A academia pide ao Goberno e os grupos parlamentarios asturianos que o galego sexa oficial en todo o Principado e critica “a escolla do glotónimo eo-naviego” para referirse ao que considera unha variedade do galego
A Real Academia Galega (RAG) fixo chegar ao presidente da Xunta Xeral do Principado de Asturias, aos grupos parlamentarios e ao Goberno de Asturias un informe aprobado no seu último pleno sobre a reforma do Estatuto de Autonomía do Principado que contempla “a declaración de oficialidade do asturiano en toda a comunidade autónoma pero limita esa consideración para o galego exclusivamente no seu ámbito territorial”, entre os ríos Eo e Navia. A RAG reclama para o galego unha oficialidade similar á do asturiano en toda Asturias e critica “a escolla do glotónimo eo-naviego, que parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego nas comarcas asturianas estremeiras con Galicia".
Pero á marxe desas consideracións, a Academia salienta que “máis alá da cuestión do glotónimo para designar a variedade do Eo-Navia, hai un problema que afecta a todas as variedades da lingua galega, sexa calquera a beira do Eo que se considere: a súa supervivencia, problemática no momento actual, mesmo na variedade da Comunidade Autónoma de Galicia”.
"As falas do Eo-Navia son unha variedade do galego, e non do asturiano; e esa segue a ser na actualidade a consideración xeral entre os lingüistas", di a RAG
O informe da RAG, divulgado en galego, asturiano e castelán [aquí o PDF], comeza facendo un repaso histórico ás consideracións de diversos lingüistas sobre o idioma que se fala entre os ríos Eo e Navia, do que di que “a tradición dialectolóxica asturiana, hispánica e románica considerou que as falas do Eo-Navia son unha variedade do galego, e non do asturiano; e esa segue a ser na actualidade a consideración xeral entre os lingüistas”. Porén, a Academia lamenta que “tanto as autoridades políticas como as autoridades académicas do Principado, empregaron (e empregan) varios glotónimos, co que complican a situación e fan que os galegófonos eonaviegos asturianos non teñan un nome para chamarlle á lingua que falan”.
O informe engade que “á Real Academia Galega, de acordo cos seus estatutos, non lle é allea a situación da lingua galega falada nas comarcas estremeiras con Galicia, razón pola que non pode calar ante o emprego do glotónimo eo-naviego” na proposta de novo Estatuto de Autonomía, da que di que “parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego na zona”. O documento lembra que en diversos puntos de Europa as linguas saltan por riba das fronteiras políticas sen que o uso do glotónimo sexa “motivo de ningún conflito nin de rexeitamento”.
Igualmente, reclama que do mesmo xeito que o asturiano terá a consideración de oficial en toda Asturias, o mesmo ocorra co galego, ao igual que sucede en Cataluña os “falantes da lingua occitana, denominada aranés en Arán”. “Entre dúas comunidades e entre dúas linguas que comparten intereses e que deberían procurar a colaboración para buscar estratexias de futuro conxuntas, con máis razón deberían evitarse confrontacións que só conducen a desunir e a separar, e que só poden ter consecuencias negativas para os falantes destas variedades e para que os seus dereitos como falantes e como persoas sexan recoñecidos e protexidos”, di a RAG.
Pero o informe da RAG vai “máis alá da cuestión do glotónimo para designar a variedade do Eo-Navia”. O documento remata salientando que “hai un problema que afecta a todas as variedades da lingua galega, sexa calquera a beira do Eo que se considere: a súa supervivencia, problemática no momento actual, mesmo na variedade da Comunidade Autónoma de Galicia”. A RAG di que non é función súa “intervir en cuestións de tipo político”, competencia dos gobernos de Galicia e Asturias, pero si “lembrarlles que unha lingua é un patrimonio cultural merecente de ser salvagardado e que sería máis positivo para esa salvagarda unha política de cooperación e non unha política de confrontación”.