Galicia volve á elite do fútbol feminino da man do Deportivo

O Deportivo feminino celebra un gol na fase de ascenso © RCDeportivo

O Deportivo xogará a vindeira tempada na elite do fútbol feminino español. O equipo galego acadou o ascenso logo de vencer, outra vez, ao Femarguín canario no partido de volta da última eliminatoria. Goleou 1-4 tras gañar xa 2-0 na ida en Abegondo e confirmou unha temporada perfecta para o club, con ningunha derrota e unha viaxe á Liga Iberdrola aos tres anos da fundación da sección.

O Deportivo goleou o Femarguín nas Canarias logo de vencer xa na ida e confirma unha temporada case perfecta e a súa viaxe á elite aos tres anos da fundación da sección

Os goles de Gaby (2) e Peke (2) confirmaron a superioridade do conxunto branquiazul, que celebra xa que o ano que vén estará entre as máis grandes e nunha competición que aumenta en seguimento e calidade a cada ano. 

Galicia recupera un posto na elite sete anos despois, desde que o Olivo de Vigo descendera da Primeira División en 2012, e o equipo branquiazul segue, agora si, o ronsel do histórico Karbo Deportivo, que dominara o fútbol estatal a principio dos 80 con varios títulos e unha enorme repercusión. 

O Deportivo celebra un dos goles ante o Femarguín © RCDeportivo

Aquel mítico equipo foi fundado en 1970 no colexio Karbo da Coruña, pasou en 1980 a ser a sección feminina do Deportivo e un dos grandes impulsores do deporte entre as mulleres na Península. Gañou tres campionatos de España (1983, 1984, 1985) e unha Copa da Raíña (1981) e foi subcampión do torneo das Sete Nacións tras perder ante o Borussia. Supuxo, ademais, a base da primeira selección galega feminina, campioa de España en 1985 tras vencer a Euskadi no Camp Nou. 

O Deportivo segue o ronsel do Karbo Deportivo, vinculado ao club coruñés e que gañou tres campionatos de España e unha Copa a principios dos anos 80

Naquel equipo xogaban figuras como Lis Franco -filla do mítico xogador deportivista dos 50, Rafael Franco- ou Pilar Neira, que foi seleccionadora galega de fútbol e fútbol praia. Tamén Geli e Inma, nun conxunto que xuntaba calidade da Coruña e arredores pero tamén do sur de Galicia e mesmo de Asturias. A súa repercusión foi fonda e amplificouse nas portadas logo de gañarlle un partido ao equipo masculino do Laracha (4-2). En 1988, xusto antes de que se crease a Liga feminina, a falta de apoios acabou co Karbo Deportivo e o club coruñés non volveu propoñer a súa recuperación, nin tan sequera nos seus maiores anos de gloria.

Houbo que agardar até 2016, cando o Deportivo fundou o seu equipo feminino tras asinar un convenio de colaboración co Orzán SD e ao adquirir as prazas que este club tiña na Segunda División e na Primeira Autonómica, esta última para o filial. 

Na súa primeira tempada, o equipo galego acadou o segundo posto na Segunda División, posición que repetiría na seguinte tempada tras perder a opción a xogar o play-off de ascenso no último partido na casa ante o que sería finalmente campión, o Oviedo. Xa nesta tempada, o conxunto branquiazul clasificouse para a fase de ascenso tras ceder un único empate e gañar o resto dos partidos na liga regular. 

Manu Sánchez, adestrador do equipo, recoñeceu emocionado ao finalizar o partido que fora "moi complicado". "Parece doado pero non o é; alégrome moitísimo porque aquí hai rapazas que tiñan 16 anos cando as fomos buscar ás dúas casas", rematou entre bágoas. 

Karbo Deportivo, a principios da década dos 80, no estadio de Riazor © RCD / Inma Castañón

O filial do Deportivo tamén logrou o ascenso, neste caso á Segunda División

Na primeira das eliminatorias eliminou o Alhama murciano con claridade ao vencer na ida e golear na volta. Nesta última, doutra volta a superioridade das galegas, que celebraron o seu ascenso en terras canarias e acadaron o obxectivo que o Deportivo se marcara desde que impulsase os equipos femininos en 2016 tras xuntar as mellores promesas do fútbol galego e coruñés e algunhas fichaxes que engadiron a experiencia necesaria para afrontar o camiño cara á elite. 

Ademais, o filial do Deportivo Abanca –ese é o nome oficial do conxunto feminino tras un acordo de patrocinio coa entidade bancaria-- acadou tamén esta tempada o ascenso de Primeira Autonómica á Segunda División, categoría que ocupaba o primeiro equipo ata esta mesma tempada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.