Rubén Ventureira e Juan Luis R. Cudeiro debullan nun libro a historia de Irene, primeira profesional do fútbol en España e impulsora do seu propio equipo
Anos 20 do século pasado. O fútbol, que varias décadas antes atracara na costa galega, íase confirmando como o deporte de masas no que logo viraría. Con cada vez máis afeccionados e referencias na prensa, a medalla de prata da selección española nos Xogos de Amberes --con tres galegos no equipo-- deu o pulo definitivo a unha disciplina exclusivamente masculina. Na Coruña, coa pelota tamén en pleno auxe, o retrato dunha muller porteira ergue a admiración na céntrica rúa Real.
Na imaxe, Irene González Basanta, porteira do equipo que ela mesma creara, o Irene FC, do que tamén era capitá. A primeira profesional do fútbol en España, a primeira muller que xogou con homes, a que lideraba un equipo de rapaces e levaba centos de persoas aos seus partidos, non só na súa cidade senón por varios campos de Galicia.
Mentres Nita, outra referente do fútbol feminino nos anos 20 do século pasado, vestíase de home para poder xogar en Málaga, Irene era venerada na Coruña
Outra emblemática fotografía, a desta moza adolescente, apoiada no pau dunha portería no parque de Riazor, ocupa a portada de Irene y las puertas del fútbol. Historia de una pionera (2020, Vía Láctea) libro no que os xornalistas Juan Luis Rodríguez Cudeiro e Rubén Ventureira contan a historia desta muller, pero tamén a das circunstancias futbolísticas e sociais que rodearon o aflorar dunha figura deportiva e dun referente --feminista tamén-- para as mulleres, nunha época na que aínda non podían votar e onde eran recorrentes as críticas de sectores que rexeitaban a afección feminina pola actividade física.
A mesma fotografía foi tamén protagonista da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, un repaso á historia deste deporte en Galicia. Entre o Balón de Ouro de Luís Suárez e emblemáticas prendas deportivas, "aquela imaxe era das que máis chamaba a atención", lembra Ventureira, comisario daquela mostra. A raíz dela, Rodríguez Cudeiro elaborou unha reportaxe para El País na que destacaba o valor da figura de Irene.
Aos poucos días, recibiu unha chamada. Era Matilde, a sobriña de Irene, que afondou en descoñecidos detalles da porteira e insistiu tamén en desmentir contos como o que indicaba que a futbolista, que faleceu con só 19 anos pola tuberculose, morrera soa. Fora súa nai, a irmá de Irene, quen a coidara ata o seu falecemento. "Por favor, escribide unha historia bonita", pediu aos autores a parente viva de maior idade da gardameta cando Cudeiro e Ventureira decidiron que aquela historia merecía algo máis que unha reportaxe.
Logo de dous anos e medio de investigación, entrevistas e acceso a fontes familiares, os autores presentaron esta semana un libro que debulla a figura de Irene e da contorna da muller e do deporte da época. Mentres a coetánea Nita, outra das pioneiras do fútbol feminino en España, vestíase de home para poder xogar ao fútbol en Málaga, Irene fundaba e capitaneaba equipos e era venerada por público masculino e feminino na Coruña, onde mesmo protagonizaba un cantar entre as nenas da cidade: "Mamá futbolista quiero ser / para jugar como Irene que juega muy bien. / Mamá cuando sea mayor / ganaré mucho dinero jugando al fútbol".
"Non é casualidade na cidade de María Pita, Juana de Vega, Teresa Herrera ou Emilia Pardo Bazán, onde viviron Rosalía de Castro e Concepción Arenal ou onde Marcela e Elisa protagonizaron o primeiro matrimonio homosexual", reflexiona Ventureira, que alude ao escaso poder e influxo eclesiástico en comparación con outras localidades máis beatas. "Pode que noutros sitios a súa actitude fose fulminada cun sermón de calquera cura", engade.
Irene emulaba o mítico Ricardo Zamora na portería e mesmo na vestimenta, que imitaba con detalle
Porque Irene, nada no Campo da Leña e filla dun carabinero, non dubidou en escapar das convencións da época e en afeccionarse ao fútbol xogando no Campo da Estrada, entre rapaces. Destacou como gardameta e emulaba o seu grande ídolo, Ricardo Zamora, mesmo na vestimenta, que imita case á perfección nalgunha das fotos que dela se conservan.
Aínda que seguramente xogou moitos partidos antes, os primeiros dos que hai constancia foron nun equipo que collera o nome do FC Barcelona para fichar logo polo Racing Orillamar. Alí compartiu --e disputou-- a portería cun mito do fútbol galego, Rodrigo García Vizoso, gardameta do Deportivo e do Real Madrid. E xogou encontros con Triana, logo tamén xogador deportivista, e Chacho, outra das maiores figuras da historia do equipo branquiazul, aínda co récord de ser o máximo goleador da selección española nun encontro e cunha estatua ao pé do estadio de Riazor.
"Non estamos falando de calquera; Irene compartía equipo con xente que logo sería referente do fútbol e ela era protagonista, non unha máis", explica Rodríguez Cudeiro, que destaca a "expectación" que provocaban os seus partidos. "A súa presenza no campo facía que se achegase máis xente que a outros eventos da época", engade.
Irene compartiu portería no Racing Orillamar con Rodrigo, mito despois do Deportivo, e xogou con Chacho, ídolo deportivista e do fútbol español
Tamén cando, logo da súa experiencia en varios conxuntos, decide fundar un equipo ao que chama Irene FC, do que é a líder e capitá. A súa fama traspasa fronteiras municipais e a expectación medra nos máis de vinte partidos dos que hai constancia da súa presenza. Non só na Coruña. A sona da porteira leva a que o seu club dispute encontros na Laracha, Betanzos, Ferrol, Sada, Oleiros, Culleredo, Monforte ou Noia, todos con importante presenza de público.
O 9 de febreiro de 1925, Galicia: revista gráfica popular mostra a única fotografía da futbolista publicada pola prensa galega en vida da porteira. "Irene, la primera equipier gallega, capitana del equipo local Irene F. C.", reza o texto que acompaña a xa mítica pose da moza: vestida como o mítico Ricardo Zamora, apoiada a un pau, de brazos cruzados e pisando unha pelota co pé dereito.
Sendo xa unha estrela, Irene segue levantando expectación durante algún ano ata que as penurias e unha enfermidade acaban por lastrar as súas aparicións e as do seu equipo. En abril de 1928, pouco despois de cumprir 19 anos, morre de tuberculose.
O legado de Irene mantívose cos partidos que mulleres xogaban no Entroido en Elviña ou co Karbo, primeiro campión de España de fútbol feminino
"Escribide a historia para que todas esas nenas que agora xogan ao fútbol saiban o que pasou", rogou Matilde, a súa sobriña, aos autores do libro que repasa a vida de Irene. Malia o silencio e o veto do franquismo ao deporte feminino, o seu legado mantívose na Coruña e en Galicia, terra pioneira tamén neste ámbito. Nos anos 60, burlando --e burlándose-- da ditadura, mulleres de Elviña enchían o campo en partidos celebrados no Entroido.
Algúns anos despois, en 1983, o Karbo, equipo que logo se integraría no Deportivo, gañou o primeiro campionato de España de fútbol feminino, o primeiro de moitos éxitos. Hai catro anos e medio, o club coruñés deu vida ao seu equipo feminino, que loita por permanecer na elite do fútbol estatal logo dunha brillante estrea a temporada pasada. Irene, hai agora un século, xa puxera as bases que permiten que agora, cen anos despois, 6.000 mulleres xoguen ao fútbol en Galicia.