Dimite un adestrador de fútbol de Poio por comentarios machistas a unha nena: "Está solteira, por onde lla queres meter"

Porteira, durante un partido de fútbol no campo do Villalonga CC-BY-SA Villalonga FC

O pasado martes, a través dun comunicado público, o Villalonga Fútbol Club expresaba a súa "absoluta repulsa" polos comentarios que, aseguraba, o adestrador do CFB Poio vertera no partido de categoría infantil que ambos os dous equipos disputaron o pasado sábado 6 de maio. 

O Villalonga FC acusa o adestrador do CFB Poio infantil de realizar comentarios machitas cara á súa porteira: "Está solteira, por onde lla queres meter"

Segundo o club de Vilalonga, o adestrador do equipo poiense realizou diversos comentarios machistas e degradantes contra a porteira local, unha rapaza de só 13 anos que "acabou chorando". Entre eles, e segundo relata o técnico do equipo celeste, o técnico do Poio, ante unha ocasión ante a gardameta, dirixiuse a un dos seus futbolistas nestes termos: "Está solteira, por onde lla queres meter". Este e outros comentarios, terían sido, ademais, escoitados polo pai da nena desde a bancada. 

Rapazada, nun adestramento nun campo de fútbol CC-BY-SA Kampus Production

O técnico do club poiense presentou a súa dimisión para "parar as falacias e inxurias" cara á súa persoa

O pasado martes a última hora, o Club de Fútbol Base Poio emitiu un comunicado no que asegura que condena  "calquera acto de violencia verbal ou física que ensucie os valores que ensina aos nosos nenos o deporte", pero no que reclama tamén contención nas críticas cara ao seu adestrador, que xa presentou a súa dimisión.

"A propósito do ruído mediático que se está xerando, o noso adestrador presentou a súa dimisión irrevogable para nas súas propias palabras 'parar as falacias e inxurias' cara á súa persoa", di o comunicado. Ademais no mesmo texto o club di que a súa intención é frear o posible dano que todo este balbordo poida orixinar á xogadora do Villalonga vítima do desagradable comentario, así como ao resto de xogadores ddos dous clubs.

Segundo explica o club poiense, os feitos ocorridos debéronse a "un cúmulo de despropósitos", argumentando que "unha vez" que o seu adestrador "comete o erro dun mal comentario, diríxese a todos os espectadores, xogadora e pais de ambos os dous equipos pedindo desculpas". Ademais, piden ao Vilalonga que faga públicas as imaxes gravadas no partido "para contrastar e poñer todo no seu xusto lugar".

"Dun comentario inaxeitado non se pode destruír unha persoa", pide o CFB Poio, asegurando que o preparador "vai exercer todas as medidas legais precisas contra aqueles que están a terxiversar a realidade e tentando manchar o seu nome".

Ante a polémica polos comentarios sexistas, o Concello de Poio, a través da concelleira responsable de Deportes, Marga Caldas, transmitiu a súa "máis enérxica repulsa por estes feitos", que "non representan os valores do deporte en xeral nin ao tecido deportivo de Poio, que sempre foi exemplar no seu comportamento e na súa acción".

Ademais, anunciou que o Concello pedirá "que se adopten as medidas oportunas". "Esiximos ao club que tome medidas para cortar este problema de raíz a fin de que non se volva repetir en ningunha entidade deportiva deste concello", asegurou Caldas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.