Este mércores inaugurouse en Pontevedra a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, que a cidade acollerá ata o domingo 27. O evento chega con polémica pola participación da selección de Israel no mesmo
Este mércores inaugurouse en Pontevedra a Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, que a cidade acollerá ata o domingo 27. Un acto na Praza de España, precedido dun festivo desfile de todos os países participantes, marcou o inicio de cinco días nos que a Boa Vila se converte, un ano máis, na capital mundial deste deporte. Porén, o evento chega tamén con polémica pola participación da selección de Israel no mesmo.
As asociacións Galiza por Palestina, Pontevedra con Palestina e Rede Galega pola Palestina, xunto co movemento Irish Sport for Palestine denuncian "a colaboración de organizacións deportivas galegas e institucións públicas no branqueamento do xenocidio en Palestina" e chaman á cidadanía a participar en mobilizacións nas rúas, principalmente o sábado 26 e o domingo 27 a partir das 18 horas, nas principais competicións, levando kufiyas e bandeiras palestinas. Activistas de Pontevedra con Palestina estarán na Praza da Peregrina o sábado 26 a partir das 17 horas cun posto informativo.
As asociacións Galiza por Palestina, Pontevedra con Palestina e Rede Galega pola Palestina, xunto co movemento Irish Sport for Palestine denuncian "a colaboración de organizacións deportivas galegas e institucións públicas no branqueamento do xenocidio en Palestina
As entidades convocantes piden que se exclúa a Israel da competición, en liña coas peticións do movemento Boicot, Desinversión e Sancións (BDS), e lembran que a principios deste mes o North West Triathlon Club excluíu a catro triatletas israelís da Copa de Europa celebrada en Derry (Irlanda do Norte). Hai seis deportistas israelís inscritas e unha delas (Shachar Sagiv) e exsoldado das Forzas de Defensa de Israel (FDI), sinalan.
A última hora do martes 22, os colectivos promotores desta campaña recibiron a información da solicitude formal realizada polo Concello de Pontevedra ás Federación Galega e Española, ao Comité Deportivo e ao World Triatlón da exclusión da equipa israelí do Campionato, solicitude que foi rexeitada o martes pola mañá.
As entidades chaman á cidadanía a participar en mobilizacións nas rúas, principalmente o sábado 26 e o domingo 27 a partir das 18 horas, nas principais competicións, levando kufiyas e bandeiras palestinas
As asociacións consideran que a participación de Israel “normaliza e lexitima” un Estado que, segundo a Corte Internacional de Xustiza, podería estar a cometer un xenocidio, e cualifican a súa inclusión como un caso de “sportswashing”. As asociacións sinalan directamente a Federación Galega de Triatlón, a Xunta de Galicia, a Fundación Deporte Galego, a Deputación de Pontevedra, así como a patrocinadores privados, como "entidades implicadas na normalización da participación israelí en competicións deportivas".
Así mesmo, instan o Goberno Municipal "a cumprir coa moción aprobada no Concello de Pontevedra co obxectivo de romper calquera vínculo con Israel e denunciar a súa participación en eventos deportivos e culturais, así como acomplicidade das entidades e administracións galegas que os fan posibles".
O 4 de outubro, manifestación por Palestina en Compostela
A asociación Galiza por Palestina e a Plataforma Galiza pola Paz, que aglutina máis de 30 organizacións, entidades e colectivos do tecido social galego, anunciaron este xoves a convocatoria dunha manifestación nacional en apoio a Palestina o día 4 de outubro, coincidindo co terceiro ano do xenocidio en Gaza e co primeiro ano da asinatura "do mal chamado Plan de Paz de Trump".