"Súmome a un sentimento e a unha evidencia", "Se estamos na Coruña, o Dépor é da Coruña", "de onde ía ser?"... A campaña polo cambio da denominación do Deportivo para que incorpore o topónimo en galego, oficial e único da cidade suma agora persoeiros do mundo da cultura e da comunicación.
Aos apoios iniciais e con sinatura do Concello da Coruña, a Xunta, a Deputación, o Consello da Cultura, a UDC, a Real Academia Galega, a Federación da Peñas ou Álex Bergantiños, coruñés e último capitán histórico do equipo, únense agora figuras do mundo da cultura galega como Xabier Díaz, Yolanda Castaño, Lucía Veiga, Paco Lodeiro, Xurxo Souto, Federico Pérez, Sara Seco, Rodrigo Vázquez, Marcos Pereiro, Isabel Risco, Carlos Ares, César Taibo, Santi Romay ou Monti Castiñeiras, entre outros, así como membros das bandas Mondra ou Ataque Escampe.
Xurxo Souto, María Canosa, Xabier Díaz, Lucía Veiga ou Rodrigo Vázquez únense á campaña que insta o Deportivo a usar o topónimo oficial 'A Coruña' na súa denominación oficial
Nun vídeo de máis de cinco minutos, actores e actrices, músicos, presentadores, escritores ou o ex-alcalde da Coruña e socio deportivista, Xulio Ferreiro, mostran o seu apoio á mudanza no nome do Real Club Deportivo de La Coruña e á campaña de Aquí Tamén se Fala. Esta iniciativa normalizadora, que comezou no IES Rafael Dieste —a poucos metros do estadio de Riazor— e que se estendeu por máis de 200 centros de toda Galicia, comezou hai agora un mes unha nova e ambiciosa campaña que insta o Deportivo a "adaptar o topónimo oficial que representa a cidade: A Coruña".
Esta campaña, que xa advertiron de que sería constante e alongada no tempo, sumou o apoio de todas as administracións públicas e recibiu tamén o apoio explícito e público da alcaldesa da cidade, Inés Rey, que instou o Deportivo a "axustarse xa ao nome que é oficial e único que hai".
Mentres o club evita calquera comentario público, e aínda que transmite o compromiso de "valorar" a petición, a campaña de Aquí Tamén se Fala continúa apañando apoios e sumando actos a prol da mudanza, que considera que sería idónea coincidindo coa celebración do 120º aniversario do club na vindeira temporada.
Á repartición de 15.000 adhesivos en Riazor, ao apoio das administracións e de todos os institutos públicos da Coruña súmase agora á de un lote de persoeiros e referentes en diferentes ámbitos —a maioría deportivistas pero non só—, que deciden sumarse ao que consideran unha mudanza lóxica e "evidente".
"Quero que o Deportivo sexa da Coruña", din moitos que reivindican o uso da toponimia oficial e "na nosa lingua", nun vídeo que remata con Xabier Díaz dedicando unha pequena cantiga a Arsenio Iglesias.