Festival de éxito e un novo proxecto audiovisual: Aquí Tamén Se Fala sobe outro chanzo

Mozos e mozas do proxecto Aquí Tamén Se Fala, durante o festival de música en galego na Praza da Tolerancia da Coruña CC-BY-SA ATSF

Nunha tarde calquera de primavera, varios rapaces e rapazas entran e saen do IES Rafael Dieste da Coruña. Fano malia que non é martes —día no que si hai xornada lectiva vespertina— e que o centro está practicamente baleiro. "Veñen aprender fotografía, gravación de audio, edición de vídeo...", responde Alberto Pombo, profesor do centro, ante a sorpresa de quen se pregunta pola motivación que consegue ter tanto adolescente nas aulas en lugar de gozar fóra dunha xornada solleira e sen exixencias curriculares. 

É parte da rapazada que forma parte de Aquí Tamén Se Fala (ATSF), modelo de dinamización lingüística que irrompeu neste centro entre os barrios de Labañou e O Peruleiro o curso pasado da man de Pombo e doutros dous docentes (Arcadio González e Mónica Reigía). 

A segunda edición do festival Aquí Tamén Se Fala volveu a encher a praza da Tolerancia 📹©Concello da Coruña

O proxecto impulsou a súa primeira campaña a prol do galego nos locais do barrio e acabou mobilizando máis de 200 centros educativos e 25.000  estudantes de toda Galicia. Recibiron numerosos premios, organizaron con éxito a primeira edición do seu festival de música en galego e lanzáronse hai uns meses a unha campaña máis ambiciosa: a que aprema o Deportivo a que empregue o topónimo oficial (A Coruña) na súa denominación

O proxecto Aquí Tamén Se Fala sumou un novo éxito coa segunda edición do seu festival de música en galego, que encheu a Praza da Tolerancia na Coruña

Este pasado venres, na celebración da segunda edición do festival Aquí Tamén Se Fala, volveron encher a Praza da Tolerancia en San Roque de Fóra, que acabou bailando con Ortiga ata a medianoite logo das actuacións de Ulex, Pava e Alana nun certame musical profesional que, segundo a organización, é o único de Europa organizado desde un instituto. Un novo éxito da iniciativa dun grupo de mozos e mozas que espalla o galego fóra das aulas e agora vai por máis.

Porque Emiko, Lidia, Susana, Román, Julieta, Natalia, Elyas, Darío, Aroa, Noa, Evelyn, Olie e César —parte do grupo de rapaces e rapazas que forman parte de ATSF— pasan agora a tomar o control d'O Novo Normal, proxecto fotográfico e audiovisual independente xurdido durante a pandemia da COVID e liderado por Javier Quiroga, colaborador de VINTE e que desde o pasado setembro é tamén o encargado, precisamente, da cafetería do instituto. 

Aquí Tamén Se Fala pasa agora a tomar o control do proxecto fotográfico O Novo Normal para unha nova campaña polo topónimo oficial no Deportivo

"Levo un ano colaborando con estes rapaces e hai xa tempo que tiña a idea de ceder O Novo Normal á xente para que fagan as súas historias, de maneira libre", conta Quiroga, que viu en ATSF unha oportunidade ideal. "O bo que ten esta iniciativa é que, malia estar guiada por profesores, estes buscan darlles autonomía e recursos aos rapaces para que sexan eles os que conten as súas propias historias", engade. 

O novo proxecto chega tamén para sumar aínda máis peso á campaña O Dépor é da Coruña a través dun proxecto de entrevistas co que recoller "historias do Deportivo, da cidade e do amor polo noso". O alumnado falará con veciñanza, familiares e afección para apañar "testemuños desa conexión emocional" co equipo e para lles preguntar "por que pensan que ese xesto simbólico" —o cambio ao topónimo oficial— sería "unha homenaxe preciosa á nosa lingua e identidade". 

Ortiga actuando na segunda edición do festival Aquí Tamén Se Fala CC-BY-SA Concello da Coruña

"A rapazada de ATSF recibe moi boa formación en fotografía, gravación de vídeo e audio ou podcast, e ocorréuseme que podería serlles moi útil gozar dunha plataforma con certa audiencia e que fosen quen de facer entrevistas para un formato novo, o de foto-testemuños en primeira persoa", engade Quiroga, que lembra que un dos que lles aprende gravación e edición de audio unha vez á semana é Nuno García Pico, líder de Grande Amore. 

O novo proxecto de Aquí Tamén Se Fala recollerá foto-testemuños da "conexión emocional" da xente co Deportivo e a súa opinión sobre o cambio no topónimo

Outro chanzo máis nunha campaña pola mudanza do topónimo que aínda agarda por un compromiso do club, que vén de reunirse con ATSF logo de meses agardando unha resposta e que non aclarou aínda se vai impulsar un cambio que é apoiado moi maioritariamente. Polas peñas e pola masa social deportivista, pero tamén co apoio explícito de todos os institutos públicos da cidade, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura, da Xunta, do Concello, da Deputación, así como de numerosas figuras referenciais da cultura ou do deporte en Galicia. 

"Non lle temen a nada"

Agora, o obxectivo son esa serie de foto-testemuños, un formato no que se mestura a fotografía e un texto en primeira persoa a partir das entrevistas aos protagonistas durante as vindeiras tres semanas. Todo dentro dunha campaña, a do topónimo no Deportivo, na que "a rapazada está moi implicada", como explica Quiroga que suma máis de 31.000 seguidores entre o Instagram e o Facebook n'O Novo Normal. 

Outra iniciativa máis de rapaces "que non lle temen a nada", como lembran os profesores impulsores do proxecto. "Tan capaces de gravar un concerto enteiro de Xabier Díaz, como de conseguir que Viggo Mortensen apoie a súa iniciativa ou de organizar dous anos seguidos un festival de música monolingüe", explican. 

As futuras historias do Dépor son "a súa última argallada". A dun alumnado que impulsa o galego sendo na súa maioría de orixe foránea, procedentes dos barrios máis obreiros e con maior inmigración de Galicia e dinamizando e promocionando a lingua cos seus acentos da Arxentina, Venezuela ou Marrocos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.