No verán de 2008, hai case 17 anos, o pleno do Concello da Coruña aprobaba un decreto no que se acordaba desistir das accións xudiciais que quedaran pendentes para reivindicar o uso do topónimo La Coruña. Gobernada daquela a cidade por un bipartito PSOE-BNG, o alcalde Javier Losada poñía fin á insistente batalla xudicial que o seu antecesor no cargo, Francisco Vázquez, mantivera viva durante anos. Contra o decreto da Xunta de 1984 que establecía que os topónimos tiñan como "única forma oficial a galega" ou contra o acordo unánime do Congreso que oficializou o nome en galego da provincia e da súa capital.
Eran xa outros tempos. O topónimo deturpado La Coruña non estaba presente en ningún outro organismo oficial e era residual en negocios ou institucións privadas. Agora, case vinte anos despois, o estraño é atopar referencias á vella denominación. O PP local, que en 2008 criticaba a renuncia a seguir litigando na xustiza e advertía do "Estado de excepción lingüístico na cidade", preséntase como o PP "de A Coruña", ao igual que a Cámara de Comercio e o 99% das institucións sociais, deportivas e culturais. Mantense, en cambio, unha anomalía: a da entidade con máis apoio, socios e arraigo en toda a urbe: o Real Club Deportivo de La Coruña.
Non será por moito tempo. Así de seguros están desde Aquí tamén se fala, iniciativa normalizadora que comezou no IES Rafael Dieste —a poucos metros do estadio de Riazor—, que se estendeu por máis de 200 centros de toda Galicia e que enceta agora unha nova e ambiciosa campaña que insta o Deportivo a "adaptar o topónimo oficial que representa a cidade: A Coruña".
"É unha campaña en positivo que o Deportivo vai saber capitalizar; estamos convencidos de que se vai conseguir", din os docentes impulsores de 'Aquí tamén se fala'
"O Dépor é da Coruña é unha campaña en positivo que sabemos que o club vai saber capitalizar. Estamos convencidos de que se vai conseguir; e non o cremos só nós, é que así nolo fixeron saber tamén en cada porta que petamos", din con optimismo Alberto Pombo e Mónica Reigía, dous dos profesores, xunto a Arcadio González, que impulsaron este proxecto de dinamización da lingua galega, o máis grande exercido nunca activamente pola mocidade estudantil.
Para explicar tal optimismo teñen os seus argumentos. Un dos máis importantes, o apoio a unha iniciativa que, nin moito menos, se limita á rapazada dun instituto e que tampouco é unha acción puntual, senón unha campaña alongada e constante no tempo. Entre os e as asinantes que piden "coraxe e determinación e orgullo e identidade" ao Deportivo para que mude de vez o topónimo están o Concello da Coruña, a Xunta, a Deputación, o Consello da Cultura, a Universidade, a Real Academia Galega, a Federación da Peñas ou Álex Bergantiños, coruñés, último capitán histórico do equipo e membro ata hai menos dun ano do Consello de Administración.
Ademais, a petición abrangue todos os institutos públicos da Coruña, representados coa sinatura, non só dos seus directores e directoras, senón tamén dos responsables dos departamentos de lingua e dos equipos de dinamización dos 16 centros. "Non houbo nin quen dubidase", explican Pombo e Reigía, que falan dun "sentir social e un apoio maioritario na cidade, que quere mudar o topónimo". "Vímolo claramente o pasado domingo en Riazor: estamos canalizando moito amor e ilusión", lembran respecto da repartición de 15.000 adhesivos ás portas do estadio, recibida con apoio e ilusión pola afección deportivista.
O apoio é masivo e maioritario entre a cidadanía e unánime nas institucións: RAG, Concello, Deputación, UDC ou Xunta apostan por que o Dépor mude o topónimo
O apoio é tamén masivo e unánime nas institucións e administracións. Tanto que a propia alcaldesa da cidade, en declaracións a Radio Coruña, foi concluínte: "Estou moi de acordo coa iniciativa; é unha evolución lóxica que defendamos a nosa identidade propia, o nome da nosa cidade e a nosa lingua, que ten que ser algo que nos una". Así, lembrou que o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, foi "dos primeiros" en asinar unha demanda que "ten toda a súa lóxica".
O Deportivo, de quen Aquí tamén se fala espera aínda resposta para poñer data a unha reunión, aclara que a mudanza do topónimo non é un tema que non pensaran xa. "Require dun proceso longo e valorarase; é todo o que podemos dicir agora", responden á consulta de Praza.gal.
Mentres, os apoios ao cambio non cesan. Desde a Real Academia Galega (RAG), o seu novo presidente, Henrique Monteagudo, sumouse ao que amosara xa o seu antecesor, Víctor Freixanes, coa súa sinatura. E vai máis aló da lóxica legal e histórica. "É un exemplo magnífico da implicación de diferentes actores sociais na normalización do galego e unha manifestación do agarimo que hai na sociedade pola lingua, das ganas de convertela nunha lingua normal; a iniciativa é un alento. É un orgullo ver a xente nova comprometida con cousas así", explica en declaracións a Praza.gal.
"A cidade é A Coruña e aquelas entidades de referencia, como o Deportivo, deben axustarse xa ao nome que é oficial e único que hai", di a alcaldesa Inés Rey
Outro dos asinantes do manifesto, como experto en toponimia, é Iván Méndez, técnico do Seminario de Onomástica da RAG e socio deportivista desde hai máis de 30 anos. "Os clubs de fútbol convertéronse en grandes símbolos das localidades en que xogan. Alén de aspectos legais e outros, un equipo, que vincula milleiros de seareiros en todo o mundo a través da paixón por unhas cores, ten que corresponder ese afecto á cidade que o acolle levando orgulloso o seu nome", di. "Isto non só vai de leis, vai de afectividade, de vinculación, de arraigo. E iso é o que ten que decidir o club: con que se vincula", defende.
"A cidade é A Coruña e, polo tanto, aquelas entidades de referencia, como o Deportivo, deben axustarse xa ao nome que é oficial e único que hai", insistiu a alcaldesa, Inés Rey, consciente tamén de que, nesta altura, non semella haber discusión ningunha.
"É un debate extinto, esmorecido na cidade; 'La Coruña' é algo pintoresco, unha anomalía"
"É un debate extinto, esmorecido... É moi difícil que alguén menor de 30 anos na Coruña se identifique con La Coruña, que é algo pintoresco, unha anomalía", reflexiona Pombo, que recoñece que "hai 20 ou 25 anos si houbo figuras políticas que meteron moita tensión, intentando mesmo separar galegofalantes e castelanfalantes a respecto do topónimo". "Pero iso morreu xa, non hai debate", insiste quen advirte, por exemplo, dunha das máis estrañas "disonancias" que provoca o feito de que o Deportivo non leve o nome oficial no escudo. "O club é coñecido como o La Coruña no Brasil, e mesmo equipos de alí fan comunicacións oficiais en portugués empregando esa denominación", explica.
Galego para todo, 'La Coruña' no escudo
"Non hai debate desde hai tempo, pero a situación antes de que Abanca se fixese co club era máis complexa e requiría de máis trámites", engaden fontes da directiva de Tino Fernández, que ocupou a presidencia do club entre 2014 e 2019. Foi aquela a etapa na que o Deportivo pasou a usar o galego como lingua vehicular en todas as súas comunicacións e campañas —algo que aínda se mantén— ou a implantar como segundo uniforme unha camiseta coa bandeira galega e con habituais referencias ao país, en forma de mapa ou de homenaxes á emigración. Pero, malia todo, o L seguiu (e segue) no escudo. Mesmo co paradoxo de que o brazalete do capitán ou a publicidade da Deputación luzan no mesmo uniforme co topónimo oficial.
"Nalgunha ocasión si que se debateu porque houbo iniciativas que pediron o cambio; decidimos instar a seguir os trámites que requiría a sociedade anónima deportiva", explican as mesmas fontes. A saber: calquera accionista debía reunir o 5% do capital social e levar a proposta á orde do día dunha xunta de accionistas; nese caso, e cunha maioría simple de apoios, activaríase a mudanza. Pero o capital estaba repartido entre unhas 23.000 persoas —polo límite de 1% de títulos como máximo por accionista que instaurara Augusto César Lendoiro— e apañar os apoios non era tan doado. Sobre todo cando os maiores paquetes accionariais, controlados por empresas que daban apoio ou que controlaba a propia directiva, non se mollaban. Nin alentaban.

Agora, con Abanca como propietario de máis do 99% das accións do club semella "aínda máis fácil que daquela", di Pombo. "Non só polos trámites, senón porque sabemos que o idioma non é obstáculo ningún para esta propiedade, tal e como demostra o banco nas súas comunicacións... Se cadra, se non o fixo antes é porque ninguén lle petara na porta para pedirllo", explica Pombo. "Hai un capital privado e maioritario que só terá que dicir si ou non", engade, malia que o Deportivo fale dun "proceso longo".
"É certo que puidemos impulsalo desde o consello daquela, pero había problemas dabondo no club... Pensamos que o ideal sería que os que o reclamaban fosen os encargados de activar a mudanza", explican fontes do consello de Tino Fernández, que recoñece tamén a estrañeza de que se reclamase á súa directiva o que non se lle reclamara a Lendoiro, presidente do club durante 25 anos. "Nunca lle preocupou o do topónimo, nin impulsou cambio ningún, nin quixo problemas", explican.
En 2016, unha iniciativa a prol do topónimo oficial (Eu Deportivo da Coruña) fora liderada pola Federación de Peñas, o grupo ultra Riazor Blues e o colectivo Old Faces. Anos antes, houbera outra máis cativa impulsada tamén por grupos de afeccionados. Porque onde non hai debate ningún é na masa organizada deportivista. "Todas as bandeiras, pancartas, camisetas ou emblemas que usan as peñas do Deportivo empregan o topónimo oficial e en galego", reparan Pombo e Reigía, que apuntan tamén a diferenza daquelas iniciativas coa de Aquí tamén se fala. "Aquelas, das que nós somos herdeiros e que gabamos, foron accións puntuais; a nosa é unha campaña, continuada", advirte.
"É unha oportunidade histórica; para a rapazada que impulsa a iniciativa, moita de orixe inmigrante, o Dépor é tamén a súa identidade, unha forma máis de seren de aquí"
E esa campaña seguirá, contan, ata conseguir un obxectivo que ven perto e cunha data idónea para que sexa ratificado: na vindeira temporada, cando o Deportivo celebrará o seu 120º aniversario. É aí onde se podería mudar o escudo, unha modificación —se fose en exclusiva para quitar o L ou mudar La Coruña por Da Coruña na heráldica— que non requiriría tan sequera do cambio de denominación oficial da entidade, como confirman fontes de anteriores directivas. "O nome oficial do club pode seguir como está e o seu escudo levar o topónimo legal, no caso de que os trámites para a mudanza da denominación da entidade tardasen máis", explican.
Tampouco modificar o escudo semella unha rareza. Nin moito menos. "Cando alguén di aquilo de 'o escudo non se toca' só debemos reparar en como foi evolucionando o escudo do Deportivo desde a súa fundación", di Pombo. Aínda máis: é difícil atopar un club que non adoptase algún cambio, por pequeno que sexa, nas últimas décadas. Outros, mudaron a pel: o Real Club Deportivo Español, por exemplo, pasou a ser RCD Espanyol de Barcelona a finais dos 90 e o Girona modernizou o seu emblema en 2022, un ano despois de que o fixese o Deportivo Alavés. Fóra da Liga española, os exemplos son varios nos últimos tempos: Juventus, PSG, Lille, Fiorentina, Inter de Milán, West Ham, Manchester City ou River Plate.
"A súa identidade"
Sexa como for, o camiño está iniciado. "É unha oportunidade histórica; se o club está vivo, capitalizará toda esta paixón, toda esta masa a favor que xorde da rapazada, moita dela de orixe inmigrante e para a que o Dépor é tamén a súa identidade, o seu arraigo, unha forma de conciencia máis de seren de aquí", explican os profesores dun instituto onde, advirten, "o raro é que haxa alguén que non sexa deportivista".
Alberto Pombo, afeccionado e socio, olla ao sur para profundar na súa tese. "A ninguén se lle escapa o que está a facer ultimamente o Celta, creando sentimento do noso, orgullo de ser do equipo da túa cidade nunha entidade que non hai moito non o facía así e non enchía o estadio, pero que agora é envexable por estas iniciativas e o ambiente que xeran", di. "Por iso", engade, cre que o Deportivo "vai saber aproveitar toda esta campaña en positivo". "Vaino entender como unha oportunidade histórica para aglutinar todo este sentimento", conta.
"Polas xeracións futuras, pola unión entre club e seareiros e por dar cabo dunha demanda que vén de longo percorrido, coidamos que o Deportivo debe ser da Coruña e que o 120º aniversario do club pode ser, ademais, unha oportunidade histórica para demostrar compromiso e responsabilidade", remata o manifesto. Tamén, outra forma de facer deportivismo e de impulsar a lingua. Só falta a resposta.