”. Mais tamén á reivindicación do dereito a soñar. A imaxinar. A xogar. A facernos preguntas. A emocionarnos. E a tentar mudar as cousas. Nun monllo de temas sinxelos, nas súas melodías, mais cheos de detalles. Con ritmos que navegan entre o pop-rock, o folk galegoastur ou bretón… Un encontro, unha mestura de músicas para bailar. Para chamar polo movemento como expresión da vida. Falamos con Ugia Pedreira, quen respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
Ugia Pedreira é a nena Pisquela. E armou este proxecto con Abel Pérez. Como xorde este libro-disco?
“Mónica, a ilustradora, dixo que se inspirara na miña cara, entón algo pisquelada tou”
Coñecín a Abel no Conservatorio Folque de Lalín: foi alumno alí e agora foi el quen tivo a idea de fer este disco e darme toda a liberdade de creación. Entón preguntei a Pierrot, compañeiro de vida e admirado músico bretón antes que a nosa vida trasluchara xunta.
Sen el non podería levar a cabo o disco-libro, sería imposíbel. É o músico da casa, o gravador, o enxeñeiro de son, o compositor, o meu parceiro para compoñer e deseñar a Comuna del Barruzo. El aceptou e comezamos a facer unha axenda de traballo firme, audaz e divertida. A nena Pisquela é do escritor e xornalista Héctor Acebo: a súa poesía abre as letras do disco. É un texto explicativo del. Mónica, a ilustradora, dixo que se inspirara na miña cara, entón algo pisquelada tou.
Mais o disco é unha creación colectiva na que se implicou moita máis xente. Que é a comuna del Barruzo? Quen son os seres máxicos que a forman? Por que se chama así? (Penso, ademais, que as ilustracións de Mónica Justo representan a algunhas das comuneiras...)
“A Comuna del Barruzo é esa idea soñadora de tribo, un grupo de xente que vive nunha comunidade mediana en territorio e de maneira sustentábel”
A Comuna del Barruzo é esa idea soñadora de tribo, un grupo de xente que vive nunha comunidade mediana en territorio, a terra dos Albións noutro tempo, e que vive de maneira sustentábel. Nas montañas de Oscos acontece algo así desde hai anos. Xente nova que vai ao rural vivir en boas condiciós de recursos e saúde.
A medida que fun compoñendo a idea xeral do proxecto vin a calidade que tiña Mónica na construción de seres. Entre os que eu lle ía dicindo conforme as letras das canciois conformamos dez seres que protexen a Comuna del Barruzo. Dez seres máxicos e diferentes.
Tamén hai amigos e amigas que, sen seren eo-naviegos, colaboraron no disco. Penso en Rosa Cedrón ou Quim Farinha, por exemplo. Quen foron e como se integraron entre os comuneiros estes amigos e amigas?
“Implicamos a varios músicos da zona si, entre eles o griot da contorna, o Chus Diaz, que toca o sitar”
Rosa e Quim foron necesarios polas cordas. Pierrot ía compoñendo e arranxando e segundo iamos necesitando sonoridades así chamabamos a bons e xenerosas. Ás veces non tiñamos opción e substituímos unhas sonoridades por outras por falta de músicos, mais gañamos en espazos sonoros imaxinativos. Implicamos a varios músicos da zona si, entre eles o griot da contorna, o Chus Diaz, que toca o sitar e cultiva a pintura entre os neníos-as de Oscos.
Hai tamén achegas duns cantantes moi especiais: as nenas Elena, Lua e Vega e o neno Rui. De que xeito participan neste disco?
“Lúa, a nosa filla, canta e é pozo sen fondo de escoita intelixentemente emocional, entón iso deunos moitos azos, seguridade e camiño”
Estos nenos-as próximos á Comuna foron fonte de inspiración e guía constante na composición. Lúa, a nosa filla, canta e é pozo sen fondo de escoita intelixentemente emocional, entón iso deunos moitos azos, seguridade e camiño. Rui e familia, Elena -debuxo de Nayundes Paradise- son o recordo constante da fortaleza e do grande magma que produce ter arredor nenos-as diferentes. Na Comuna del Barruzo non hai exclusión, polo tanto nada a incluír.
A acollida do libro-disco na comarca do Eo-Navia está a ser moi boa. Supoño que non hai moitos proxectos culturais en eo-naviego -aínda que poida haber cada vez máis-. Que supón a publicación deste disco neste contexto?
“A xente, feliz de ver un disco-libro local e planetario de boa calidade en todos os aspectos. Unha subida de autoestima, una alegría colectiva que percibimos cada día que pasa”
Este proxecto foi financiado fundamentalmente e impulsado desde unha persona, Abel Mialmaproduciois. El buscouse a vida para pagarnos e cobramos ao rematar o traballo. Isto xa dignifica a miña profesión, poucos-as fan tal cousa. Eu feliz de ter un encargo, ao fin, e ao lado de casa na miña comunidade. Imaxina!
Lin, coñecín a historia, a xente, o patrimonio e comecei a compoñer. A xente, feliz de ver un disco-libro local e planetario de boa calidade en todos os aspectos. Unha subida de autoestima, unha alegría colectiva que percibimos cada día que pasa, na tenda, na rúa, é a constatación da forza que ten a arte para a melloría e benestar común.
En relación co anterior, o disco parece unha celebración das cousas pequenas -que son grandes-. A natureza. O rural. A capacidade de soñar e de xogar. A importancia de desfrutar do momento. Ou de preguntar, sempre, de querer saber. Cales son, para ti, os principais temas do disco? Que é o que, dalgunha maneira, reivindica?
“Non hai un sen outro: é un castro, un círculo. Todos os seres son necesarios”
Non hai un sen outro: é un castro, un círculo. Todos os seres son necesarios. Un achegamento á natureza desde o seu coidado, utilidade para a vida, respecto en complemento ou contraposición, como se queira, coa vida material, robótica, informática. Letras que non entran á primeira para facerche pensar, músicas que baten á primeira pero carregadas de mil detalles.
O mundo rural, dixéchesme hai pouco, está cheo de grandes inspiracións e vangardas. Non só se fai cultura nas cidades. O disco tamén reivindica iso. En que sentido?
“O movemento corporal e polo tanto a afección cerebral que iso imprime é moi diferente se habitas na aldea”
Unha oda á vida no rural. O movemento corporal e polo tanto a afección cerebral que iso imprime é moi diferente se habitas na aldea. O que entra polo nariz, ollos, boca, ouvidos, é distinto e tá sobrevalorada a forma de vivir das cidades. A perspectiva tamén é diferente. E dicir que é diferente non é dicir nin mal nin ben.
Respecto ás melodías, son temas sinxelos pero moi variados. Hai un monte de instrumentos, tamén. Eu ao escoitar pensaba que encaixaba coa traxectoria dunha persoa coma ti, que pasou por tantos proxectos moi diferentes: Marful, Nordestinas, Galegoz, Xenreira… Como definirías o disco en canto a iso, a estilos musicais que xunta? Que buscaches nese aspecto?
“Non é un disco para nenos-as, é para quen queira escoitalo mais, como realmente fai falla material escolar en galego-asturiano, pois aí tá"
Os arranxos fíxoos Pierre ao seu antollo con consenso meu. El vén do coñecemento exhaustivo do pop-rock europeo e americano. Criouse na música clasica e no folk bretón. O seu abano é amplo. A sonoridade do disco non é miña estritamente, é del, e atopamonos e aprendemos un do outro con esta gravación.
Tamén se mideu como produtor e técnico e tamos moi contentos de poder abrir unha vía de gravaciós para quen queira nesta nosa terra do occidente astur. Queriamos que fose bailábel, non “Infantilizado” tanto a nivel harmónico, melódico como letrístico. Non é un disco para nenos-as, é para quen queira escoitalo mais, como realmente fai falla material escolar en galego-asturiano, pois aí tá.
Canto ás letras, hai moitas achegas: ademais de ti mesma, Quique Roxíos, Arturo Álvarez, Belén Rico, Nicolas Kervazo, Inés Pérez, Elia Rodríguez, Hector Acebo, Mercé de Rande e Pierrot Rougier. Como se coordinou o traballo de composición das letras?
“Tou encantada de aunar familia, comarca, amigos, patrimonio e política lingüística nun mesmo proxecto”
Os poetas eonaviegos funos escollendo e lendo o que máis me interesaba para ser musicado. Nicolás é amigo de Pierrot, un guitarrista bretón agora mesmo con moitos proxectos lindos e amigo da casa. Gostamos da sua composición e pedímoslle unha canción que traducimos e cambiamos algo tamén. Mercé e eu fixemos hai moitos anos ‘Irmá Florita’ cando viviamos xuntas en Santiago: recuperei esta canción e cambiei cousas tamén.
Pierrot e eu tiñamos compostas cousiñas e gardadas, tamén botamos mao delas. Un colage moi interesante. Como directora artística do proxecto tou encantada de aunar familia, comarca, amigos, patrimonio e política lingüística nun mesmo proxecto. Ademais é a primeira vez que institución galega e asturiana se dan a mao. Isto é de agradecer ás dúas.
Hai tamén no disco un equipo de persoas que fixeron a adaptación dos textos ao eo-naviego. E neles optouse por respectar a variedade do eo-naviego, algo que parece coherente coa realidade dunha lingua non oficial, non normalizada… Como e por que se fixeron esas adaptacións ás distintas variedades? (Digo porque si existen as normas ortográficas e morfolóxicas do galego-asturiano. E se aquí se fixese un disco coas distintas variedades do galego, algo de polémica seguramente crearía).
“O fervor é que a xente fala na Fala, e tá viva, e esta variante do galego ten un espazo propio”
Non vexo polémica nisto, a polémica tá en que a “academia asturiana” quere globalizar en asturianu toda Asturias. A polémica pode ser que esta zona é terra de ninguén? E o fervor é que a xente fala na Fala, e tá viva, e esta variante do galego ten un espazo propio e moita xente quere poñerlle altofalantes. Entón puxemos o grao de area para empuxar este lume novo e bo que non deixa de prender.
No disco-libro saen, si, os logos do Ayuntamiento de Vegadeo, da Mesa pola Normalización Lingüística e da Secretaría Llinguïstica del Navia-Eo. Non sei se é a primeira vez que isto acontece mais, en calquera caso, cal queredes que sexa a achega deste libro-disco á normalización do galego-asturiano? (Que existe como optativa nas escolas).
“Deixar morrer un idioma é como intoxicar cerebros. Moita xente quere que se manteña a variedade desta Fala e aí me tocou estar agora”
Si, iso era o que comentaba: un agradecemento enorme a quen entendeu e apoiou na compra de libros. Primeira vez que acontece este abrazo. O libro ten que chegar ás escolas fundamentalmente: o resumo da nosa vida é o de Mújica, educación e logo tamén. Deixar morrer un idioma é como intoxicar cerebros. Moita xente quer que se manteña a variedade desta Fala e aí me tocou estar agora.
A Secretaría Llinguïstica del Navia-Eo forma parte da Academia da Llingua Asturiana. E xusto agora hai un debate en Asturias sobre se facer o asturiano lingua oficial ou non. En que medida a oficialización do asturiano axudaría -ou non- á normalización do eo-naviego?
Aquí houbo nesta semana moitas reuniós ao repeito e non vexo que quedemos calados. Hai minirrevolución co tema! Persoas sen colectivo nin partido xuntándose de maneira asemblearia para convocar acciós e movemento a favor do galegoasturiano.
“Na intimidade das casas está, nas escolas tamén, en moitos lugares escoitas falantes. Todo por facer e construír e apuxar. Unha marabilla”
O eo-naviego ou galegoasturiano é tamén reivindicado, desde institucións galegas, como galego non normalizado. E hai quen está en contra de chamarlle eo-naviego. Cal é hoxe a relación dos habitantes da comarca Eo-Naviega coa súa lingua? É dicir, de que maneira forma parte da súa identidade e como a definen eles?
Na intimidade das casas está, nas escolas tamén, en moitos lugares escoitas falantes. Todo por facer e construír e apuxar. Unha marabilla.
No disco-libro hai tamén moitos agradecementos. Os colaboradores -Chus Diaz, Rosa Cedrón, Quim Farinha, Marina Oural, Nicolas Kervazo-, e moitas persoas que se implicaron de distintas maneiras no disco -Ramon Pinheiro, Dores Tembrás, Sabela Vázquez, Xavier Campos, Marcelino V. Cageao, Pablo Carpintero, Mario Penelo e Brais Morán-. Queres lembrar a alguén en especial?
Os principais agradecementos son para todas as persoas que coidaron a miña nena Lúa para que nós puideramos estar ás tardes no estudio de gravación que montamos e construímos para este disco. Sen elas non poderiamos facer nada, a dependencia é absoluta.
Sabela de OT vén de escoller unha canción de Marful para a final do concurso. Podes falarnos desa canción?
“Unha alegría para a lingua, para o país, para as comarcas da Mariña e Ortegal, para as autorías femininas”
Si, unha mariñana que colle a canción doutra mariñana! Unha alegría para a lingua, para o país, para as comarcas da Mariña e Ortegal, para as autorías femininas. A canción comeceina a facer na súa serra da Ganhidoira, ouvín alí unha jota que transformei con letra popular do Cancionerio de Marcial de Valladares (unha xoia de cancioneiro) e con letras e melodías miñas, un bo refrito de produtos ecolóxicos! Espero que lle dea moita sorte.
“Marful foi un grupo de culto popular, con moitos detractores dentro da crítica musical máis rancia galega”
Tamén nos une a musicoterapia, parece máxica esta escolla. Ademais Marful foi un grupo de culto popular, con moitos detractores dentro da crítica musical máis rancia galega e que tivemos moitos premios curiosos extraoficiais e un currículo curioso. Sempre nos tocou abrir camiños e canteira. Esta canción deunos moitas sorpresas: esta é unha delas. Os meus compañeiros Teira e Pascuales fixeron un arranxo incríbel como todos. Tamos moi contentos.
Entre os proxectos nos que participaches ultimamente estivo ‘Inclusiones 18’, en Ribadeo. Un evento para reivindicar a diversidade e a inclusión. Con iso tamén ten bastante relación ‘A Comuna del Barruzo’. En que sentido?
‘Inclusiones’ foi levada fundamental por Marina Oural, a miña parceira na Oficina de Outros Asuntos do Movemento, que tratamos temas de diversidade artística e diversidade funcional. Un espectáculo taller onde o proceso artístico en si mesmo ten valor para realizar cambios en todxs e iso promove novas sinapses e aprendizaxes.
Traballamos desde a escena para a vida e ao revés. A arte escénica sexa musical, poética, performática,… como interacciona cos hábitos da vida, como fai comunicantes ás persoas, como isto inflúe e cal é o feed-back. Entón encargáronnos esta dirección que Marina levou na súa totalidade e eu nalgunha parte musical. Foi idea da Fundación Edes e estivo implicando moitos coletivos da Mariña e Asturias.
Tamén fixeches, hai pouco, ‘Unha faba, unha vida’ e ‘Enredadas’, con Martirio, Carmen París e Uxía. En que consistiron estes espectáculos?
Quizás o primeiro non é un espectáculo ao uso. Marina e eu escollemos a performance por ser un lugar máis libre para expoñerse. Os seus poemas musicados por min son o material básico da performance, a naturalidade de acción, de emitir e estar as dúas diante da xente é quizais o diamante. E a relación que se ole entre nós, tamén público e o que se chama xeralmente público dilúese. Destronamos o palco vertical.
As canciois son moi viscerais e levan moita maceración, todo o proxecto nacido en Bretagne nunha carpintería de riveira leva cociñado lento e a poder ser con ingredientes de luxo. O de Enredadas é un agasallo que nos fixo Uxía, un cuarteto anti patriarcal e matriarcal, creo que totalmente Matrístico, nin un só grao de competitividade no proceso nin no palco, un respecto e unha xenerosidade que nunca tal vivín. Unhas señoras tremendas con vidas carregadas e dous señores, Teira e Tannus, que fan un goxo de pano fino como di a miña irmá Marina.
“Cantar o que unha compón é case liberar de forma inmediata o sentimento. Sei que grazas á musica aprovisionámonos de enerxía emocional. O amplo abano emocional está "semi-aceptado" nun sistema cheo de imitacións, protocolo e decoro, onde o chorar está máis mal visto ca rir ca boca pequena. Tampouco está aceitado o caos, a contradición, a dúbida (dada)”, dicíasme hai anos noutra entrevista polo libro-disco ‘Noente Paradise’. Segues pensando o mesmo?
“Iso é a eiva máis grande que vexo na arte escénica galega, a falta de consideración e significado do lugar e imaxe que un corpo ocupa no espazo”
Si, o mesmo. Unha voz que canta nun palco é un corpo que comunica. Entón toda a formación técnica é unha, logo tá a parte intelectual, a da intelixencia emocional, a consciencia corporal, o coñecemento do lugar escénico en si. Na nosa Oficina de Outros Asuntos do Movimento imos ir máis cara a pedagoxía de todo isto. Formarse no palco, que é o palco da vida, é mais integral e holístico que cantar unhas notas ou outras, que facer unha coreografias consensuadas, ou que declamar no colo da camisa uns versos cun libro na mao. Iso é a eiva máis grande que vexo na arte escénica galega, a falta de consideración e significado do lugar e imaxe que un corpo ocupa no espazo.
Hai xa bastante tempo que decidiches voltar para o norte, despois de moitos anos de moita actividade. (aCentral Folque, todas as bandas musicais nas que tiveches e moitos proxectos coma Dillei, Son delas, etc, e tamén proxectos de danza e teatro…). Precisabas un lugar máis tranquilo para criar a Lúa. Por que te decidiches pola comarca Eo-naviega? Como foi a vosa integración aí?
Viñemos seguindo as necesidades de Lúa. Precisabamos un colexio onde a coiden moi ben e ter tempo nós para traballar. Comezamos vivindo en Rinlo, e tamén Pierrot a fer carpintería. Mais se queremos adicarlle horas á evolución da nena precisamos tempo ancho. Por iso voltamos os dous á música a través do Coro da Mariña, do grupo de percusión-creación de Erikas e Peluxias, e puxémonos a gravar a Comuna del Barruzo ademais das acciós coa Oficina. Tamos tentando gañar a vida coa arte, e non só pagar as facturas, senón tamén pagar as terapias internacionais de Lúa co apoio de quen entenda todo isto.
Por que ‘A comuna del Barruzo’ é un disco moi importante para ti?
“Comecei a investigar sobre música -movemento e cerebro e buscar elementos de resiliencia para non cortarme as veas como fixeron outras”
Despois de ter saído do palco convencional, abandonar unha escola como a Folque e adicarme á miña filla, os teléfonos non soaban. Os emails ían a menos. Xa non producía nin diñeiro nin proxectos. Eu funme afastando de todo aquilo e todo aquilo de min, e comecei a investigar sobre música -movemento e cerebro e buscar elementos de resiliencia para non cortarme as veas como fixeron outras, para non medicarme ou caír no sufrimento máis católico.
Non deixei ningún día de compoñer canciós ou escribir algún verso, grazas tamén a matricularme en Apiario. Eu é o que sei facer, producir ideas artísticas a través da música e ensinar, pedagoxía da arte escénica do cantar e investigar como psicóloga e curiosa que son. Fer un disco que sexa integramente achegado ao terrén, ao terruño, con dificultades de tempo de esgotamento, de diñeiro etc, non é unha broma. E si, o disco máis importante dos meus 47 anos de vida.