A selección galega prepara en Irlanda a súa quinta participación no Mundial de fútbol gaélico

Selección feminina de fútbol gaélico CC-BY-SA Gaélico Galego

As seleccións galegas de fútbol gaélico viaxan esta semana á terra nai do seu deporte nunha concentración de preparación de cara aos World Games do vindeiro ano 2026. Nunha xira de tres días por Irlanda que empeza este xoves, os combinados galegos masculino e feminino xogarán contra os conxuntos de St Brigids, o St Pats Donabate, St Sylvesters e mais o Kilmacud Crokes. 

As seleccións galegas de fútbol gaélico realizan unha xira por Irlanda para preparar a participación no seu quinto mundial

Será "o Camiño Celta", como o cualifica nun comunicado a Federacion de Fútbol —á que está adscrita desde hai algúns anos esta disciplina—, das seleccións galegas na súa preparación de cara a estes World Games, o mundial desta disciplina e que celebrará a súa cuarta edición logo das de 2015 (Abu Dhabi, Emiratos Árabes), 2016 (Dublín, Irlanda), 2019 (Waterford, Irlanda), 2023 (Derry, Irlanda). 

Os seleccionadores galegos masculinos, Alexandre Sanmartín e David de la Torre, citaron 23 futbolistas que pertencen a nove clubs: Estrela Vermelha, Turonia, Lorchos, St. Peregrine’s, O Pino, Fillos de Breogán, Keltoi, O Forte Boqueixón e Paris Gaels. Todos eles defenderán a elástica de Galicia GAA. Entre deles está Samuel Lagoa, futbolista de Cee que agora xoga en Irlanda no St. Peregrine’s. Na súa etapa practicando o fútbol gaélico en Galicia militou no Estrela Vermelha.

Un encontro da selección galega feminina de fútbol gaélico CC-BY-SA FGF

O mesmo número de xogadoras (23) foron as que citaron na súa convocatoria os seleccionadores da Selección Galega feminina, Pablo da Silva e Juan Luis Fernández. As futbolistas do conxunto do Galicia LFGA chegan de sete clubs. Neste caso do Auriense, Estrela Vermelha, Lavandeiras, Turonia, Grovias, Fillas de Breogán e Kilmacud Crokes. Tamén na convocatoria feminina hai unha deportista que reside agora en Irlanda e que milita no Kilmacud Crokes. Trátase da pontevedresa Carmen Reboreda que en Galicia xogou no Pontevedra, no Keltoi e no Independiente.

Dous dos convocados polas seleccións galegas xogan en equipos irlandeses

É tamén significativa a presenza nesta convocatoria de catro rapaces de 15 anos que xogaron o Europeo (Fèile) e que militan no Pino (Martín Giao) e no O Forte Boqueixón (Simón Rouco, Iker Rodríguez e Daniel Cereijo, este último o nomeado MVP do Fèile). Tamén no equipo feminino están Uxía Otero e Emma Rojas futbolistas de categorías inferiores, pero que xa compiten co primeiro equipo no club Estrella Vermelha. 

"Estas incorporacións ás seleccións galegas de deportistas da base dan conta, unha vez máis, de que o traballo feito coa canteira a través das Gaélico Escolas PuntoGal dá froitos e permite contar con remuda xeracional no fútbol gaélico galego", explica a Federación Galega de Fútbol. 

A selección galega de fútbol gaélico, con trece anos de existencia, ten competido en todos os mundiais e europeos celebrados ata agora, alcanzando mesmo o podio nalgunha destas competicións. De feito, o mundial do vindeiro ano será o quinto no que compita un combinado que é o único no que Galicia compite de xeito oficial, ao ser recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global.

Selección galega masculina de fútbol gaélico CC-BY-SA Gaélico Galego

Con esa futura participación, Galicia confirma o seu posto na elite e a importante e espectacular historia do fútbol gaélico no país. Todo comezou en 2011, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo desta disciplina. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugby. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar.

A Coruña impulsou hai máis dunha década un deporte descoñecido que agora conta con ligas masculina e feminina e unha selección recoñecida oficialmente

Na actualidade, este deporte conta cunha liga galega masculina e feminina con máis de dez clubs afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial. Ademais, segue a asentarse como competición, espallando o deporte por numerosas localidades e asentando a canteira con proxectos como as Gaélico Escolas PuntoGal para a formación e a divulgación do fútbol gaélico entre os máis pequenos e en idade escolar.

O éxito deste deporte en Galicia é único. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da Illa ou descendentes deles. En Galicia, practicamente a totalidade dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza centos de xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.