O "acoso" a unha árbitra de 13 anos denunciado pola súa nai: "Tíñalles medo; crean monstros"

Tres árbitras, nun campionato de España de seleccións autonómicas © RFGF

A nai dunha árbitra de fútbol de tan só trece anos denunciou este pasado domingo en redes sociais o “acoso” sufrido pola súa filla durante un partido de prebenxamíns —pequenos entre 5 e 7 anos— disputado o pasado sábado nos campos da Torre da Coruña. 

Segundo denuncia, nun encontro entre os equipos do Victoria e do Silva, a cativa tivo que aturar unha situación “terriblemente agresiva” por parte de persoas dos corpos técnicos e familiares na bancada. Esther Rey, que así se chama a muller, relata o duro episodio sufrido pola súa filla e culpa do acontecido varios membros dos bancos de ambos conxuntos. 

Campos de fútbol da Torre, na Coruña © Concello da Coruña

A muller relata unha atmosfera "terriblemente agresiva" cara a unha árbitra de 13 anos nun partido de prebenxamíns

Sobre o delegado do Victoria asegura que "foi un auténtico monstro que se dedicou a discutir de maneira reiterada todas e cada unha das decisións dunha nena de 13 anos que, ao igual que os xogadores, está aprendendo". "Con mala educación, intimidándoa cos seus espaventos, as súas expresións e a súa actitude corporal", di sobre unha persoa á que cualifica de "gañán", un "energúmeno que debería ter unha orde de afastamento dos campos de fútbol". 

Así, acusa este membro do banco dun dos equipos de "crear monstros á súa imaxe e semellanza" co seu "exemplo desde a banda". "No descanso un xogador de non máis de sete anos achegouse á milla filla exixindo explicacións polo xeito de asubiar as faltas", lamenta, sinalando precisamente ese comportamento de imitación dos máis pequenos. 

A  nai acusa membros dos corpos técnicos de ambos equipos de "acosar" a súa filla e de comportarse como "monstros": "Non se atrevía a acercarse á banda; tíñalles medo"

Respecto ao outro equipo, o Silva, sinala tres mozos que ocupaban o banco por "actuar en manda, acosando a miña filla ante calquera decisión arbitral". "Non se atrevía a acercarse á banda porque lles tiña medo polas súas expresións e actitude agresiva", denuncia.

Sobre a bancada, Esther Rey asegura que preferiu "non mirar" as afeccións que tiña ás súas "costas". "Non eran os seus comentarios despectivos cara a unha nena moito mellores que os do banco", explicou quen aclara que a súa filla "non fixo uso de todas as armas que o regulamento ten habilitadas para estes casos", como "activar o protocolo de violencia verbal, sacar cartóns, expulsar os tres desvergoñados...". "É denunciable", insiste, sobre actitudes cara a unha repaza "menor de idade, cun brazalete que indica a súa idade". 

Brazalete que lucía a filla de Esther Rey, nunha imaxe difundida pola nai © Esther Rey

"Non penso calar porque sería encubrir unha acción e unha actitude que moitas veces se oculta por vergoña", engade a nai, que gaba o labor de árbitros e árbitras, sobre todo os máis novos, e pide que "unha autoridade —policía ou persoal da Federación— vele polo correcto desenvolvemento dos partidos desde o respecto e a educación". 

"Á miña filla dígolle que a quero ver sorrir cando saca un cartón vermello igual que cando se alegra porque un equipo ao que está arbitrando marca un gol". remata. 

Ante a polémica, a Federación Galega de Fútbol (FGF) emitiu un comunicado, logo da reunión da súa xunta directiva o pasado luns, no que traslada ao Comité Galego de Árbitros e ao colectivo arbitral "todo o seu apoio e solidariedade ante este e todos os casos de violencia que desgraciadamente se producen nalgunha ocasión no noso fútbol". 

A Federación Galega de Fútbol convoca a Comisión para o Control da Violencia no Fútbol para "analizar" todos os casos acontecidos nos últimos meses

Respecto do caso concreto de Raquel Rey, a nena afectada, trasládalle "todo o seu apoio e agarimo", algo que o presidente da entidade, Pablo Prieto, fixo persoalmente á familia tras un contacto telefónico coa nai. "Temos claro que este tipo de condutas e comportamentos non teñen cabida no fútbol e no deporte en xeral", di a Federación, que asegura que "seguirá denunciando este tipo de actitudes" e que confía "en que non se volvan repetir situacións como a do pasado sábado". 

Ademais, a FGF advirte que o caso "está en mans dos órganos disciplinarios correspondentes", tal e como marca a normativa, e que convocará de urxencia a Comisión para o Control da Violencia do Fútbol Galego para "analizar tanto esta como todas as situacións de violencia, física ou verbal, que están a producirse no noso deportes nos últimos meses". 

"Amosamos o noso desexo de poder gozar no futuro dun deporte sen violencia", reitera a xunta directiva da FGF, que insiste na "solidariedade" co colectivo arbitral e con todas as vítimas de actitudes como as sufridas por Raquel a pasada fin de semana. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.