"O mundo do fútbol séguese a ver con lentes masculinas, cunha soa cor, pero hai moitas máis cores; estamos perdendo perspectiva". Bibiana Santiso traballa desde hai anos no Real Club Deportivo e tamén na Federación Galega. Como tradutora, intérprete e profesora de inglés na entidade branquiazul, e antes como xogadora amateur, coñece desde dentro o deporte rei. Tamén o machismo imperante, malia todo o avanzado.
Bibiana Santiso levou a cabo un estudo sobre o machismo no fútbol, con entrevistas a mulleres que traballan no ámbito do deporte rei
"Que o fútbol feminino estea en auxe tapa o machismo, que agora é máis sutil", reflexiona Santiso, autora do Plan Piloto 8M2021: Elas+fútbol, un estudo elaborado en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e o Deportivo, con entrevistas a mulleres que traballan no ámbito futbolístico da provincia coruñesa, desde equipos, pasando polo xornalismo, a arbitraxe, a fisioterapia e ata a dirección empresarial.
Co obxectivo de que sirva de base para unha futura investigación a nivel galego, o informe achega xa datos ben reveladores, grazas tamén á colaboración co club coruñés, importante impulsor do fútbol feminino nos últimos anos, e ao que Santiso agradece a colaboración para a investigación.
Máis do 80% das consultadas di ter sufrido ou presenciado machismo no seu posto de traballo; o 15% di ter presenciado acoso sexual
Por exemplo, que o 82,5% das consultadas sufrisen ou presenciasen machismo no seu posto de traballo no fútbol, que máis dun 90% aturasen bromas ou chistes machistas, que o 75% soportasen declaracións despectivas sobre a súa capacidade baseadas no xénero ou que un 15% presenciasen ou padecesen acoso sexual ou discriminación contra unha muller embarazada.
"Chocan moito algúns datos, como o do acoso", advirte Santiso, que repara tamén en casos como o dos chistes machistas. "Que sexa tan común é cruel e moi triste porque as mulleres non estamos na mesma posición; é unha falta de respecto desde unha posición de privilexio que nós non temos", explica quen destaca que case o 40% das consultadas asegurou tamén ter sido excluída algunha vez de certas áreas polo feito de ser muller.
O problema, explica Santiso, ten bases moi fondas, desde o mesmo concepto do fútbol. "Cando se fala de muller e fútbol só se pensa na competición feminina e as profesionais do ámbito quedamos invisibilizadas cando estamos a traballar para o masculino e para o feminino, para ambos", di sobre unha caso que afecta a preparadoras físicas, directivas, persoal de márketing ou fisioterapeutas.
"Estamos invisibilizadas desde dentro do sistema. Como muller, tes que traballar moitísimo máis para gañar o respecto dos compañeiros"
"Estamos invisibilizadas desde dentro do sistema. Como muller, tes que traballar moitísimo máis para gañar o respecto dos compañeiros, cando eles xa asumen que saben máis ca ti do deporte aínda que non xogasen nunca", insiste quen asegura que ante calquera cambio na dirección dunha empresa "todos comezan de novo, pero as mulleres, de cero e con costa arriba para poder demostrar".
Destas experiencias e reflexións compartidas con outras compañeiras do mesmo ámbito xurdiu a idea do estudo. "O que lle pasaba a unha pasáballe a case todas", explica Santiso, que ve a "falta de visibilización" do traballo de tantas mulleres no mundo do fútbol como unha das grandes eivas. Tamén a falta de referentes femininos: o 82,5% das consultadas aseguran que non son suficientes. Sobre todo nos "altos perfís".
"Hai moitas mulleres que non teñen referencias femininas, que non saben que hai moitas saídas no mundo do fútbol", explica Santiso. "Se es un xogador sabes que na última etapa da túa carreira podes facer cursos para seguir vinculado a este deporte, mentres as mulleres elixen outros camiños porque non confían en ter futuro nel", conta quen destaca a presenza de psicólogas, fisioterapeutas ou directivas tanto no Deportivo como noutras entidades do ámbito futbolístico.
Con este plan piloto, e cun estudo que espera poder estender en número e ámbito xeográfico a toda Galicia, Bibiana Santiso pretende "mudar o fútbol", non só no que ten que ver coas mulleres. "O fútbol feminino non é un punto e aparte; o que funciona para o masculino non vai funcionar para o feminino. O fútbol practicado por mulleres tense que desenvolver doutro xeito, non masculinizado", engade esta tradutora e intérprete que pide "unha oportunidade" para esa evolución diferente.
"O fútbol feminino non é un punto e aparte; o que funciona para o masculino non vai funcionar para o feminino"
Un cambio que mude, por exemplo, a situación das nais. Apenas as hai traballando no fútbol, onde a idade máis habitual do seu persoal está na vintena e non adoita chegar aos 50. Pola contra, entre os homes é moi habitual que os traballadores arredor deste deporte superen os 50 ou os 60 anos.
"Se os homes que toman as decisións fosen máis abertos de mente, poderían aprender outro modo de facer as cousas, tamén no masculino", conta Bibiana, que advirte de que "nin tan sequera a linguaxe no fútbol é inclusiva" ou do "paternalismo" co que se trata as futbolistas en comparación cos seus compañeiros. "Por que non se traslada esa suposta comprensión dos erros ou das derrotas aos homes, que reciben críticas moito máis duras mesmo sendo uns rapaces? Ou é que, en realidade, non é máis que machismo pero máis difícil de apreciar?", pregúntase.
Co seu estudo, e coa ampliación que veña, Santiso pretende achegar datos "que sirvan para reflexionar de cara ao camiño que toma o fútbol nos vindeiros 45 anos". "Hai rapazas tan agradecidas de poder xogar, de estar nun club de elite, que non se decatan de que as tomas de decisións desde arriba son diferentes entre a modalidade feminina e a masculina; non perciben o machismo", engade.
Agora, entre os obxectivos de Santiso, con outras compañeiras, o de crear unha rede de mulleres profesionais no mundo do fútbol que abranga tantas e tantas profesións con presenza feminina. E seguir coa difusión do estudo e coa visibilización das mulleres no fútbol, como as xornadas A terra, o balón mais elas, celebradas en Abegondo.
Alí, en debate con outras mulleres vinculadas ao fútbol, confirmouse "un patrón que se deu e se dá continuamente". "Seguimos tendo barreiras, desde sempre, e niso non mudou nada", advirte Santiso. Malia "o auxe" que o fútbol feminino está a experimentar nos últmos anos. "Iso tapa moito dos problemas", remata.