O Dépor xa é "da Coruña" para o Concello. A terceira rolda, inaugurada en 2011 e bautizada co nome do club en 2012, perdeu este pasado xoves o L da súa placa, situada na rotonda do Pavo Real, no inicio desta vía de alta capacidade que conecta Riazor coa AC-14.
Aquí Tamén Se Fala e o Concello descobren as novas placas da Rolda Real Club Deportivo da Coruña, que ata agora mantiñan o 'L' do topónimo deturpado
A placa loce agora como Ronda Real Club Deportivo da Coruña, alí onde ata hai poucas horas se podía ler Real Club Deportivo de La Coruña. Foi tras un acto no que se descubriron as novas placas, a só uns pasos do IES Rafael Dieste, instituto que impulsou a iniciativa de dinamización lingüística Aquí Tamén Se Fala (ATSF), que desde hai semanas leva a cabo unha intensa campaña na que aprema o Dépor a cambiar a súa denominación oficial para usar o topónimo oficial e legal.
A Rolda, bautizada oficialmente co nome Real Club Deportivo en setembro do ano 2012, exhibía a maiores, nas placas municipais, unha referencia ao topónimo que incumpría a normativa da Lei de normalización lingüística, en vigor desde 1983, e que no seu artigo 10 establece que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”, tal e como explican desde ATSF.

A petición de corrección toponímica foi presentada no rexistro municipal polo filólogo e profesor Alberto Pombo, fundador da iniciativa ATSF desde a que se promove a acción O Dépor é da Coruña, que procura "o cambio do topónimo deturpado no escudo do club". E o Concello aceptou a petición, ademais de unirse unha vez máis á demanda.
O edil Gonzalo Castro defende o apoio do Concello ao cambio do topónimo e a unha "campaña de normalización e de restauración da nosa dignidade"
Así, mentres segue a esperar por un compromiso firme do Deportivo para impulsar o cambio, Aquí Tamén Se Fala xa logrou que polo menos se dese no rueiro da cidade. A mudanza nas placas chega en medio da intensa campaña desenvolvida por este proxecto iniciado no IES Rafael Dieste, que conta co apoio da Real Academia Galega, o Consello da Cultura, a Deputación, a Xunta e todos os institutos públicos da cidade, así como de numerosos referentes culturais de Galicia ou ex-capitáns históricos como Álex Bergantiños ou Dani Mallo.
Tamén do Concello, que foi dos asinantes iniciais do manifesto a través do seu concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presente no acto deste venres. "Acompañamos e apoiamos esta campaña de normalización e case que diría de restauración da nosa dignidade", asegurou o edil coruñés, que lembrou que o Deportivo é "un dos maiores embaixadores de Galicia, do país" e que isto debe "reflectirse na súa idiosincrasia como club e, o primeiro de todo, non seu nome, como club galego que é".
"Todos os casos de éxito que hai no fútbol, tan globalizado, incorporan en esencia a defensa da súa identidade e da súa historia", lembrou Gonzalo Castro, que cre que o 120º aniversario do Deportivo, que se celebrará na vindeira temporada é unha data ideal para que o club use o topónimo oficial na súa denominación. "O obxectivo vai ser conseguido, porque é xusto e ten o apoio de todo o deportivismo", lembrou, tras advertir que o Concello "ten que estar" apoiando iniciativas como as de ATSF. "É a nosa obriga", insistiu.
"O obxectivo vaise conseguir", advirte o Concello; "a campaña rematará só cando o Dépor anuncie o cambio", di Aquí Tamén Se Fala
Pola banda do instituto coruñés, representado por unha nutrida selección de estudantes que forman parte de ATSF, o seu xefe de estudos, Ramón Barreiro —un dos mil socios máis antigos do club— explicou que a campaña polo topónimo é tamén unha forma de "reconectar o Dépor coa súa xente", un club que é "parte fundamental da conexión coa nosa terra".
"É o momento de seguir avanzando e non quedar atrás; non é o momento do que dirán", insistiu, tras asegurar que a campaña "non se vai parar, non se vai deter". "Cada día que pase seremos máis", dixo.
Tamén desde a plataforma estudantil, conformada xa por máis de 25.000 estudantes de 250 centros de ensino de todo o país, anuncian "novas accións" e reiteran que a súa campaña terminará "só no momento en que o Deportivo anuncie o cambio e rache coa disonancia e confusión que se dá na íntima relación entre o nome do club e o da cidade".
Polo momento, repartiron xa 30.000 adhesivos co lema da campaña, implicaron referentes culturais, deportivos e institucionais e implicaron a federación de peñas do Deportivo e a boa parte da súa masa social. Agora conseguen, tamén, que o apoio do Concello suba un chanzo máis.
Máis presión aínda para un Deportivo que se limita a asegurar que "valorará" a proposta do cambio do topónimo pero que non amosou posición pública ningunha aínda. Todo malia que as voces a prol do cambio xurdiron tamén da propia Xunta, da Academia e de figuras históricas do club, ademais de chegar cada vez con máis forza desde o Concello onde se asenta.
A alcaldesa, contundente
Mesmo a alcaldesa da cidade, Inés Rey, fora contundente nas súas declaracións ao respecto hai só unhas semanas: "A cidade é A Coruña e, polo tanto, aquelas entidades de referencia, como o Deportivo, deben axustarse xa ao nome que é oficial e único que hai".
"Estou moi de acordo coa iniciativa; é unha evolución lóxica que defendamos a nosa identidade propia, o nome da nosa cidade e a nosa lingua, que ten que ser algo que nos una", engadira Rey, que deixou clara a postura do Concello, que agarda que o club atenda a unha demanda que non fai máis que apañar apoio.

Ademais, o cambio na rúa dedicada ao club foi aceptado polo Concello nun contexto no que mantén continuas diferenzas co Deportivo e coa súa propiedade, Abanca, ben polos futuros usos do estadio de Riazor, polas obras previstas no recinto ou polos detalles da candidatura mundialista da cidade. Estas diferenzas chegaron a provocar que o equipo decidise rexeitar o convite inicial do Concello para a celebración do ascenso do equipo á Segunda División a pasada tempada, así como varios comunicados e declaracións de reproches mutuos.