O pasado sábado, na previa do partido entre o Deportivo e o Granada en Riazor, alumnado do IES Rafael Dieste repartiu 15.000 adhesivos que reivindican o cambio no nome do club para adaptar o topónimo ao galego e á única forma oficial: A Coruña.
Profesorado, alumnos e alumnas implicados na iniciativa Aquí Tamén Se Fala repetiron a acción que levaran a cabo noutro partido no mes de abril. Unha máis dunha activa e importante campaña que, precisamente esta semana pasada, sumou novas voces de referentes da cultura galega que a través dun vídeo no que lembraron que "o Dépor é da Coruña".
Foi a quenda —tras outro vídeo anterior— de figuras como Manuel Burque, Xosé A. Touriñán, Isabel Blanco, Rocío Barrio, Nuno de Grande Amore, Xanma dos Rapants, Bieito Romero de Luar na Lubre, Cibrán e Chicho de Boyanka Kostova ou Mercedes Peón, entre outros.
Uníronse a unha demanda que apoian todos os institutos públicos da Coruña, o Concello, a Xunta, a Deputación ou a Real Academia Galega e que segue a esperar unha resposta do Deportivo, que se limitou a aclarar que a estudaría pero que segue sen atender á reunión solicitada polos impulsores da iniciativa. Dunha campaña que prevé máis accións para as vindeiras semanas e que anunciara para o pasado sábado unha "sorpresa".
Unha pancarta co lema 'O Dépor é da Coruña' estaba preparada para ser pendurada nun fondo de Riazor pero foi requisada pola policía
Non se puido levar a cabo. A idea era que na bancada de Marathon Inferior, e a través da iniciativa do grupo ultra Riazor Blues, se despregase un tifo co lema da campaña, o Dépor é da Coruña, como apoio á iniciativa, así como unha pancarta de "homenaxe á nosa lingua", aproveitando a coincidencia do partido co Día das Letras Galegas.
Ningunha se puido lucir ao seren confiscadas pola policía, segundo denuncia o grupo e corroboran varias testemuñas. Por ese motivo, parte da bancada abandonou o partido ao pouco do seu inicio.
"A Policía Nacional requisou a pancarta e Riazor non puido ver o traballo realizado pola súa bancada de referencia", explica nun comunicado Aquí Tamén Se Fala, que evidencia "a súa mágoa e o seu fondo agradecemento" a un grupo que "levaba traballando durante semanas nunha acción de amor á lingua, ao club e de apoio á iniciativa do estudantado coruñés". "Foi inxustamente requisada", insistiron.
Aquí Tamén Se Fala lamenta que a pancarta fose "inxustamente requisada" e botase abaixo unha "acción de amor á lingua e ao club" e de apoio á súa iniciativa
Como ocorre desde hai anos con todas as pancartas e tifos grandes nos estadios, as súas mensaxes, os materiais empregados —que deben ser ignífugos— e as súas dimensións son revisadas antes polos clubs e as autoridades, que dan o seu visto e prace se cumpren cos requisitos da Liga e aos que obrigan as medidas de seguridade.
Segundo o grupo ultra e fontes consultados por Praza.gal, a pancarta e o tifo cumprían con todos os requirimentos e así foi comprobado polo Deportivo. No momento de introducilas ao estadio, "na entrada do estadio, a Policía Nacional confiscounas". Todo malia que outros dous enormes tifos, en ambos fondos do estadio, si foron despregados para conmemorar o 25º aniversario do título de Liga conquistado polo Deportivo.
O club, consultado por este diario, confirma que si se autorizara previamente a pancarta co lema da campaña a prol do topónimo oficial, pero que "non se especificara" o tamaño e que, ao ser meirande có indicado, foi vetada polo coordinador de seguridade de Riazor. Ademais, lembra que para introducir faixas de maior tamaño do permitido, "é obrigado presentar un certificado ignífugo e obter unha autorización previa das autoridades competentes".
O Deportivo confirma que si se autorizara a pancarta e que foi finalmente requisada por exceder as medidas; os impulsores aseguran que todo fora comunicado e aceptado
Desde a bancada, fontes de entre os impulsores das pancartas aseguran, pola contra, que as medidas si foran comunicadas e que cumprían cos requisitos esixidos. Outras fontes van máis aló e dubidan de que fose a policía ou a Liga quen tomase a iniciativa para vetalas.
Mentres, as noticias sobre a mudanza do topónimo na denominación oficial do club branquiazul seguen sen chegar, malia que mesmo a propia alcaldesa da cidade advertiu que "aquelas entidades de referencia" da urbe, "como o Deportivo, deben axustarse xa ao nome que é oficial e único que hai".
O Deportivo continúa sen contestar ás peticións de reunión da iniciativa a prol do topónimo oficial que apoian Xunta, Concello ou RAG
E tamén a pesar do apoio de cada vez máis administracións, entidades e referentes do mundo da cultura, do espectáculo ou da comunicación, así como da afección deportivista a través da Federación de Peñas e da inmensa maioría dos seus colectivos organizados.
"Nunca antes na historia unha campaña polo topónimo evidenciara a forza desta que lidera a mocidade estudantil", din desde Aquí Tamén Se Fala, que nun comunicado continúa "animando o RC Deportivo a asumir, unha vez máis e como leva facendo case 120 anos, o seu lugar na historia e a se reunir cos representantes da plataforma para que os reciban e os escoiten".
"Para que coñezan de primeira man toda a forza do seu amor. Porque o Dépor é da Coruña", rematan.