As rúas de Oviedo berran pola oficialidade do asturiano e do galego en Asturias no novo Estatuto do Principado

Manifestación en Oviedo en defensa da oficialidade do asturiano e do galego-asturiano © Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana

O lema "oficialidá" presidiu as principais pancartas e espallouse polas redes sociais

Retomando as importantes mobilizacións sociais previas á pandemia da COVID, pero agora coa expectativa da anunciada reforma do Estatuto de Autonomía do Principado, a Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana convocou este sábado en Oviedo unha manifestación de impulso da oficialidade do asturiano e do galego-asturiano que tornou en marcha masiva.

O actual Estatuto do Principado sinala que "o bable [sic] gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e o seu ensino, respectando en todo caso as variantes locais e a voluntariedade na súa aprendizaxe", unha redacción que elude a oficialidade. Pero agora o presidente socialista da comunidade, Adrián Barbón, vén de anunciar a apertura dun proceso de reforma do texto no que quere incluír a oficialidade do asturiano e do galego-asturiano, galego de Asturias ou eonaviego, a variante da lingua galega que se fala no occidente asturiano e que conta cuns 45.000 falantes.

Para apoiar e impulsar a oficialidade este sábado milleiros de persoas marcharon polas rúas de Oviedo con pancartas nas que destacaba sobre os demais un lema, "oficialidá", que tamén se espallou polas redes sociais.

Cartel da convocatoria da manifestación en defensa da oficialidade do asturiano © Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana

"40 anos de atraso con respecto a outras comunidades, como Galicia, é algo que nos pasa factura. Nestas décadas perdéronse moitos falantes e perdeuse moita lingua", salienta a Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana

Nos días previos á marcha deste sábado o voceiro da Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana, Xosé Candel, salientaba en conversa con Praza.gal a importancia de aproveitar a oportunidade que agora se abre de reforma do estatuto. "Sempre dicimos que imos tarde, pero o caso é non ir tarde de máis e aproveitar esta oportunidade de salvar a lingua asturiana", dicía Candel, que salientaba como os "40 anos de atraso con respecto a outras comunidades autónomas, como Galicia, é algo que nos pasa factura. Nestas décadas perdéronse moitos falantes e perdeuse moita lingua, moito vocabulario e expresións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.