Despois de irromper o curso pasado cun modelo de dinamización lingüística que mobilizou máis de 200 centros educativos e 25.000 estudantes de todo o país, a iniciativa Aquí Tamén Se Fala, coa colaboración de Xunta, Deputación e Concello, presentou este venres no IES Rafael Dieste a segunda edición do seu festival de música en galego.
"Un festival aberto á cidadanía e único en Europa", din desde a iniciativa, que encherá a praza da Tolerancia, no barrio coruñés de San Roque, de música en galego o vindeiro venres 13 de xuño a partir das 17:30 horas. Desta volta os protagonistas no escenario serán Dios Ke Te Crew, Pava, Alana e Ulex, coa colaboración especial de Boyanka Kostova, que xa participaron na primeira edición.
"Un festival gratuíto que nace das aulas do IES Rafael Dieste, centro de referencia dos barrios que rodean a Cidade Escolar e a Agra do Orzán, auténtico epicentro histórico da clase traballadora da Coruña, hoxe rexuvenecida coa riqueza internacional cultural e lingüística que alimenta as súas rúas", din desde Aquí Tamén Se Fala, que anuncia unha "actuación sorpresa" para ese venres. Ademais, un día despois, o sábado e na mesma praza, terán lugar as festas dos barrios de Labañou e San Roque.
Dios Ke Te Crew, Pava, Alana, Ulex e Boyanka Kostova serán os protagonistas da segunda edición do festival, que terá unha "actuación sorpresa"
O certame de Aquí Tamén Se Fala será a segunda edición tras o do ano pasado, que congregou preto de 5.000 persoas e puxo o ramo a unha actividade frenética na dinamización lingüística que mereceu o recoñecemento unánime da sociedade con premios como o Innovagal, o Rosalía de Castro de Lingua, o do Forum Europeo do Ensino ou o Mil Primaveras, entre outros.
No acto deste venres, ademais de Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, tamén estiveron presentes Valentín García Gómez, secretario xeral de Lingua; Soledad Agra, responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Idnalecio Cabana, xefe territorial da Coruña; Norma Fariña, directora do IES Rafael Dieste; Arcadio González e Mónica Reigía, profesores coordinadores do festival; e Lucía Aldao, integrante do grupo Pava.
Será unha nova acción cultural, dinamizadora e reivindicativa impulsada por Aquí Tamén Se Fala, que durante todo o curso continuou difundido a cultura galega con gravacións realizadas polo alumnado do Rafael Dieste de artistas como Amancio Prada, Quico Cadaval, Fillas de Cassandra ou Xabier Díaz. Mantivo unha estratexia viral en redes á que sumaron o seu apoio referentes culturais como Yolanda Castaño, Marco Neves, Carlangas, as bandas La M.O.D.A. e Doña Manteca ou o humorista Champimuros.
Do mesmo xeito, Aquí Tamén Se Fala iniciou unha relevante campaña baixo o lema O Dépor é da Coruña para animar o Real Club Deportivo a asumir o topónimo oficial e patrimonial da cidade; unha demanda apoiada por numerosos referentes culturais, ademais de pola Xunta, a Deputación da Coruña, o Concello ou a Real Academia Galega.