A xuízo un adestrador e un espectador por insultos homófobos a unha árbitra nun partido de menores en Ferrol

Tres árbitras, nun campionato de España de seleccións autonómicas en Vigo © RFGF

A xuízo un adestrador e un espectador dun partido de fútbol de menores en Ferrol por insultar a árbitra con comentarios homófobos. "Puta bollera de mierda" foi a expresión que presuntamente usaron estas dúas persoas contra a colexiada. 

'Puta bollera de mierda' foi un dos insultos dirixidos cara á árbitra polo adestrador e un afeccionado, segundo o auto do xuíz dun tribunal de Ferrol

Ante estes feitos, e finalizada a instrución, a Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ferrol, praza 1, ordena a apertura de xuízo oral contra o técnico e o afeccionado, aos que se acusa de verter eses comentarios co obxectivo de menoscabar a súa dignidade “por razón da súa orientación ou identidade sexual”.

Porteira, durante un partido de fútbol en Galicia CC-BY-SA Villalonga FC

O xuíz, no auto no que dá por finalizada a investigación dos feitos, explica que o 12 de xaneiro de 2025 disputouse un encontro de fútbol no que actuaba como árbitra a vítima, quen foi “increpada durante o partido por varias persoas”, particularmente polo adestrador dun dos equipos. 

O maxistrado ve nos feitos a "intención de lesionar a dignidade" da árbitra "por razón da súa orientación ou identidade sexual"

Desta forma, indica na resolución que das probas practicadas se desprende que, ao ser expulsado, “dirixiuse a ela con frases como 'puta bollera de mierda' e outras similares”. A iso engade que un dos espectadores, ao longo do partido, “tamén se dirixiu en varias ocasións á citada colexiada en similares termos”.

"Trato degradante"

O maxistrado destaca que ambos “dirixiron as citadas frases ou palabras cara á árbitra de forma pública, ante todos os presentes no lugar, coa intención de lesionar a súa dignidade por razón da súa orientación ou identidade sexual, constituíndo, en todo caso, un trato degradante cara á súa persoa, que atentou contra a súa integridade moral”.

No auto de apertura de xuízo oral, contra o que non cabe recurso, o maxistrado indica que se ten por formulada a acusación contra ambos por dous delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, recoñecidos na Constitución, na súa modalidade de lesión da dignidade por motivos discriminatorios, e 5 do Código Penal, en concurso de normas con dous delitos contra a integridade moral do artigo 173.1 do Código Penal, a resolver conforme a penalidade do primeiro polo principio de especialidade do artigo 8.1 do Código Penal. 

Raquel, árbitra de 13 anos que denunciou "acoso" nun partido, le un manifesto en Riazor contra o odio © LaLiga

O Ministerio Fiscal solicita, no caso dun dos tipos de delito, penas de 1 ano e 6 meses de prisión e de dez meses de multa con cota diaria de oito euros, ademais de inhabilitación para profesión u oficio educativo no ámbito docente, deportivo e de tempo libre por un tempo de cinco anos. Noutro caso, solicita a prohibición de aproximarse a afectada a distancia non inferior a 200 metros e de comunicarse con ela, ademais de vetar o acceso a encontros de ámbito infantil ou estadios de fútbol onde se disputen partidos de categoría profesional. 

A acusación particular solicita penas de trece meses de prisión e multa de dez meses en razón de 15 euros diarios por un dos delitos, e de 18 meses de cadea por outro. Ademais, reclama que se inhabilite ao técnico para exercer como adestrador polo tempo que dure a condena imposta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.